Estatutos

TÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS: DENOMINACIÓN, ÁMBITO PROFESIONAL E TERRITORIAL, DOMICILIO E OBXETIVOS

Artigo 1. Denominación

Co nome de SINDICATO DE XORNALISTAS DE GALICIA e as siglas SXG constitúese formalmente, de acordo co establecido na Ley Orgánica 11/1985 de 2 de agosto, de Libertad Sindical, unha organización sindical de tempo indefinido, sen ánimo de lucro e que, na súa organización e funcionamento, responde ós principios democráticos.
O sindicato garante a autonomía das persoas que o constitúen, sen perxuizo do carácter vencellante que teñen os acordos válidamente adoptados polos órganos de goberno do sindicato nas materias que afecten a este e ó interés común dos/das afiliados/as. O SXG proclámase democrático, profesional, independente, pluralista e unitario.
O sindicato ten personalidade xurídica propia e capacidade total para operar en cumprimento das súas finalidades.

Artigo 2. Ámbito profesional

Este sindicato integrará a todos aqueles profesionais do xornalismo que voluntariamente soliciten a súa afiliación.
Por profesional do xornalismo enténdese o/a profesional que intervén directamente na elaboración e/ou deseño de contidos informativos nos medios de comunicación, gabinetes de prensa e axencias de comunicación sendo esta a súa ocupación principal, regular e retribuida.
O carácter profesional dos/as afiliados/as será determinado pola comisión de garantías, que proporá a decisión máis axeitada para solventar calquera impugnación.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do SXG é a comunidade autónoma de Galicia. O domicilio establécese en San Pedro de Mezonzo, número 48, primeiro C, código postal 15.701, Santiago de Compostela, A Coruña.
A Xunta Executiva poderá acordar o cambio de domicilio e tamén establecer as delegacións e representacións que considere máis convintes. En tal suposto, o sindicato deberá comunicar o cambio a oficina pública pertinente.

Artigo 4. Obxetivos

-A defensa da liberdade de expresión e o dereito á información recoñecidos no artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas e no artigo 20 da Constitución Española.
-Representar, defender e promover os intereses económicos, sociais, laborais, profesionais e culturais dos profesionais da comunicación, así como promover a implantación dos estatutos de redacción.
-Protexer os dereitos de autor dos profesionais da comunicación.
-Promover e defender un Estatuto Profesional dos Xornalistas como marco regulador das condicións laborais e profesionais nas empresas de comunicación e dun proxecto de lei de regulación laboral dos xornalistas que cobran por peza.
-Defender os dereitos dos profesionais da comunicación, exercer a súa representación nas negociacións de convenios e acordos de ámbito autonómico e velar polo debido cumprimento dos mesmos, coordenando, se fose necesario, as súas accións con outras organizacións.
-Impulsar unha auténtica igualdade entre homes e mulleres na profesión, tanto no acceso ós postos de responsabilidade como no trato salarial.
-Fomentar a solidaridade entre os afiliados, promocionando e creando servicios comúns asistenciais.
-Protexer o acceso ás fontes e defender o respecto no trato ós profesionais da comunicación.
-Velar para que o acceso á profesión sexa de igualdade e sen favoritismos.
-Regular conxuntamente cos estudiantes, a universidade e as empresas de comunicación de Galicia o actual sistema de prácticas, a prol de conseguir unha mellora da situación laboral.

TÍTULO II
AFILIACIÓN, DESAFILIACIÓN, DEREITOS E DEBERES DOS AFILIADOS

Artigo 5. Afiliación

Poderán ser membros desta organización tódolos profesionais descritos no Artigo 2 que presten os seus servicios nos medios de comunicación, gabinetes de prensa e axencias de comunicación presentes en Galicia, independentemente de cal sexa a súa situación laboral.
A Xunta Executiva comprobará que os que solicitan a afiliación reúnen estas características.
A afiliación ó sindicato esixe o pagamento dunha cuota. A súa contía e periodicidade será fixada polo Consello Directivo a proposta a Xunta Executiva, de conformidade cos presentes estatutos.

