As sentencias contra a TVG argumento da demanda contra a televisión balear

UN ENTE SEN NINGÚN XORNALISTA

En total, son 240 os traballadores que se atopan afectados pola situación de prestamismo laboral que agora denunciaron xudicialmente os xornalistas baleares. Trátase de xornalistas, técnicos e asesores lingüísticos, traballadores que, segundo o SPIB, deben poder elixir entre adquirir a condición de fixos en IB3 ou na súa empresa orixinal.

O letrado do sindicato, Ferran Gomila, fundamenta a demanda nunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que forzou ao contrato de numerosos traballadores por parte de TVG, a televisión autonómica galega. Declara o avogado do SPIB, que se trata dunha simple "subministración de traballadores" en réxime de "tráfico prohibido".

Gomila constata que as sedes laborais de SBT se solapan cos centros de traballo da televisión IB3, sen que a radiotelevisión autonómica conte nin cun só xornalista propio que faga uso das súas instalacións, preparadas para a produción de noticias. O letrado describe o ente público como unha «Cidade Prohibida na que só proliferan os altos cargos, unha elite que rexe de feito a actividade de toda a base creadora, elaboradora e realizadora das noticias». Agrega, que a empresa SBT «é completamente insuficiente para a actividade noticiosa».

O Sindicato de Xornalistas emprende medidas legais contra "A Nosa Terra" por tres despedimentos que a empresa nega

O DESPEDIMENTOS PRODÚCIRONSE O DÍA DESPOIS DUNHA ASEMBLEA DE TRABALLADORES

Segundo informa un comunicado do SXG, o despedimento produciuse o día logo dunha asemblea de traballadores, celebrada o 13 de marzo, na que 21 dos 29 empregados da compañía lle pediron explicacións á dirección sobre as causas do traslado das tres xornalistas de Santiago a Vigo, sede central de "A Nosa Terra".

A asemblea pediu por escrito que a dirección informase da liña editorial e das razóns para o traslado "forzoso" de tres redactoras e do coordinador do dixital, Xurxo Salgado, algo sobre o que "aínda non se deu explicación algunha", sinala a nota.

O SXG considera que eses despedimentos son, "ademais de ilegais, moralmente execrables, especialmente nunha publicación centenaria do significado de "A Nosa Terra"".

Así mesmo, entende que a resposta da dirección (o despedimento desas tres persoas) á petición de diálogo da asemblea é "un intento de intimidar o cadro de persoal" que "cuestiona a viabilidade da nova etapa da publicación".

Por iso, o Sindicato de Xornalistas solicita a "inmediata readmisión" desas tres profesionais e unha "negociación aberta e clara" sobre o futuro da empresa.

"De non sentar a negociar, a dirección terá que facerlle fronte a un conflito de imprevisibles consecuencias" , advirte a Executiva da central sindical.

Ademais, engade que os traballadores do dixital só pretendían "sacar adiante o que era un prometedor proxecto xornalístico que, catro meses logo do seu nacemento, está en crise por falta de diálogo sobre a liña editorial e o soporte técnico adecuado".

Pola súa banda, o conselleiro delegado da compañía, Afonso Eiré, negou que haxa despedimentos, porque as traballadoras "tiñan un contrato por obra", realizado con motivo da posta en marcha do dixital, e a directiva determinou rescindilo en lugar de contratalas de forma indefinida.

"Ese período acabou e decidiuse non renovarlles o contrato", puntualizou Eiré, quen engadiu que esa determinación responde á intención de "darlle un novo xiro ó dixital", que, ó seu xuízo, "non cumpría coas expectativas depositadas, ó non ter a calidade esperada".

Sobre o traslado a Vigo da redacción do diario dixital, o representante de "A Nosa Terra" aseverou que "a redacción e a directiva da publicación xa estaba alí".

Concluíu Eiré afirmando que o abandono de Salgado do posto de coordinador da publicación dixital é froito dun "acordo".

Axencia EFE. 26.03.2008

A Nosa Terra recoñece a improcedencia do despido de tres redactoras

A Nosa Terra (ANT) ven de enviar un burofax (ver fax anexo) a tres redactoras da edición dixital admitindo “a improcedencia do despido comunicado a vostede o pasado 14 de marzo”. A empresa botou a estas tres xornalistas un día despois de que 21 dos 29 dos traballadores da compañía -reunidos en asemblea- pedisen información sobre o traslado forzoso de Santiago a Vigo das tres asalariadas e sobre a liña editorial (ver acta anexa).

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) valora que a dirección recoñecese a improcedencia dos despidos o mesmo día, 26 de marzo, no que o Sindicato denunciara publicamente por vez primeira a existencia dun conflito . Con todo, o SXG continúa co proceso xudicial aberto a semana pasada na procura da readmisión das tres compañeiras, ás que ANT só ofrece indemnizar.

