O Sindicato de Xornalistas apoia a marcha sobre Madrid convocada polo Cumio Social

O Sindicato de Xornalistas de Galicia e a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) apoia con todas as súas forzas a Marcha sobre Madrid que convocou o Cumio Social para o sábado 15 de setembro, porque existen razóns máis que sobradas para dicirlle ao Goberno na rúa que non pode continuar coas políticas de recortes se quere crear emprego e que saiamos da crise. O Cumio Social, que se constituíu a instancias de CCOO e UGT, está integrado por máis de 150 organizacións sindicais, sociais e cidadás de todo tipo, entre elas a FeSP e os seus sindicatos.

Os recortes que empezou a aplicar Zapatero a partir de maio de 2010 intensificáronse dende que o PP chegou ao Goberno e demostrouse que non serven para crear emprego senón, ben ao contrario, para destruílo e aumentar o número de parados en todos os sectores. Malia iso, o Executivo de Mariano Rajoy, con tal de reducir o déficit aos niveis que lle impón a Unión Europea, eliminou dereitos sociais e laborais conseguidos con moitos anos de loita e está a prexudicar moi seriamente a sanidade, a educación, os funcionarios e empregados públicos, o pequeno comercio e os autónomos, as persoas dependentes, a cultura ou a cooperación internacional até extremos xamais coñecidos na democracia.

O dereito á información que ten a cidadanía, recoñecido na Constitución como un dos dereitos fundamentais, tamén se viu moi afectado polas políticas do Goberno e a crise, o que provocou seis mil traballadores despedidos dos medios de comunicación nos catro últimos anos; unha grave deterioración das condicións salariais e laborais, e o peche de ducias de diarios, revistas, televisións e radios.

Ademais, o Goberno está a aplicar unha a política de control dos medios públicos, os que máis cambiaran para ben durante a etapa de Zapatero, mediante moitos cambios inxustificados de profesionais de todos os niveis en TVE e Radio Nacional, nomeamento de cargos alleos a esa corporación por intereses ideolóxicos e un ataque feroz ás televisións públicas autonómicas despois de levalas á ruína por utilizalas como o seu aparato de propaganda, como é o caso da valenciana Canal Nou.

Fronte a esas políticas, totalmente contrarias ao que prometeu o PP no programa electoral co que gañou as eleccións, a cidadanía ten que denunciar esa fraude democrática e obrigar o Goberno a rectificar para que se cree emprego.

A Xunta Executiva Federal da FeSP fai un chamamento a todos os profesionais dos medios de comunicación, e á cidadanía en xeral, para que o sábado acudan á concentración que terá lugar ás 12.00 horas na praza de Colón de Madrid.

Comments are closed.