O Sindicato de Xornalistas critica a precarización da información en Prisa

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denuncia que o Grupo Prisa continúa a facer máis precarias ás condicións laborais do seu cadro de persoal  en Galicia. O grupo está a executar un ERE e a non renovar contratos e asemade explota o traballo de novos e antigos bolseiros para cubrir as informacións.  Así sucede, por exemplo, en Radio Galicia – Cadena Ser de Santiago, por decisión do Grupo Prisa, do mesmo xeito que sucedeu antes no diario El País. Prisa botou a unha decena traballadores da delegación do xornal Galicia, e varios centos en todo o Estado, e pouco despois contratou bolseiros que, loxicamente, cobran moito menos. Ademais, e malia que segue a reducir o cadro de persoal, non permite a saída de traballadores que se ofrecen como voluntarios  a acollerse ás medidas incluídas no ERE pero dos que a empresa non quere prescindir, algo de todo ilóxico dende o punto de vista empresarial.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia sostén que para que as empresas xornalísticas superen a crise económica estrutural deben ofrecer un produto informativo de calidade baseado na existencia de cadros de persoal o suficientemente amplos e nos que se conxuguen experiencia e xuventude. Só a calidade informativa producida por profesionais preparados e motivados pode mellorar a situación actual do sector e recobrar o prestixio do xornalismo na sociedade. Evidentemente, esta calidade informativa non se pode recuperar defacéndose dos profesionais con experiencia e substituíndoos por bolseiros aos que non se lles ofrece unhas condicións dignas de traballo.

O SXG lembra que esta semana foi difundida unha enquisa do CIS que sitúa aos xornalistas como a segunda profesión peor valorada. A explotación e a precariedade que soportan os profesionais que até o de agora conseguiron salvar os seus postos de traballo é un dos factores que explica a paupérrima imaxe que sociedade ten do xornalismo e dos medios de comunicación.

Comments are closed.