Artigo 6. Desafiliación

O ingreso neste sindicato será voluntario e, en calquera momento, os seus afiliados poderán deixar de selo previa notificación por escrito á Xunta Executiva como mínimo 10 días antes da data de baixa.
Os afiliados que, por razón do seu cargo, sexan facultados pola empresa para decidir contratacións e despidos ou para representala na negociación de convenios ou en conflictos laborais, non poderán ostentar ningún cargo nos órganos de representación, dirección e xestión deste sindicato. A Comisión de Garantías poderá decidir se, ademáis, deben ser suspendidos de militancia.

Artigo 7. Baixa no sindicato.

A Xunta Executiva poderá dar de baixa a un dos seus afiliados polas seguintes razóns:
1-Renuncia voluntaria comunicada previamente por escrito.
2-Incumprimiento do Código Deontolóxico da profesión.
3-Incumprimento dos acordos válidamente adoptados polo Congreso, o Consello Directivo ou a Xunta Executiva.
4-Falta de pago das cuotas de afiliación establecidas. Os afiliados que deixen de aboar unha cuota semestral serán dados de baixa automáticamente.
5-Levar a cabo unha actividade claramente contraria ós Estatutos e á estratexia deste sindicato.
En calquera destos casos, a Xunta Executiva deberá informar ó Consello Directivo, que deberá ratificar a decisión.
Salvo no suposto número 1, os afectados terán dereito a recurrir a decisión ante a Comisión de Garantías.

Artigo 8. Dereitos dos afiliados.

Tódolos afiliados teñen os seguintes dereitos:
1-Participar en tódalas actividades sindicais, profesionais e sociais do sindicato.
2-Dar a súa opinión e ser escoitados, a través dos seus órganos representativos, sobre calquera asunto de interés para o sindicato.
3-Elexir ou ser elexidos para ocupar cargos nos diferentes órganos do sindicato sen ningún tipo de discriminación ou tan só coas limitacións que se deriven dos presentes Estatutos.
4-Recibir asesoramento técnico e xurídico, así como dos diferentes servicios de información, formación ou asistencia que o sindicato estableza.
5-Recurrir á Comisión de Garantías nos casos previstos nos presentes Estatutos.

Artigo 9. Deberes dos afiliados.

Tódolos afiliados teñen os seguintes deberes:
1- Cumprir e protexer os principios e finalidades destes Estatutos.
2- Respetar os acordos dos órganos do sindicato. Estes acordos teñen carácter vinculante para todos os membros e órganos desta organización.
3- Pagar as cuotas de afiliación fixadas de acordo co que se indique nas resolucións dos órganos correspondentes.

Artigo 10. Incumprimiento dos deberes.

O incumprimento de calquera das obrigas descritas no Artigo 9 poderá ser sancionado mediante un expediente contradictorio. Nos casos graves a sanción irá dende a inhabilitación parcial ata a expulsión, pasando pola separación do cargo que poida exercer nese momento no sindicato.

TÍTULO III
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN, DIRECCIÓN E XESTIÓN

Artigo 11. Órganos de representación, dirección e xestión.

Os órganos de representación, dirección e xestión do Sindicato de Xornalistas de Galicia son:
- Congreso
- Consello Directivo
- Xunta Executiva
- Comisión de Garantías
Os membros electos do Consello Directivo e da Xunta Executiva serán nomeados polo Congreso do Sindicato mediante sufraxio libre, directo e segredo. En primeira votación requeriráse o voto da metade máis un dos asistentes ó Congreso. No caso de non acadarse, en segunda votación bastará coa maioría simple.
En aras de preservar a independencia do Sindicato de Xornalistas, non poderán ocupar postos de responsabilidade nos órganos de dirección e representación os que xa os desempeñen no Goberno central, autonómico, provincial, municipal, ademáis de partidos políticos, sindicatos, entidades financieiras e organizacións empresariais. Calquera conflicto que xorda pola aplicación deste apartado será resolto pola Comisión de Garantías.