Diálogo para sacar adiante o medio
O único propósito dos traballadores é, ademais de defender os seus dereitos, sacar adiante un proxecto que hai só catro meses comezaba unha prometedora etapa. Por iso, o SXG anima á dirección a dar outro paso ao fronte e abrir un diálogo aberto -sen represión dos asalariados- sobre o futuro do medio e do cadro do persoal.

En todo caso, os burofaxes proban que as declaracións dun directivo de ANT a Efe e Europa Press o 26 de marzo, nas que negaba a existencia dos despidos, son falsas.

Mostras de apoio
O SXG agradece publicamente as mostras de solidariedade recibidas dende o ámbito académico, político, sindical, da administración e dos medios. Por último, o SXG insiste que a organización e mobilización son as únicas solucións efectivas para reducir a precariedade e os abusos, comúns en moitas empresas de comunicación de Galicia.

Pode consultarse en liña a acta da asemblea de traballadores coas firmas de 21 empregados e un dos tres burofax nos que a empresa recoñece a improcedencia dos despidos.

El Mundo vulnerou a liberdade de expresión dun xornalista segundo o Tribunal Constitucional

O Tribunal Constitucional deu a razón a un xornalista do Mundo e sinalou que a empresa vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión, ao non permitirlle que continuase participando nun faladoiro de televisión na que levaba catro anos. A prohibición foi acordada despois de que Frechoso dixese no faladoiro que ese diario non informara de que o 90% do persoal secundou a folga xeral do 20 de xuño de 2002, e lamentase que a policía tivese que trasladar nos seus furgóns exemplares do xornal desde a imprenta ata un local policial, onde foron recollidos para distribuílos aos puntos de venda.

Dous xuíces sentenciaron no seu día que fora vulnerado o dereito á liberdade de expresión de Frechoso. Pero a empresa recorreu e o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) deulle a razón, cunha sentenza redactada polo maxistrado Miguel Moreiras que foi moi criticada en medios xornalísticos e no mundo do Dereito polos argumentos que utilizaba.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, celebra que esa sentenza sexa agora anulada e que o Constitucional, unha vez máis, indique que as competencias que ten un empresario para organizar o traballo non poden lesionar dereitos fundamentais dos seus empregados, como ocorreu neste caso.

Como argumentos para dar a razón á empresa, o TSJ de Madrid citaba dous casos que non tiñan relación con este: o dun policía que criticou na radio a un superior e o dunha revista de Turquía que foi acusada de incitar ao terrorismo. Cunhas frases sacadas de contexto desas sentenzas, o tribunal madrileño indicaba que os xornalistas deben axustarse á liña editorial do medio para o que traballan e seguila.

O Constitucional indicou que asinar un contrato de traballo non pode vulnerar dereitos fundamentais do empregado. Por iso, a empresa editora do Mundo estaba obrigada a demostrar que a prohibición a Frechoso non era unha represalia polas súas críticas no faladoiro “A mirada crítica”, de Telecinco, senón que existían «motivos razoables» para adoptar esa medida, cousa que non fixo.

A FeSP felicita ao redactor xefe do Mundo Francisco Frechoso, e á profesión xornalística en xeral porque esta resolución anula o que fose un grave precedente contra a liberdade de expresión; e congratúlase de que o Tribunal Constitucional sentencie que os xornalistas non están obrigados a coincidir coa liña editorial do seu medio, no caso de que esta exista.

O SXG publica outra sentencia que condena á CRTVG por subcontratas ilegais

O Sindicato de Xornalistas de Galicia publica unha nova sentencia que condena á Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) a contratar de xeito indefinido a traballadores das súas delegacións, anteriormente subcontratados ilegalmente a través dunha produtora privada.

Neste caso o recente fallo indica a existencia de “cesión ilegal de traballadores por parte da empresa Produtora El Progreso S.L.” á CRTVG. Por iso o xulgado número dous de Lugo recoñeceu o dereito dos traballadores F. A. e C.A.a “ser persoal indefinido de Televisión de Galicia, S.A.". Ademais, a Xustiza condenou á empresa pública e á Produtora El Progreso a pagar máis de 55.000 euros polo tempo que os informadores estiveron subcontratados ilegalmente.

O SXG aproveita a publicación desta sentenza para solicitar unha vez máis á dirección da CRTVG que regularice o seu cadro de persoal, tanto nas delegacións como en Santiago de Compostela.

En opinión do SXG é inadmisible que unha empresa pública como a CRTVG acumule tres sentencias consecutivas que a condenan por contratación fraudulenta de xornalistas a través de produtoras privadas. Un número de condenas que, ademais, pode dispararse nos vindeiros meses, xa que foron máis de trinta os traballadores das delegacións os que denunciaron á CRTVG de xeito coordinado.

Por iso, o SXG solicita publicamente o goberno bipartito que cumpra dunha vez a súa promesa electoral de fortalecer a independencia dos medios públicos, algo que non se pode conseguir coa situación de precariedade laboral que sufre gran parte do cadro de persoal da CRTVG.

Máis comunicados do SXG sobre este caso: