O Sindicato de Xornalistas de Galicia lamenta a negativa do Congreso a aceptar a trámite unha proposición de lei sobre os dereitos laborais da profesión

A Executiva do SXG lamenta profundamente que o pleno do Congreso rexeitase a pasada semana a toma en consideración dunha proposición de lei, formulada por IU-ICV, sobre os dereitos laborais dos xornalistas.
O grupo mixto foi o único que apoiou a iniciativa, que afonda en cuestións tan cruciais para a profesión como o recurso abusivo ós bolseiros nas empresas de comunicación, a precariedade dos contratos e a situación laboral dos chamados xornalistas á peza.
O SXG quere amosar a súa disconformidade con algúns dos argumentos que empregaron PSOE, PP, CC e CIU para votar en contra dunha proposta que, na súa opinión, incide en aspectos recollidos no Estatuto dos Traballadores ou no propio Estatuto do Xornalista Profesional, actualmente en trámite no Congreso.
Desde a Executiva do SXG lémbrase que a proposta para regular estatutariamente a profesión xornalística acumula case un ano de retraso na súa tramitación. Ademais, e malia que as dúas iniciativas perseguen un obxectivo común, o Estatuto do Xornalista Profesional e a Lei de Recoñecemento dos Dereitos Laborais dos Xornalistas son iniciativas perfectamente compatibles e necesarias para velar pola dignificación dunha das profesións cun maior índice de precariedade en todo o Estado.

Comments are closed.