O goberno quere pechar a emisora de Radio Nacional en Vigo

Quedarán 2 dos 12 traballadores

A través dun comunicado, os traballadores do centro explican que os dous organismos decidiron variar lixeiramente os proxectos de reestruturación de RNE para a cidade. A proposta inicial de suprimir a emisora de Vigo, onde traballan 12 persoas, continúa en pé, pero a dirección da compañía e a SEPI decidiron variar os seus proxectos, deixando polo menos unha unidade informativa.

Segundo informou a deputada e concelleira socialista María Xosé Porteiro, que forma parte da comisión de control de RTVE no Congreso dos Deputados, a importancia da cidade de Vigo fixo reconsiderar o criterio inicial dos responsables da SEPI e a compañía de radiotelevisión.

A dirección de RNE en Galicia prohíbe os crespóns negros nos micrófonos

Traballadores de RNE en Galicia denuncian ter sido ameazados con sancións por colocar crespons negros nos micrófonos

O colectivo laboral sinala que na notificación que lles foi enviada por RNE se advirte que a colocación de cintas negras constitúe unha acción sancionable segundo a normativa laboral vixente, aínda que os traballadores entenden que se trata dun intento máis de coartar calquera tipo de mobilización.

Engade o comunicado que o representante sindical de RNE en Santiago, xunto co resto dos membros do comité intercentros que o martes impediron a emisión do programa España Directo, foron así mesmo ameazados con sancións.

Segundo os traballadores, España Directo é un dos programas realizados por produtoras externas a RTVE, onde a SEPI propón un recorte do 44 por cen do plantel de empregados.

A diversidade lingüística é un compoñente esencial dos principios que van rexer a prestación do servizo público en RTVE, dixo onte a vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, en resposta a unha pregunta do deputado Pere Grau, na sesión de control do Congreso.

b>
En catalán

O deputado, membro do grupo de CiU, preguntara se o Goberno vai presentar un Proxecto de Viabilidade para Radio 4, co fin de que esta emisora poida exercer as funcións de promover a pluralidade e a diversidade lingüística e cultural do país a través dun medio de comunicación radiofónica en lingua catalana.

María Teresa Fernández de la Vega dixo que por suposto, a diversidade lingüística e a diversidade cultural son compoñentes esenciais dos principios que van seguir estando na prestación de servizo público e, na medida que isto é así, o imos ter en conta á hora do dialogar cos traballadores e a Generalitat.

Pola súa parte, o Goberno canario afirmou onte que fará toda a presión política para que se manteña o centro de produción de Televisión Española en Canarias e que Radio Nacional continúe emitindo con garantías.

O SINDICATO DE XORNALISTAS PIDE Ó GOBERNO ESTATAL QUE REABRA A EMISORA DE RADIO NACIONAL EN GALEGO

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita ós gobernos liderados polo PSOE, o Goberno de España e a Xunta de Galicia, que apoien a reapertura da cadea de Radio Nacional de España (RNE) en galego, a antiga "Radio 4". O Sindicato únese así á campaña social que ven de lanzar a Mesa pola Normalización Lingüística para recuperar a canle de RNE en lingua galega, pechada en 1992.

Radio 4 emite en catalán

Cómpre lembrar que na actualidade "Radio 4" segue a funcionar en Catalunya, onde esta emisora serve para, entre outros fins, promocionar o idioma autonómico nos medios. O SXG entende que o reducido uso do galego polas empresas de comunicación fai imprescidible que as administracións galegas se involucre xa na súa promoción mediante accións concretas.

Ademais, a reapertura de "Radio 4" suporía unha oportunidade única para xerar novos postos de traballo con estabilidade. Un traballo digno para os profesionais da comunicación é, en opinión do SXG, condición imprescindible para lograr que os cidadáns dispoñan dunha información plural e veraz.

Foi precisamente a pluraridade informativa un dos compromisos clave que levaron o PSOE a gobernar en Madrid e Santiago, polo que o SXG solicita a este partido que, agora que está no poder, tome medidas concretas. Como primeiro paso, o SXG esixe publicamente que se realice canto antes o estudo de viabilidade da reapertura de "Radio 4" en Galicia, tal e como acordou o Congreso dos Deputados en 2004.

A Mesa pola Normalización pide a recuperación de Radio 4 en galego

En Catalunya segue funcionando esta emisora

Os dirixentes da Mesa recordaron que esta emisora, denominada Radio 4, existiu xa durante unha década, mais que foi suprimida en 1992. Porén, continúa mesmo na actualidade en Cataluña coa función de ser a sintonía de RNE que debe emitir na lingua propia dese país. Na Mesa consideran que, aínda con máis razón, é necesario tamén que esta emisora se recupere para Galiza, debido á delicada situación que vive o noso idioma nos medios de comunicación.

A Mesa leva reivindicando esta cuestión desde a tomada de posesión do novo Goberno central hai xa máis dun ano. Esta nova acción consistirá no envío masivo de cartóns postais á Directora Xeral de RTVE, Carmen Cafarell, para lle solicitar que sexa dilixente neste tema. No texto deses cartóns recórdaselle que xa o ano pasado se aprobou no Congreso dos Deputados unha iniciativa para estudar a cuestión. Ademais, pedirase unha entrevista coa propia Directora Xeral de RTVE e co director de RNE, Pedro Piqueras.

Na conferencia de imprensa, Callón e Jamardo denunciaron que na Mesa pola Normalización Lingüística non teñen constancia de que tal estudo se realizase tan sequera, polo que temen que sexa simplemente unha mostra de “talante baleiro, sen consecuencias prácticas”. Por outra banda, felicitáronse porque a restauración de Radio 4 se encontre entre os puntos polos cales vai pular o novo goberno bipartito da Xunta de Galiza. Con esta acción de envío de cartóns postais, agardan que a cidadanía demostre que existe unha demanda social para lograr este obxectivo. Ademais, A Mesa estará atenta para que este punto programático se verifique por parte do goberno entrante.