O SXG

AS 5 W´S DO SINDICATO DE XORNALISTAS DE GALICIA

¿Quen?

O SXG é o primeiro sindicato creado por e para os profesionais da comunicación galegos. É unha organización independente de calquera partido políticos. O Sindicato preside ou ten representación nos comités de empresa de La Voz de Galicia, Televisión de Galicia (TVG) e Radio Coruña-Ser. O SXG é a central con máis afiliados no sector da comunicación de Galicia.

¿Cando?

O SXG foi constituído o 27 de febreiro de 2005 por máis de 150 preafiliados

¿Por que?

O sindicato naceu para loitar contra a precariedade laboral

¿Como?

      1.- Exercendo a representación sindical dos traballadores nos Comités de Empresa.
      2.- Denunciando os casos concretos de empresas que promovan a precariedade laboral
      3.- Facilitando un servizo de Asesoría Xurídica ós afiliados con dúbidas, problemas ou preitos
      4.- Informando e formando ós afiliados sobre os seus dereitos laborais e profesionais, como os dereitos de autor
      5.- Negociando a regulación das prácticas cos estudantes

¿Para quen?

Segundo os seus Estatutos, o SXG está aberto a todas as categorías laborais do sector da comunicación: redactores, fotógrafos, cámaras, técnicos, traballadores de gabinetes, etc.

HISTORIA DO SINDICATO

En xuño do ano 2004 durante a celebración da Iª Xornada Profesional da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) que se celebrou en Santiago, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a FeSP para buscar solucións á precariedade laboral, un grupo de xornalistas constituíu unha xestora coa intención de crear un sindicato de traballadores do sector da comunicación en Galicia do mesmo xeito que xa existían outros semellantes en outras comunidades do Estado aglutinados na FeSP. A baixa implicación do sector nos sindicatos maioritarios ou de clase e a necesidade aínda así de ter unha maior representación do xornalismo nos comités de empresa impulsaban a necesidade desta nova ferramenta sindical de representación do colectivo nun ámbito, as relacións laborais na empresa, onde non podían acceder nin o Colexio nin as asociacións da prensa.

Durante meses ese grupo de xornalistas foi crecendo e perseverando nas súas intencións orixinais. Integrado por homes e mulleres de diferentes idades e con diferentes tarefas profesionais dentro do sector a xestora foi organizándose a través de multitude de reunións para ir dando forma a unha proposta de Estatutos que amparasen o novo sindicato. Fixeron falta moitas reunións para consensualo e tamén unha notable tarefa de divulgación da creación do sindicato levando o proxecto a reunións por todo o territorio galego.

Finalmente e con máis 150 profesionais xa preafiliados o 27 de febreiro de 2005 organizouse o Congreso Constituínte do Sindicato de Xornalistas de Galicia no auditorio da Universidade de Santiago. Ademais dos preafiliados a ese congreso acudiron representantes de todos os sindicatos de xornalistas do Estado e mesmo de Portugal. De alí saíron os primeiros integrantes dos órganos de goberno do SXG e alí aprobáronse os Estatutos da nosa organización que declaran como obxectivos do sindicato:

  • A defensa da liberdade de expresión e o dereito á información recoñecidos no artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas e no artigo 20 da Constitución Española.
  • Representar, defender e promover os intereses económicos, sociais, laborais, profesionais e culturais dos profesionais da comunicación, así como promover a implantación dos estatutos de redacción.
  • Protexer os dereitos de autor dos profesionais da comunicación.
  • Promover e defender un Estatuto Profesional dos Xornalistas como marco regulador das condicións laborais e profesionais nas empresas de comunicación e dun proxecto de lei de regulación laboral dos xornalistas que cobran por peza.
  • Defender os dereitos dos profesionais da comunicación, exercer a súa representación nas negociacións de convenios e acordos de ámbito autonómico e velar polo debido cumprimento dos mesmos, coordinando, se fose necesario, as súas accións con outras organizacións.
  • Impulsar unha auténtica igualdade entre homes e mulleres na profesión, tanto no acceso ós postos de responsabilidade como no trato salarial.
  • Fomentar a solidariedade entre os afiliados, promovendo e creando servizos comúns asistenciais.
  • Protexer o acceso ás fontes e defender o respecto no trato ós profesionais da comunicación.
  • Velar para que o acceso á profesión sexa de igualdade e sen favoritismos.
  • Regular conxuntamente cos estudantes, a universidade e as empresas de comunicación de Galicia o actual sistema de prácticas, a prol de conseguir unha mellora da situación laboral.

Nestes anos de actividade o SXG acadou importantes cotas de representación nas empresas do sector conseguindo entrar nos comités de xornais, radios e televisións e mesmo dirixir moitos deles resultando unha forza sindical determinante en moitas negociacións. O SXG entrou a formar parte da Federación de Sindicatos de Periodistas que á súa vez tamén tn representación na Federación Interncional de Periodistas, FIP.

As cotas de afiliación son a base económica sobre a que se sustenta esta organización sindical que non dispón de traballadores propios senón de compañeiros e compañeiras con disposición a traballar polos demais e polo ben do xornalismo profesional.

ORGANIZACIÓN

Para acadar estes obxectivos o SXG organízase internamente nos seguintes órganos de representación, dirección e xestión:

  •  Congreso: está formado polos afiliados/as que teñan satisfeito as cotas establecidas regulamentariamente.
  • Consello Directivo: é o órgano máximo de decisión entre congresos e reunirase de forma ordinaria cada seis meses.
  • Xunta Executiva: é o órgano encargado da dirección, xestión e representación e administración do sindicato.
  • Comisión de Garantías: é o máximo órgano entre congresos para dirimir as reclamacións e os recursos que formulen os/as afiliados/as contra as decisións da Xunta Executiva ou do Consello Directivo que, ó seu entender, poidan afectar ós seus dereitos.

Ademais o SXG conta tamén cun órgano consultivo para acción sindical: a Mesa Sindical, formada polos/as delegados/as sindicais de empresa e, no caso de que haxa seccións sindicais de ramo, polos/as secretarios/as das devanditas seccións.