Total respaldo do SXG á xornalista Leticia Vilar ante os ataques do grupo provincial do PP de Lugo á súa situación laboral

O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere amosar o seu apoio a Leticia Vilar Pumares, xornalista e directora de comunicación e TICs da Deputación Provincial de Lugo, logo do ataque perpetrado a súa situación laboral por parte do grupo provincial do PP lucense, que cuestionou a lexitimidade do seu acceso ao posto nun comunicado enviado aos medios no que asegura que “se converte en funcionarios a persoal de confianza do presidente”, José Ramón Gómez Besteiro. No comunicado aluden directamente á xornalista e á súa praza dentro da institución. Continue reading

A FESP denuncia o acoso a un xornalista por parte dun dirixente do PP

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o SXG, denuncia o asedio xudicial que vén sufrindo nos últimos anos o xornalista cántabro P.I., ex director da desaparecida revista A Realidade, a instancias do ex secretario xeral do PP desa comunidade e ex presidente de Caixa Cantabria, Carlos Sáiz.

I. foi condenado no seu día a indemnizar con 120.000 euros ao entón máximo dirixente do PP de Cantabria, por unhas informacións publicadas nesa revista que, aínda que eran certas, unha xuíz considerou que atentaban contra a súa honra.

Esa cantidade foi reducida posteriormente a 1.200 euros pola Audiencia Provincial, pero para esa data a revista viuse obrigada a pechar. Naquela época a lei permitía executar unha sentenza aínda que non fose firme -normativa que foi anulada despois-, polo que Sáinz solicitou esa medida e levou á publicación ao peche.

A tensión que sufriu o reporteiro debido ao acoso ao que estaba sendo sometido provocou que en 2004 diagnosticásenlle a enfermidade de Parkinson. Foille concedida unha pensión por invalidez permanente, que é do que vive.

A xuíz Laura Cuevas embargara o 12% dos ingresos de PatxiIbarrondo. Recentemente, a instancias de Carlos Sáiz, embargou a totalidade da conta na que o xornalista recibe a súa pensión, o que lle deixa na miseria.

Desde a Xunta Executiva Federal da FeSP facemos un chamamento a toda a profesión xornalística, de xeito especial á Asociación da Prensa de Cantabria, para que mostre a súa solidariedade e axuda a un xornalista que atravesa por tan grave momento só porque decidiu exercer a súa profesión con independencia e converteuse en incómodo.

O que lle ocorreu a I. é un claro ataque á liberdade de expresión e así debemos entendelo todos os xornalistas.

A FeSP ponse a disposición de Patxi Ibarrondo para calquera iniciativa que queira emprender en defensa da súa dignidade e encomendou aos seus servizos xurídicos que estuden as medidas a levar a cabo para frear este atropelo.

O SXG denuncia as ameazas aos traballadores e a privatización das delegacións da CRTVG

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) apoia ó persoal das delegacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que demandan ó Ente para que recoñeza a súa vinculación laboral. Segundo fontes dos traballadores, estes foron ameazados para que retiren as denuncias polas que reclaman formar parte da plantilla da CRTVG. O primeiro dunha serie de xuízos con este fin comeza mañá en Vigo.

Máis de 30 profesionais de Lugo, Burela, Vigo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra piden ante a Xustiza ter os memos dereitos laborais que os seus compañeiros de Santiago. A raíz destas denuncias, producíronse as ameazas e ademais, a CRTVG eliminou sorprendentemente a figura do delegado en varias delegacións, un posto que até agora constituía o vínculo de relación laboral máis evidente coa CRTVG e que agora se elimina para avanzar na privatización.

As delegacións da TVG, fonte de cartos públicos para varios xornais a costa de recortar os dereitos dos traballadores

En opinión do SXG, é especialmente grave que unha empresa pública ampare represalias contra os traballadores, sobre todo cando estes profesionais, a través das súas denuncias, están a loitar contra privatización da CRTVG. Cómpre lembrar que o Goberno de PSdG e BNG accedeu ó poder coa promesa de promover a independencia dos medios públicos. Represalias como as relatadas son en realidade un paso máis na privatización do Ente, impulsada tanto por este como polo anterior goberno.

É máis, o SXG considera moi irregular que durante quince anos as delegacións fosen xestionadas polas mesmas empresas, filiais dos principais xornais galegos; algo que evidentemente resta independencia ós xornais respecto a Xunta de Galicia. Esta organización entende que, a costa de limitar os dereitos dos traballadores, varias editoras de xornais están a recibir un trato de favor por parte da Xunta. De seguir a discriminación ós empregados das delegacións, o SXG emprenderá as medidas legais oportunas.

O Sindicato apoia a demanda dos traballadores de que os postos de traballos das delegacións pasen a formar parte da estrutura da CRTVG. É inadmisible que as delegacións estean en mans de particulares, especialmente tendo en conta que estes centros xeran a maioría da información propia que emite a compañía pública.