CAPÍTULO I. Do Congreso

Artigo 12. O Congreso.

O Congreso é o órgano máximo de decisión do sindicato e os acordos que adopte de conformidade cos Estatutos son de obrigado cumprimento por tódolos/as afiliados/as.
O Congreso poderá ser ordinario ou extraordinario. O Congreso ordinario celebraráse cada catro anos. O Congreso extraordinario reuniráse sempre que o acorde o Consello Directivo do sindicato e o pida por escrito, como mínimo, un tercio da afiliación. A súa convocatoria e funcionamento serán regulados polo Regulamento de Congresos.

Artigo 13. Composición.

O Congreso está formado polos afiliados/as que teñan satisfeito as cotas establecidas regulamentariamente. Quedará válidamente constituido en primeira convocatoria cando se inscriban a metade máis un dos afiliados con dereito a facelo e, en segunda convocatoria, sexa cal sexa o número de asistentes.
A Presidencia do Congreso corresponde a unha mesa que será elexida polos asistentes e integrada como mínimo por un presidente, un secretario e dous vocais que se designarán de entre os presentes por ser o de maior idade e o de menos anos.

Artigo 14. Funcionamento.

Os Congresos, sexan ordinarios ou extraordinarios, serán convocados pola Xunta Executiva. Na convocatoria, que se fará cunha antelación mínima de trinta días naturais á data do Congreso, deberá constar o orde do día, o lugar de celebración, a data e a hora de inicio.
Os acordos que adopte o Congreso serán aprobados por maioría simple, excepto para os casos de modificación de Estatutos, de fusión ou disolución do sindicato, para os que será precisa unha mayoría de dous tercios dos asistentes. Para a elección dos cargos do Consello Directivo, Xunta Executiva e Comisión de Garantías, requeriráse o voto da metade máis un dos asistentes ó Congreso. No caso de non conseguirse, en segunda votación bastará con maioría simple.
O seu rexime de funcionamento será determinado por un Regulamento de Congresos, que aprobará o Congreso do sindicato, coa metade máis un dos asistentes ou, en segunda convocatoria, por maioría simple.
Da sesión do Congreso, e no prazo máximo dun mes despois da súa clausura, a Mesa levantará unha acta cun resumen dos debates e co reflexo exacto dos acordos adoptados. A acta constará nun libro de rexistro e irá firmada por tódolos membros da Mesa do Congreso.

Artigo 15. Competencias.

Son funcións e competencias do Congreso:
1-Adoptar acordos relativos a representación, a xestión e a defensa dos intereses do sindicato e dos seus afiliados.
2-Aprobar os programas e plans de actuación.
3-Elexir e revocar o mandato dos membros do Consello Directivo, a Xunta Executiva e a Comisión de Garantías e fixar a súa duración.
4-Examinar, debatir e aprobar ou rexeitar o estado de contas do sindicato.
5-Aprobar ou reformar os Estatutos.
6-Coñecer e resolver en última instancia as reclamacións.
7-Acordar ou rescindir integracións, convenios ou pactos con outras organizacións.

CAPÍTULO II. Do Consello Directivo

Artigo 16. O Consello Directivo.

O Consello Directivo do Sindicato é o órgano máximo de decisión entre congresos e reuniráse de forma ordinaria cada seis meses e de forma extraordinaria por convocatoria da Xunta Executiva e da Comisión de Garantías ou por petición escrita dun tercio dos afiliados. A reunión extraordinaria do Consello Directivo terá que ser convocada cunha antelación mínima de 48 horas.
O Consello Directivo elaborará e aprobará o seu propio regulamento, que será ratificado polo Congreso e determinará o seu funcionamento interno.

Artigo 17. Composición.

