A FeSP e o SXG reclaman a reforma das radios e televisións autonómicas no sentido da lei de RTVE

Como era previsible, a polarización da clase política española nos últimos tempos penetrou a fondo nos medios públicos de comunicación, e sobre todo nos utilizados de ariete contra o Goberno central. Hai anos que a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), denuncia o modelo oficialista de medios públicos, que a pesar da oposición dos profesionais e aos avances en RTVE e na próxima lei da CCRTV en Cataluña, mantense e agudiza en diversas comunidades autónomas onde os seus Gobernos non se dan por aludidos respecto da esixencia de democratizar e liberar de partidismo as súas radios e televisións, que deberían estar ao servizo de toda a sociedade.

Esa necesidade obxectiva de reforma ponse de manifesto unha vez máis ante casos escandalosos como o de Telemadrid, controlada e dirixida por un Goberno do PP que se permitiu desmantelar a tímida realidade dun Consello Audiovisual co argumento tramposo de que podía significar unha inxerencia sobre os medios: desde logo, os populares parecen preferir o control directo.

Os medios públicos deben ser de todos

A loita dos traballadores e traballadoras de Telemadrid é neste sentido paradigmática, e non debe permanecer illada, porque defende os valores profesionais da información e do servizo público auténtico, ambos na picota polo descarado intervencionismo político do Goberno autonómico.

Por iso, a FeSP chama á solidariedade cos compañeiros de Telemadrid, non só en forma de apoio público, senón asumindo as súas reivindicacións nos medios públicos de comunicación, especialmente aqueles de ámbito autonómico dirixidos por Gobernos que non pensan ceder na súa vontade de control duns medios que por definición deben ser de todos.

O BNG pide explicacións ao Goberno polos novos recortes de persoal previstos en RTVE

DEZASETE TRABALLADORES "EXCEDENTES A LIQUIDAR"

O partido nacionalista informa que "a SEPI elaborou unha listaxe de 164 traballadores que se consideran `excedentes a liquidar´ na nova Corporación RTVE, a empresa pública que substituirá ao antigo Ente RTVE".

Na formulación da súa pregunta, Francisco Rodríguez afirma que “a supresión de outros 17 postos de traballo de RTVE en Galiza é excesiva, inxustificada e incumpre os acordos asinados cos sindicatos?", segundo informa a web desta agrupación política.

RTVE planea desfacerse de máis traballadores en Galicia

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama aos Gobernos estatal e galego que eviten un maior desmantelamento de Televisión Española e Radio Nacional de España na Comunidade. E é que a SEPI filtrou unha nova lista de 17 traballadores da cadea en Galicia que pasarían a ser “excedentes a liquidar”. De saír adiante este plan, Galicia perdería aínda máis activos, despois da grave redución de persoal e das horas de emisión en galego a raíz da recente reestruturación polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE).

Dende a reforma de RTVE e a súa transformación en Corporación, o galego só conta cunha hora e media de tempo ao día. A reforma reduciu a un terzo a programación de Radio Nacional en Galicia, eliminando os boletíns informativos de cada hora.

Mentres, RTVE segue mantendo Radio 4 en Cataluña, que emite 24 horas en catalán. Ante a evidente discriminación a Galicia, o Sindicato pide a todos os axentes sociais –especialmente aos partidos no goberno- que se mobilicen en defensa dos traballadores e da presenza do galego nos medios públicos.

Se RTVE non traspasa a estes 17 asalariados á nova Corporación estará, ademais, incumprindo o acordo que asinou cos representantes dos traballadores, no que deixaba claro que todo o persoal que non se prexubilase pasaría á Corporación. A intención de RTVE sería, polo tanto, unha ilegalidade.

Galicia é a autonomía máis afectada
En total, son 164 os traballadores de toda España que figuran na lista de “excedentes a liquidar”. Galicia, con 17 posibles baixas, sería a comunidade máis afectada por esta medida.

Adios Caffarel, Ola Fernández

A maioría do persoal de RTVE prepárase a esquecerse da ex-directora xeral e a recibir coa mellor dos seus sorrisos ao novo presidente. Os que tiveron un cargo, para ver se o conservan, e os que non, para ver se cae algo. É unha das permanentes historias patéticas da casa: a ausencia dunha concepción profesional por encima de clans persoais, sindicais ou políticos.

Todo un desafío para a Corporación que se construirá sobre as ruínas do Ente. A xestión Caffarel viviu todo este tempo do indubidable e importante logro de recortar a ampla manipulación, a basta censura e o claro abuso gobernamental que deixou o Partido Popular. De feito, a actual oposición do PP non logrou atopar algo parecido a pesar da súa férrea, e en bastantes ocasións mendaz, procura de casos similares. Case todo o demais que xestionaron os equipos Caffarel, esfiañouse ou se veu abaixo.

Se as cousas son como acaban, o seu mandato termina, en primeiro lugar, co persoal do Ente reducida á metade sen máis argumento que o economicista, aplicado basicamente aos custos laborais e sen ter en conta obxectivos profesionais e de servizo público. Non foi menor o desprezo ao informe do chamado “Comité de Sabios” que na súa páxina 171 pedía renunciar a plans de prexubilación por criterio exclusivo de idade (fórmula de expedientes de regulación de emprego) e fomento da permanencia selectiva. Máis de dous anos tiveron Caffarel e o goberno que a nomeou para planificar unha reforma intelixente pero optaron polo brochazo groso.

