O SXG mostra o seu total apoio aos traballadores do grupo La Capital ante a ampliación do ERTE que están a sufrir

Despois de asinar un ERTE en xullo de 2013, empresa e traballadores do grupo La Capital veñen de asinar unha prolongación ata xuño de 2015 que afectará aos cinco xornais da cabeceira (Ideal gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa). O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu total apoio ao plantel de traballadores afectados, que verán mermada un ano máis a calidade do seu emprego cando estaba a piques de rematar o anterior ERTE plantexado pola empresa e que están a ser os que co seu sacrificio a manteñen. Continue reading

Comunicado de apoio ás Marchas da Dignidade

O Consello Directivo do Sindicato de Xornalistas de Galicia, reunido este sábado en Santiago, acorda facer público o apoio desta organización sindical profesional ás Marchas da Dignidade que hoxe están a chegar a Madrid así como a manifestación que percorrerá as rúas da capital do Estado. O Consello Directivo do SXG considera totalmente conveniente esta mobilización no momento actual e subscribe o manifesto que a motiva e que afirma que estamos vivindo unha “situación límite, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos”. O SXG móstrase en total acordo con ese manifesto que asegura que “están aproveitando a crise para recortar dereitos” e todo para que “a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas”.
“Non ao pago da débeda; nin un recorte máis; fóra os gobernos da Troika; pan, traballo e teito para todos e todas”
O Consello Directivo é o máximo órgano de goberno entre congresos do Sindicato de Xornalistas de Galicia. Nas súas reunións semestrais marca a axenda a seguir polo sindicato e a desenvolver pola executiva.


O SXG pide aos editores que apliquen nos seus medios o mesmo que eles lle reclaman aos políticos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) e a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) saúdan a "carta de boas prácticas" que os directores de "El Mundo", "El País", "ABC", "La Razón", "Público", "La Vanguardia" e "El Periódico de Cataluña" asinaron con motivo do Día da Liberdade de Expresión xunto á Asociación da Prensa de Madrid (APM) e o Colexio de Xornalistas de Cataluña (CPC).

Nela mostran a súa xustificada preocupación polas "crecentes dificultades" que para o exercicio do xornalismo provocan "personaxes públicos, da política e doutros ámbitos" que "deterioran a calidade da democracia e prexudican aos cidadáns, que non reciben unha información satisfactoria e suficiente."

A FeSP, da que forma parte o SXG e outros seis sindicatos de profesionais da comunicación do Estado, entende que esta preocupación das empresas tamén debe reflectirse de inmediato en garantías para a independencia e a liberdade profesional dos xornalistas dentro das súas empresas. Para que iso sexa posible, debe ser inmediata a supresión das trabas que pon para constituír consellos de redacción e estatutos profesionais, que son ferramentas imprescindibles para garantir esa "información satisfactoria e suficiente".

A FeSP tamén celebraría que os editores adherísense con idéntico entusiasmo ás "boas prácticas contractuais" que as mesmas asociacións profesionais coas que agora asinaron esa carta lles reclamaron en decembro sen que aínda os editores respondesen ren.

Desde a FeSP, que apoiou aquela iniciativa de APM e CPC, recordámoslles agora as malas prácticas que deberían suprimir das súas empresas para facer crible a súa manifestada preocupación pola saúde da información:

  • Abuso endémico dos estudantes en prácticas en postos de traballo estruturais
  • Permanente utilización de moitos xornalistas como persoais encubertos, sen asinar con eles ningún tipo de contrato.
  • Presións sobre os xornalistas para que a información responda aos intereses do medio.
  • Vulneración dos dereitos dos traballadores mediante a extorsión aos "xornalistas á peza ", obrigándolles a darse de alta como autónomos cando son traballadores por conta allea.
  • Esixencia, mediante abuso de poder, da cesión dos dereitos de autoría aos redactores e os fotógrafos.
  • Bloqueo das negociacións do Convenio Colectivo da Prensa Diaria e que o acepten como un convenio de mínimos para todos os traballadores de prensa.