O Consello Directivo terá un número de membros electos equivalentes ó 10 por cento da afiliación, que será elexida polo Congreso do Sindicato por un periodo de catro anos.
Poderán optar a ser membros tódolos/as afiliados/as presentes no Congreso, ou aqueles que, non puidendo asistir por forza maior, presentaran previamente a súa candidatura por escrito e xustificando razoablemente a súa ausencia. Só quedan excluidos de pertencer o Consello Directivo aqueles afiliados que, por razón do seu cargo, sexan facultados pola empresa para decidir contratacións ou despidos, ou para representala en convenios ou conflictos laborais.
Tamén formarán parte do Consello Directivo, como membros natos, cos mesmos dereitos e obligacións, os integrantes da Xunta Executiva e da Mesa Sindical.

Artigo 18. Funcionamento.

O Consello Directivo será conducido por unha Mesa, que contará coa Presidencia e Vicepresidencia e dúas Secretarías. Unha delas encargaráse de levantar a acta. A Mesa designaráse por idade: de entre os presentes, os de maior idade ocuparán a Presidencia e a Vicepresidencia, e os de menor idade, as Secretarías.
As discusións e os acordos das sesións, tanto ordinarias como extraordinarias, do Consello Directivo, constarán en actas firmadas polos membros da Mesa.
Se algún membro do Consello Directivo causara baixa, será substituído polo candidato non electo no Congreso que obtivera máis votos.

Artigo 19. Competencias.

Son funcións do Consello Directivo:
1-Debatir a política sindical que dirixe a Xunta Executiva
2-Adoptar decisións de acción sindical de relieve
3-Acordar convenios ou pactos con outros sindicatos
4-Acordar adquisicións ou vendas de patrimonio
5-Aprobar as cuotas ordinarias e extraordinarias que teñan que satisfacer os afiliados, a proposta da Xunta Executiva.
6-Aprobar o presuposto anual do sindicato que presente a Xunta Executiva.
7-Adoptar acordos referentes a contratación de bens e servicios que superen o 30 por cento do presuposto; aceptar as donacións e legados ó seu favor que considere que non comprometen a súa independencia, e rexeitar as procedentes de persoas ou organizacións que poidan ser contrarias os principios do sindicato.
8-Acordar ou rescindir integracións, convenios ou pactos con outras organizacións

CAPÍTULO III. Da Xunta Executiva

Artigo 20. A Xunta Executiva.

A Xunta Executiva é o órgano encargado da dirección, xestión e representación e administración do sindicato.

Artigo 21. Composición.

A Xunta Executiva estará integrada por un secretario xeral, que a presidirá, ademáis de por un vicesecretario xeral, un secretario de Actas, un secretario de Administración e Finanzas e ata un máximo de dez vocais.
Tódolos seus membros serán elixidos polo Congreso do sindicato por un periodo de catro anos.
Poderán optar a ser membros tódolos afiliados/as presentes no Congreso ou os ausentes que, formando parte dun equipo de candidatura, non poidan asistir por causa maior e xustificaran razoablemente e por escrito a súa ausencia. En tódolos casos, deben de estar en plenitude de dereitos sociais e houberon de presentar previamente a súa candidatura. Só quedan excluidos de pertencer á Xunta Executiva aqueles afiliados que, por razón do seu cargo, sexan facultados pola empresa para decidir contratacións ou despidos, ou para representala en convenios ou conflictos laborais.
Os membros da Xunta Executiva poderán ser elixidos no mesmo cargo ata esgotar un máximo de dous mandatos continuos.

Artigo 22. Funcionamento.

A Xunta Executiva consideraráse válidamente constituida cando recurran á reunión a metade máis un dos seus membros e esté presente o secretario xeral ou quen o substitúa. Para a adopción de acordos requeriráse o voto favorable da metade máis un dos membros asistentes á Xunta Executiva.
Sen perxuizo de cubrilas provisionalmente na forma establecida polo Artigo 23, cando as vacantes da Xunta Executiva superen a metade desta, o Consello Directivo constituirá unha Comisión Xestora integrada polos membros que queden da Xunta Executiva e pola Mesa do Consello Directivo.
Esta Comisión Xestora convocará un Congreso Extraordinario no plazo máis corto de tempo posible para elixir unha nova Xunta Executiva.
A Xunta Executiva terá como órgano consultivo á Mesa Sindical.

