A creación de contidos galegos en Internet será unha prioridade para a Xunta

NACE O PLANO ESTRATÉXICO GALEGO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

Segundo informa o portal do PEGSI , "a falta de interese nos contidos que ofrece a Rede é un grave problema que lastra a popularización de Internet en Galiza". Por este motivo, a Consellería de Industria vai potenciar a xeración de información en galego e próxima aos cidadáns.

Está previsto que o PEGSI sexa aprobado polo Consello da Xunta antes de fin de ano. Industria argumenta que se investirán 800 millóns de cartos públicos grazas a esta iniciativa, dos que 600 serían aportados pola Xunta.

O 15 de novembro o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, presentou uns diagnósticos sobre a Sociedade da Información no país. Respecto ás medias estatais, Galiza está atrasada en 5,3 puntos no uso do ordenador, 6 puntos en acceso a internet e 2,5 puntos en uso do comercio electrónico, informa o portal do PEGSI. O obxectivo do Plan é precisamente vencer esta fenda dixital.

O Sindicato de Xornalistas denuncia que moitos informadores non son libres de traballar en galego

Na véspera do Día das Letras, o SXG pide ás empresas que respeten a vontade dos xornalistas que queiran usar máis a miúdo a língua no seu traballo

O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere salientar que o emprego do galego é aínda unha rareza na maioría dos medios de comunicación privados da Comunidade.

Mañá, día 17 de maio, as portadas dos principais xornais de Galicia sairán á rúa maioritariamente en galego, como sucede tódolos anos por estas datas. O Sindicato valora positivamente este costume, pero entende que é unha práctica hipócrita.

A realidade do día a día é ben diferente, pois son moitos os afiliados do SXG que queren escribir máis noticias en galego pero que non poden facelo debido as políticas empresariais que favorecen o castelán en tódolas áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión.

Chamamento ás administracións

O Sindicato respeta a total liberdade das empresas para escoller o idioma no que publican. Sen embargo, o SXG pídelles ós medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testimonial co galego, que tamén é a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia.

Asimesmo, esta organización lembra ós poderes públicos que unha das súas obrigas legais é fomentar o uso da lingua. Por iso, o SXG reclama ás administracións que o emprego regular deste idioma sexa, xunto coa erradicación da precariedade laboral, un criterio clave á hora de conceder as subvencións e as campañas de publicidade que, con cartos públicos, sirven para financiar ás empresas da comunicación.

A Mesa pola Normalización pide a recuperación de Radio 4 en galego

En Catalunya segue funcionando esta emisora

Os dirixentes da Mesa recordaron que esta emisora, denominada Radio 4, existiu xa durante unha década, mais que foi suprimida en 1992. Porén, continúa mesmo na actualidade en Cataluña coa función de ser a sintonía de RNE que debe emitir na lingua propia dese país. Na Mesa consideran que, aínda con máis razón, é necesario tamén que esta emisora se recupere para Galiza, debido á delicada situación que vive o noso idioma nos medios de comunicación.

A Mesa leva reivindicando esta cuestión desde a tomada de posesión do novo Goberno central hai xa máis dun ano. Esta nova acción consistirá no envío masivo de cartóns postais á Directora Xeral de RTVE, Carmen Cafarell, para lle solicitar que sexa dilixente neste tema. No texto deses cartóns recórdaselle que xa o ano pasado se aprobou no Congreso dos Deputados unha iniciativa para estudar a cuestión. Ademais, pedirase unha entrevista coa propia Directora Xeral de RTVE e co director de RNE, Pedro Piqueras.

Na conferencia de imprensa, Callón e Jamardo denunciaron que na Mesa pola Normalización Lingüística non teñen constancia de que tal estudo se realizase tan sequera, polo que temen que sexa simplemente unha mostra de “talante baleiro, sen consecuencias prácticas”. Por outra banda, felicitáronse porque a restauración de Radio 4 se encontre entre os puntos polos cales vai pular o novo goberno bipartito da Xunta de Galiza. Con esta acción de envío de cartóns postais, agardan que a cidadanía demostre que existe unha demanda social para lograr este obxectivo. Ademais, A Mesa estará atenta para que este punto programático se verifique por parte do goberno entrante.