O SXG mostra o seu total apoio aos traballadores do grupo La Capital ante a ampliación do ERTE que están a sufrir

Despois de asinar un ERTE en xullo de 2013, empresa e traballadores do grupo La Capital veñen de asinar unha prolongación ata xuño de 2015 que afectará aos cinco xornais da cabeceira (Ideal gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa). O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere mostrar o seu total apoio ao plantel de traballadores afectados, que verán mermada un ano máis a calidade do seu emprego cando estaba a piques de rematar o anterior ERTE plantexado pola empresa e que están a ser os que co seu sacrificio a manteñen. Continue reading

O SXG gaña as eleccións en Diario de Ferrol e logra representación en Radio Coruña e La Región

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) representará aos traballadores do Diario de Ferrol –que forma parte da Editorial La Capital- grazas a súa vitoria nas eleccións sindicais organizadas esta semana. Ademais, o SXG tamén conseguiu recentemente representación noutros dous medios, Radio Coruña –que emite a programación da Cadea Ser– e o xornal La Región de Ourense.

A candidatura do SXG no Diario de Ferrol obtivo quince votos, por oito da CIG. Polo tanto, unha afiliada do Sindicato pasará a ser a delegada sindical na cabeceira ferrolá.

O SXG tamén acaba de obter un representante no comité empresa de Radio Coruña, no que tamén lograron un delegado CC.OO. e UGT. Ademais, o Sindicato logrou dous representantes na repetición das eleccións en La Región de Ourense. Neste diario o Comité de empresa tamén estará formado por tres representantes de UGT, dous de CC.OO. e un da CIG.

En definitiva, o SXG logrou catro representantes sindicais en dúas semanas. O SXG consegue así obter presenza nos comités en todos os comicios aos que se presentou ata agora.

Como loitar contra a precariedade?

O SXG quere agradecer publicamente o esforzo dos compañeiros que se animaron a presentarse baixo as súas siglas. Ademais, o Sindicato lembra a todos os traballadores do sector da comunicación de Galicia que para acabar coa precariedade na profesión é imprescindíbel ter unha representación activa nos comités de empresa.

Por iso anima a todos os profesionais interesados a solicitar a axuda do SXG para organizar candidaturas nas súas empresas do sector da comunicación.