Artigo 23. Competencias.

As funcións e facultades da Xunta Executiva son:
1-A execución e cumprimento dos acordos do Congreso, do Consello Directivo e da Comisión de Garantías.
2-A representación e xestión económica e administrativa do sindicato.
3-Realizar e dirixir as actividades do sindicato necesarias para o exercicio e desenvolvemento das súas finalidades.
4-Propor ó Consello Directivo do sindicato os programas de actuación xeral e específicos, executar os xa aprobados, e rendir contas da súa xestión ó Congreso ó finalizar o seu mandato.
5-Nomear ou contratar traballadores por conta do sindicato.
6-Presentar ó Consello Directivo os orzamentos, os balances e as liquidacións de contas anuais, así como as propostas de cotas para a súa aprobación.
7-Presentar ó Congreso o balance final de xestión económica do seu mandato.
8-Elaborar a memoria bienal de actividades e sometela ó Congreso para a súa aprobación.
9-Decidir en materia de cobros e ordenación de pagos e supervisar a contabilidade e a mecánica de cobros e pagos.
10-Controlar e velar polo normal funcionamento dos servicios xerais do sindicato.
11-Adoptar acordos referentes á contratación de bens e servicios que non superen ó 30 por cento do orzamento do sindicato, así como o exercicio de accións ou a concesión de poderes.
12-Realizar informes e estudios de interese para os afiliados
13-Outras competencias que lle outorgue o Congreso e o Consello Directivo
14-Cubrir de forma provisional as vacantes da propia Xunta Executiva, que deberán ser nomeadas na seguinte reunión do Consello Directivo.

Artigo 24. A Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exerce a representación legal e pública do Sindicato de
Xornalistas de Galicia. Desenvolverá o seu traballo baixo acordo colexiado da Xunta Executiva.
Terá as facultades que lle outorga a lexislación en vigor como representante legal e público do sindicato.
As funcións e atribucións da Secretaría Xeral son:
1-Dirixir os debates e presentar a orde do día das reunións da Xunta Executiva.
2-Convocar e presidir a Xunta Executiva.
3-Representar ó sindicato, suscribir contratos, outorgar poderes e executar todo tipo de actuacións legais, sindicais e mercantís, para o que deberá contar coa debida autorización da Xunta Executiva.
4-Defender ante o Consello Directivo e o Congreso a súa xestión e maila da Xunta Executiva.

Artigo 25. A Vicesecretaría Xeral.

As súas funcións son:
1-Substituir ó/á secretario/a xeral e desempeñar, polo tanto, as súas funcións e atribucións no caso de delegación, ausencia, vacante ou enfermidade.
2-Desempeñar con carácter habitual, e de común acordo co secretario/a xeral, as relacións externas do sindicato.

Artigo 26. Secretaría de Actas.

As súas funcións son:
1-Levanta-la acta das sesións da Xunta Executiva, que firmará co secretario/a xeral.
2-Custodiar os libros, documentos e selos do sindicato.
3-Levar ó día o rexistro de afiliados/as, anotando as altas e baixas que se produzan.
4-Velar e facer velar pola confidencialidade dos datos dos/das afiliados/as.
5-Librar certificacións das actas, libros e documentos do sindicato, co visto bo da secretaría xeral.

Artigo 27. Secretaría de Administración e Finanzas.

As súas funcións son:
1-A custodia dos fondos económicos do sindicato.
2-Levar o rexistro das operacións contables de calquera tipo que se realicen.
3-Efectuar os cobros e pagos ordeados polo/a secretario/a xeral.
4-Ter, conxuntamente co/ca secretario/a xeral, a titularidade das contas bancarias e de aforro.
5-Formular o estado das contas e balances que anualmente presentará á aprobación da Xunta Executiva.
6-Elaborar o proxecto de orzamentos anuais.