No mesmo día en que eses directores de xornais reclamaban "boas prácticas" aos políticos, a APM recordaba, con bo criterio, que a precariedade laboral e a inseguridade profesional "van directamente contra a profesionalidade, a independencia e a calidade da información e a opinión e conducen ao descrédito dos medios ante os cidadáns."

Por iso , desde a FeSP pedimos a todos que manteñan actitudes responsables e consecuentes cos documentos que asinan.

O SXG esixe á Xunta medidas concretas e urxentes para crear emprego estable nos medios

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) reclama que a Xunta tome medidas concretas e urxentes contra a precariedade no sector. Tras a intervención do secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, hoxe no Parlamento admitindo os altos índices de eventualidade nos medios; o Sindicato cre que non abonda recoñecer oficialmente e por vez primeira a existencia do problema, o Goberno debe tentar solucionalo e deixar de mirar para outro lado.

Fernando Salgado cifrou hoxe na Comisión Institucional do Parlamento nun 50% o índice de precariedade nos medios galegos, 20 puntos máis que na media española. O secretario xeral tamén admitiu que a eventualidade está a aumentar pola aparición de novos medios e o abuso dos bolseiros e colaboradores.

O SXG pide que a Xunta tome cartas no asunto canto antes. Abonda con que vincule as cuantiosas subvencións que reparte aos empresarios da comunicación á creación de emprego estable.

Unha solución realizable

O Sindicato propón que os medios que demostren que crean emprego estable reciban máis puntuación nas convocatorias de subvencións. Trátase dunha fórmula simple e eficaz, que se aplica con éxito en multitude de sectores que reciben cartos públicos.

O galego como escusa dunha ilegalidade

O SXG denunciará a entrega de subvencións polo galego sen que as empresas cumpran o estipulado no DOG. O Sindicato refírese ao expresado hoxe pola deputada Modesta Riobó de que é “evidente” que os diarios non respectan a lingua das fontes nas citas textuais, tal e como esixen as ordes do DOG polas que reciben millonarias axudas ano tras ano.

Por último, a organización agradece á deputada do Bloque Modesta Riobó ter trasladado á Cámara as demandas dos traballadores da comunicación, que foron debatidas hoxe como consecuencia da mobilización organizada polo SXG o 5 de novembro baixo o lema “A miña precariedade é a túa desinformación”.

O Parlamento debate o luns sobre o galego e a precariedade nos medios

O Parlamento de Galicia debaterá este luns as políticas da Xunta para aumentar o uso do galego nos medios de comunicación e loitar contra a precariedade laboral nestas empresas. O texto da proposta explica que a presentación da mesma é produto da mobilización que organizou o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) en novembro baixo o lema "A miña precariedade é a túa desinformación ".

A Pregunta recolle a denuncia do Sindicato de que as cuantiosas subvencións serven para financiar "as xornadas laborais abusivas, os contratos en precario, o abuso de persoal en prácticas e o aumento da porcentaxe de falsos autónomos". O mesmo texto indica que “a Xunta de Galicia establece axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión”.

O SXG defende que, no caso de existir, as subvencións aos medios non poden servir para financiar a explotación laboral de moitos traballadores, como sucede na actualidade.

Cómplices dunha ilegalidade

O Sindicato alerta que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; pois é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua.

Atraso na tramitación

A Pregunta será debatida na Comisión Institucional a partir das 10:30. O comezo da tramitación chega tras catro meses de tramitación, un período de todo inusual na burocracia da Cámara.

En directo por internet

A postura dos partidos políticos sobre este importante tema poderase seguir en directo a través da web da Cámara, www.parlamentodegalicia.es. Por último, a organización agradece á deputada nacionalista Modesta Riobó a presentación da “Pregunta sobre as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión”.