Marca histórica de seguimento de folga nos medios de comunicación galegos

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) felicita aos traballadores e a todos os sindicatos polo histórico seguimento maioritario da folga nos medios de comunicación galegos. O éxito da mobilización demostra que os asalariados da información tamén rexeitan o recorte de dereitos executado pola reforma laboral.
CRTVG
Na CRTVG o seguimento foi do 90% dos traballadores que non estaban en servizos mínimos. Os sindicatos do ente público denunciaron como abusivos estes servizos mínimos.
O Sindicato de Xornalistas denuncia ademáis das presións da dirección a CRTVG sobre os asalariados. A empresa intentou forzar a traballadores que estaban en servizos mínimos a que alongasen a súa xornada laboral ante a posibilidade de que a quenda seguinte non entrase a traballar á súa hora. Isto ocorreu no cambio de quenda das 14:00h, a tan só media hora do Telexornal. A dirección mesmo deu ordes aos traballadores para que usasen outras portas para evitar aos piquetes informativos. Ademais, o SXG na TVG rexeita o tratamento informativo que se lle deu á xornada de folga nos informativos diarios.
No sector da radio o seguimento foi do 100% en Radio Coruña (Cadena Ser) e do 70% aproximadamente en Radio Galicia, a emisora da Ser en Compostela.
Axencias e prensa
En axencias, Europa Press veu como paraba o 80% dos seus traballadores. Houbo un 30% de seguimento na Axencia Galega de Noticias, do grupo El Progreso. Neste grupo o Diario de Pontevedra contou unicamente co 10% do seu cadro de persoal.
En prensa, o 100% parou en 20 minutos. No Diario de Ferrol a folga foi total na redacción de 18 persoas, que secundaron a protesta o día 28. O día 29 pararon todas as persoas da administración. En Faro de Vigo saíu á rúa cunha edición reducida pois houbo unha “alta” participación, a maior na historia recente.

Comments are closed.