TÍTULO IV
ÓRGANO DE CONTROL

Artigo 28. A Comisión de Garantías.

A Comisión de Garantías do sindicato é o máximo órgano entre congresos para dirimir as reclamacións e os recursos que formulen os/as afiliados/as contra as decisións da Xunta Executiva ou do Consello Directivo que, ó seu entender, poidan afectar ós seus dereitos. A Xunta Executiva, o Consello Directivo e mailas Seccións Sindicais tamén poderán recurrir ante a Comisión contra aqueles afiliados/as que crean que infrinxen os Estatutos e os acordos congresuais e que, por esta razón, consideren que deben ser sancionados.

Artigo 29. Composición da Comisión de Garantías.

Os membros da Comisión de Garantías serán elixidos por un mandato de catro anos polo Congreso entre os afiliados/as presentes. Como órgano colexiado só responde ante o propio Congreso. A elección será mediante sufraxio libre, directo e secreto. En primeira votación, requeriráse o voto da metade máis un dos asistentes e, de non acadarse, en segunda votación bastará coa maioría simple.
Os membros da Comisión de Garantías non poderán ter ningún cargo executivo nin remunerado dentro do sindicato.
No exercicio do seu cargo, ningún membro da Comisión de Garantías pode ser sancionado ou expulsado do sindicato, a menos que infrinxa abertamente os seus estatutos ou os códigos éticos da profesión. Neste caso, a súa sanción deberá ser aprobada pola maioría dos membros do Consello Directivo e esta decisión terá que ser ratificada á súa vez no primeiro Congreso que se celebre.
A Comisión de Garantías estará integrada por tres membros. Esta comisión, cando o considere necesario, poderá convocar ás súas reunións á asesoría xurídica do sindicato, que terá voz pero non voto.

Artigo 30. Funcionamento da Comisión de Garantías.

As decisións da Comisión de Garantías serán adoptadas por deliberación dos seus membros despois de escoitar ás partes en conflicto e, unha vez sexan acordadas, comunicaránse por escrito ó/á interesado/a e á Xunta Executiva do sindicato para a súa inmediata aplicación. Un regulamento específico rexerá o funcionamento da Comisión de Garantías.
Ó final do seu mandato, a Comisión de Garantías presentará un informe sobre a súa actuación que deberá ser aprobado polo Congreso.
As decisións da Comisión de Garantías son recurribles en primeira instancia ante o Consello Directivo e en segunda e última ante un Congreso Ordinario do sindicato.

TÍTULO V
ÓRGANOS DE ACCIÓN SINDICAL

Artigo 31. As seccións sindicais.

A organización de base do sindicato de xornalistas de Galicia son as seccións sindicais de empresa, que constitúen a súa estructura básica de funcionamento e mobilización.
Organízanse en tódalas empresas con afiliación e o seu primeiro obxectivo será acadar unha representación suficiente dos profesionais do xornalismo nos distintos comités de empresa.
Un regulamento de seccións sindicais establecerá o seu réxime de constitución, funcionamento e atribucións de tal xeito que podan formar parte delas todos aqueles que efectivamente traballen como profesionais do xornalismo, dacordo co que dispón o Artigo 2 destes Estatutos, e garantindo o pleno dereito a participar de todos, independentemente da existencia de situacións laborais diferentes.
En calquera caso, con dous/dúas afiliados/as ó Sindicato de Xornalistas de Galicia nunha mesma empresa poderáse constituir xa unha sección sindical.

Artigo 32. Organización das seccións sindicais.

Tódolos/as delegados/as das seccións sindicais da empresa poderán reunirse nunha coordinadora por afinidade de especialización ou ramo, e integrarán a sección sindical de ramo. Tamén se poderán constituir seccións de ramo nos colectivos de traballadores freelance e colaboradores, ou naqueles cunha problemática moi específica nos que se escollerá, entre os seus membros, un/unha secretario/a.
Cada sección sindical de ramo ou de empresa escollerá un/unha secretario/a ou un/unha delegado/a entre os seus membros.

