Santiago Montes é o novo secretario xeral do Sindicato de Xornalistas de Galicia

O Consello do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) nomeou por unanimidade secretario xeral a Santiago Montes. O nomeamento é parte dunha reestruturación da Xunta Executiva. Santiago Montes (Compostela, 1969) era até o de agora delegado de Organización.

Novo secretario xeral

O dirixente instou a “traballar conxuntamente con máis forza e iniciativa ante a complicada situación que está a pasar o xornalismo e os conflitos laborais e sociais que se prevén no futuro inmediato”. Santiago Montes tamén chama a “aumentar os niveis de afiliación sindical e participación entre os traballadores, sen o cal sería imposible acadar a forza para resultar efectivos na loita contra a precariedade e o desemprego”. O novo secretario comprométese a traballar para acadar unha maior visibilidade do traballo do SXG e da súa presenza nas empresas así como unha melloría na organización interna sindical.

Montes é a segunda persoa que ocupa o cargo tras Xurxo Salgado, que demitiu en 2010 por motivos persoais.

Rebaixa das cotas para os traballadores en peor situación

Por outra banda, os representantes dos traballadores acordaron manter un ano máis, e xa son seis, conxelados os tramos de cotas de afiliación, que son progresivas. Ademais, a partir de setembro haberá rebaixas para axudar aos traballadores en situacións máis precarias.

Así os asalariados que se declaren en quebra tamén poderán beneficiarse da cota mínima, dous euros por mes, de igual xeito que xa facían parados e estudantes bolseiros. O seguinte tramo, para os que teñan ingresos de até 720 euros ao mes, baixa máis do 16 %, quedando en dous pagos semestrais de 20 euros.

As cotas de afiliación son hoxe a única fonte de financiamento do SXG e garanten a súa independencia e operatividade. Con todo, o Consello Directivo é consciente da “dura situación pola que están a pasar moitos profesionais da comunicación”.

Previsións económicas

Ademais, o Consello Directivo aprobou o informe de finanzas do SXG do 2011 e tomou nota das previsións económicas para o 2012. A pesares da suba das afiliaciónsm os ingresos caerían até un 5% polos “recortes nos soldos que está a sufrir o xornalismo como o resto do sectores e polos altos índices de paro na profesión, superiores con moito ao índice xeral”.

O Consello Directivo tamén aprobou a presentación ante a Administración de “medidas de recuperación económica e laboral do sector da comunicación e de impulso á competitividade e calidade da sociedade da información en Galicia”. Estás iniciativas están en proceso de elaboración e poranse en marcha previsiblemente dentro do primeiro trimestre deste ano. O SXG buscará o apoio de outras organizacións e entidades representativas para sacalas adiante.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia creouse en 2005, desde entón acadou representación nos comités de empresa de Diario de Ferrol, Xornal de Galicia, La Región, Radio Coruña, CRTVG e La Voz de Galicia. Nestes catro últimos mantén arestora representantes.

Comments are closed.