O SXG PIDE Á DIRECCIÓN DA CRTVG QUE REMATE COA PRECARIZACIÓN NAS CONTRATACIÓNS DO ENTE PÚBLICO

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) ven de reclamar á dirección da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que remate coa precarización nas contratacións dos seus traballadores e que posibilite a incorporación dos profesionais que quedaron na rúa logo de que a antiga dirección non lles renovara os seus contratos.
Durante unha entrevista mantida o luns 17 de outubro co director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, o SXG lembrou que un dos seus obxectivos fundamentais é rematar coa precariedade laboral e regularizar as condicións laborais dos traballadores dos medios públicos. Neste senso, transmitiu o seu desexo de que o ente público volva contar con todos os traballadores que hoxe están no paro.
O Sindicato de Xornalistas destacou a pésima situación laboral na que se atopa a CRTVG e pediu o fin dos contratos por ETT´s e a estabilización profesional dos seus traballadores. Asemade, reclamou que disminúan os contratos artísticos e que se equiparen os dereitos laborais dos traballadores contratados por productoras alleas aos dos propios traballadores do ente público.
Pola súa banda, o director xeral do ente é consciente da precaria situación profesional de moitos dos seus traballadores e comprometeuse a modificar a actual situación. Deste xeito, confirmou que, a partires de 2006, non se producirán novas contratacións a través de ETT´s, senon mediante as tres empresas da CRTVG: a TVG, a RG e a propia compañía.
Benigno Sánchez comprometeuse a crear un banco de datos no que figurarán todos os profesionais que traballaron na CRTVG e que agora están sen traballo e anunciou a convocatoria dun concurso-oposición de novas prazas para o vindeiro ano.
Ademáis, garantiu que tentará reducir as contratacións de tipo artístico e afirmou que haberá un "maior control" das produccións alleas. Neste senso, salientou que, a partir de agora, as productoras rexiránse en función dos intereses da CRTVG.
O SXG calificou de "moi positivas" estas medidas e ofreceu o seu apoio ao novo director xeral do ente público. Neste senso, recomendoulle que, nesta nova andaina, teña en conta a todos os profesionais da CRTVG (xornalistas, cámaras, técnicos…) e conte con eles para a nova etapa que agora comeza.

Comments are closed.