Artigo 33. A Mesa Sindical.

A Mesa Sindical é un órgano consultivo da Xunta Executiva para a coordinación de actividades e da propia acción sindical. Reuniráse a petición da Xunta Executiva.
A Mesa Sindical estará formada polos/as delegados/as sindicais de empresa e, no caso de que haxa seccións sindicais de ramo, polos/as secretarios/as das devanditas seccións. Os membros da Mesa Sindical forman parte tamén do Consello Directivo, do que son membros natos.
Nas empresas nas que non se teña delegado/a sindical poderá formar parte da Mesa un/unha afiliado/a que sexa membro do comité de empresa ou delegado/a de persoal e fose elixido/a en listas apoiadas polo Sindicato. Os membros da Mesa Sindical son membros natos do Consello Directivo, aínda que non foran elixidos/as polo Congreso.

TÍTULO VI
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 34. Financiación.

Os recursos financieros do sindicato estarán integrados por:
1- As cotas dos membros do sindicato.
2-As donacións e legados ó seu favor.
3-As subvencións públicas ou privadas que reciba.
4-A venda dos seus bens e valores.
5-Os ingresos procedentes da venda de publicacións e prestacións de servicios.
6-Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.
Estableceránse distintas cuotas en función dos ingresos dos afiliados ó sindicato.
De cara a cada exercicio económico deberáse revisar e axustar o orzamento
ordinario de ingresos e gastos e tamén a cuantía das cotas, con suxección ás normas contidas nos Estatutos.

Artigo 35. Administración, contabilidade e patrimonio

A Xunta Executiva determinará as normas para a administración e a contabilidade. O Secretario Xeral é o que ordea os pagos.
O secretario de Administración e Finanzas controlará tódolos documentos de cobros e pagos, supervisará a contabilidade, cuidará da conservación de tódolos fondos na forma que dispoña a Xunta Executiva e firmará tódolos documentos de pagos e cobros.
Os afiliados serán informados da situación económica e da orixe e destino dos recursos do sindicato. Calquera afiliado poderá pedir información sobre a situación económica do sindicato, previa solicitude por escrito á Xunta Executiva.
Os recursos económicos do sindicato e o seu patrimonio destinaránse o cumprimento das súas finalidades.

TÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO SINDICATO

Artigo 36. Modificación de Estatutos.

Estes Estatutos poderán ser modificados, en virtude do acordo do Congreso, co voto favorable das dúas terceiras partes dos presentes.
O proxecto de modificación deberá ser proposto polo menos por unha terceira parte dos/das afiliados/as ou ben pola Xunta Executiva, e serálle transmitido a tódolos membros do sindicato cunha antelación máxima de 15 días naturais.

Artigo 37. Fusión e disolución do sindicato.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia poderá fusionarse ou federarse con outras organizacións sindicais dacordo co procedemento establecido no Artigo 15 dos Estatutos.
O Sindicato de Xornalistas de Galicia disolveráse cando o acorde o Congreso, co voto favorable das dúas terceiras partes dos asistentes. No acordo de disolución, estableceráse o destino que se lle debe dar ós bens, dereitos, instalacións e servicios que poidan quedar despois de atender ás obligacións pendentes. En caso de que o Congreso non acorde o contrario, os membros da Xunta Executiva actuarán como liquidadores.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA

Os regulamentos dos órganos directivos, de control e de acción sindical que deban telos (Congreso, Consello Directivo, Comisión de Garantías e Seccións Sindicais) deberán ser elaborados por cada órgano e ratificados polo Congreso.
Ata o próximo Congreso, cada órgano elaborará un regulamento provisional que rexerá o seu funcionamento e será aprobado polo Consello Directivo e despois, ratificado ou modificado polo Congreso.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

O Consello Directivo está facultado para introducir nos Estatutos as modificacións que dispoña a Administración Pública competente, como condición imprescindible para que o sindicato teña entrada no rexistro que corresponda.