Será unha nova etapa de verdade?
Xa está aquí a Corporación, como prometeu o Goberno, e veremos se cumpre as expectativas e rectifica os profundos males do Ente que non soubo ou non quixo resolver a xestión Caffarel. A lei e o procedemento son basicamente aceptables aínda que evidenciaron un indeseado continuísmo. En realidade, os partidos e os seus grupos parlamentarios seguiron actuando por cotas á hora de designar aos membros do novo Consello de Administración e nin sequera respectaron as formas: PP e PSOE deron a coñecer o nome do novo Presidente en canto estiveron de acordo, sen esperar á designación de todos os conselleiros e sen ter en conta que debía ser nomeado de entre eles. O caso máis intrapartidista represéntao o conselleiro a proposta de CIU, elixido por unha banda da coalición porque a outra se reserva o nome do candidato ao Consello Xeral do Poder Xudicial. Tampouco podemos aplaudir que naza a Corporación sen estar en vigor unha das máis importantes instancias para o seu control e supervisión, a Autoridade Audiovisual Estatal que, segundo recolle a lei, ten ata que emitir informe previo para algunhas actuacións da Corporación.

Arrancada de cabalo, chegada de burro
A Corporación herda unha RTVE máis pequena e con graves carencias que non solucionou Carmen Caffarel. Non só non se apostou claramente pola calidade, a cultura e o incremento do autoabastecemento senón que os contidos deste tipo foron marxinados habitualmente en canles e horarios minoritarios. As produtoras privadas seguiron obtendo o seu parte substancial. Os equipos directivos foron formados, basicamente, con criterios persoais ou caprichosos. RNE volveu ao EGM (cos resultados desastrosos coñecidos), mantivéronse os faladoiros, a descapitalización técnica chegou ao momento de ter que parar o ERE nestes departamentos. Dunha rede de emisoras, pasamos a ter corresponsalías. Do Estatuto e dos Consellos de Redacción en RTVE ninguén se acorda. A programación en xeral, descontada fai tempo a comparación coa xestión anterior, estancouse na mediocridade. O menos que pódese concluír desta etapa que termina é que foi timorata e frustrante. De arrancada de cabalo inglés e chegada de burro.

Futuro no aire
O futuro laboral non se presenta mellor cuns xestores que seguen intentando recortar dereitos e aumentar produtividade á súa costa. O certo é que medio persoal terá que sacar adiante o cento por cento da programación co aumento de funcións pactado polos sindicatos maioritarios e a consecuente diminución da especialización.

En canto á aplicación do ERE, está evidenciando graves deficiencias de planificación, disparidade na valoración dos conceptos polos que uns compañeiros e compañeiras integran ou non as listas mensuais e, ata, falta de respecto cara a quen se decatan da data de saída por terceiras persoas ou cando se publica a lista. A tantos executivos, propios e alleos, con todos as súas organigramas e confusos plans, esixímoslles un calendario público a medio prazo para que os compañeiros poidan organizar a súa vida e a empresa, o traballo.

Do novo Consello de Administración esperamos e reclamamos que poña coto a tantos abusos e da maioría sindical que coloque encima da mesa, dunha vez, a prioridade absoluta de conseguir uns medios audiovisuais públicos profesionais, ao servizo da información, da cultura, do entretemento digno e dunha sociedade da comunicación avanzada. Sen estes obxectivos por encima de calquera outro, a Corporación fracasará como o fixo o Ente.

Madrid, 15 de xaneiro de 2007 (Sección Sindical SPM-RNE)

A FeSP pide ao novo Consello de RTVE que defenda a programación nas linguas autonómicas

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, fai un chamamento ao Consello de Administración da Corporación RTVE -que hoxe tomou posesión-, para que o seu obxectivo prioritario sexa defender a calidade, os criterios profesionais e o incremento de programas propios no canto de favorecer cada vez máis ás produtoras privadas. E, tamén, para que manteña a programación dos centros territoriais e a das autonomías con lingua propia, de acordo coa súa misión de difundir as linguas e culturas do conxunto do Estado español. O SXG lembra que na actualidade a programación en galego en RTVE limítase a media hora de telexornal ao día.

Deficiente aplicación do ERE

A Xunta Executiva da FeSP lamenta que a Corporación RTVE e o seu Consello póñanse en marcha sen que sexa creada unha autoridade audiovisual de ámbito estatal, prevista na lei e que ata debería emitir informes previos a algunhas decisións do Consello.

É criticable, así mesmo, que o persoal de RTVE sexa reducido á metade sen definir previamente que modelo de radio e televisión públicas quérese implantar e mostrando un claro desprezo ao informe do chamado Comité de Sabios. Eses expertos aconsellaron que non se prexubilara a unha parte do persoal por criterios de idade, pero finalmente foi este o argumento fundamental para prescindir de máis de 4.000 persoas. Ante esta situación, pedimos ao presidente, Luís Fernández, e ao resto do Consello, que corrixan as graves deficiencias coas que se está aplicando o Expediente de Regulación de Emprego.

Non malgastar unha oportunidade histórica

Durante a etapa de Carmen Caffarel recortouse amplamente a manipulación, a censura e o abuso gobernamental que existiu no Ente público durante o Goberno do PP. Pero iso non é suficiente para lograr a radio e televisión pública que a cidadanía merece. Por iso, a FeSP pide ao Consello de Administración que se dedique a fondo a resolver os graves problemas de RTVE que non se quixeron ou non se souberon afrontar ata agora.

A lei que regula a radio e televisión de titularidade estatal é aceptable, en termos xerais, polo que o novo Consello de Administración ten unha oportunidade histórica para lograr que esa norma faga posible converter nunha realidade a RTVE que queremos os profesionais e que necesita a cidadanía. Haberá que esperar a ver se ese órgano cumpre as expectativas que existen, para o que é imprescindible que os seus integrantes esquézanse de que foron elixidos tras unha «repartición» entre partidos, sen respectar nin sequera as formas, aínda que finalmente a súa designación corra a cargo do Parlamento.