O SXG cre que a súbita eliminación da figura do delegado de varias delegacións é un torpe intento do Ente para ocultar os evidentes vínculos laborais entre os traballadores e a CRTVG. A Executiva da organización, que está en contacto permanente con varios demandantes, lembra que os seus servizos xurídicos seguen a disposición dos traballadores. Ademais, o Sindicato seguirá coa máxima atención este conflito, como fixo dende un comezo, e denunciará calquera vulneración dos dereitos dos profesionais.

A plantilla da CRTVG en Lugo denuncia represarias e ameazas por denunciar a privatización das delegacións

Presión para que os traballadores retiren as súas demandas xudiciais

De seguido reprodúcese o comunicado feito público polos traballadores da CRTVG de Lugo:

"Os traballadores das Delegacións da CRTVG en Galicia denuncian as modificacións que está a levar a cabo a compañía, logo das denuncias contra ela. Tratan de aparentar unha legalidade, polo visto, inexistente ata o de agora.

O primeiro paso tralo coñecemento oficial das denuncias foi eliminar a figura do Delegado, que era un traballador contratado pola propia compañía, que traballaba en cada Delegación e que era vínculo directo entre a Televisión de Galicia e os traballadores das Delegacións.

Decidiron ordenar ás productoras que puxeran en funcionamento a figura do Coordinador coas mesmas funcións que o que ata este momento era delegado/a, pero que estará contratado directamente pola productora o que elimina a figura dun traballador da Galega no que eles consideran que non é a súa Delegación.

Así pretenden acabar cun baleiro legal mantido ata o de agora e dar a imaxe de que entre Delegacións e Compañía non existe ningún tipo de vínculo laboral. O que é rotundamente FALSO.

Se ata o de agora as ordes chegaban ós traballadores das Delegacións a través dos responsables da TVG, agora será a través dun traballador contratado pola productora.

Pensan que así rompen calquera vínculo real entre os traballadores de San Marcos e os das diferentes provincias.

Dáranse situacións tan esperpénticas como a da Delegación de Vigo, onde os traballadores quedan nun piso e a Delegada marcha para o piso de arriba prohibíndoselle todo contacto directo cos traballadores.

Os delegados de Lugo e Ourense, por exemplo, foron desprazados dos seus postos.

A orde, aínda que saíu directamente de San Marcos, chegou ós traballadores da man das propias productoras.

Desta orde chegaron unidas ameazas veladas para que tódolos traballadores retirasen as súas demandas. Pero o certo é que agora está en xogo tamén a nosa dignidade como traballadores dunha empresa que de súpeto nos rexeita.

Os traballadores das Delegacións da CRTVG, cremos que é indigno o tratamento que estamos a recibir de San Marcos. De repente, tratan de dar unha imaxe de desvinculación total con nós cando é completamente FALSA.

Traballamos exclusivamente para eles, aínda que é posible que a partir de agora tamén provoquen un cambio nesa situación; recibimos ordes directament dos nosos xefes de informativos de Santiago; aínda que está claro que agora pretenden que a situación, polo menos aparentemente, cambie; somos a súa imaxe e facemos un producto exclusivo para os informativos da compañía e deso non hai NINGUNHA DÚBIDA.

Non entendemos esta actitude da Compañía que, despois de coñecer a existencia de denuncias dos seus traballadores que só reclaman os seus dereitos, deciden modificar substancialmente as súas condicións de traballo.

Algúns traballadores levan anos cumprindo coa Galega e agora só reclaman ese cambio tan prometido pola nova dirección do Ente.

Non queremos nada que non nos corresponda, pero non entendemos como poden tratarnos como a traballadores externos á casa cando SEMPRE traballamos ó seu servizo.

Agora o que máis nos chama a atención é que a súa actitude sexa disfrazar unha situación insostible dándolle a apariencia de normalidade.

Crear novas figuras de forma repentina e eliminar os lazos de unión entre Delegacións e Central en San Marcos, só nos da a razón e confirma a xustiza das nosas reivindicacións."

19 de outubro de 2006

Unha xornalista denuncia acoso laboral na Televisión de Galicia

Segundo informa Galiciaconfidencial , a dirección da TVG recibiu unha denuncia por unha presunta situación de acoso laboral na televisión pública.

O caso, segundo este confidencial galego, foi denunciado por unha traballadora da Televisión que se queixa do comportamento dun cargo do ente. Ademais, dáse o agravante de que o presunto acosador é superior da xornalista denunciante.

De confirmarse este caso, sería a primeira denuncia formal por acoso laboral na historia da Compañía da Radio Televisión de Galicia. Galiciaconfidencial asegura que a veracidade da información xa está "contrastada".