A Federación de Sindicatos de Xornalistas critica os recortes nos medios públicos galegos

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, expresa o seu máis rotundo rexeitamento aos anuncios realizados por varios gobernos autonómicos, tanto do PP como do PSOE e CIU, de pechar radios e televisións autonómicas e municipais coa escusa da crise económica.

En Galicia, a Xunta xa recortou o orzamento do seu radiotelevisión autonómica e retirou as axudas que concedía á asociación de emisoras municipais Radiofusión. Todo iso abre a porta á privatización total ou parcial e pon en perigo a continuidade dalgúns deses medios.

É falso que haxa que elixir entre manter eses medios ou recortar outros servizos públicos; o que se necesita neles é unha boa xestión, para que non resulten gravosos ás arcas públicas. Tanto o Goberno central como os autonómicos e municipais teñen a obrigación de informar á cidadanía do seu traballo coa máxima proximidade e esa é unha das principais razóns de ser deses medios. Para iso necesítanse medios audiovisuais de calidade, que sirvan ao cidadán e non ao goberno de quenda.

Pero, a xulgar polo que xa están facendo, a algúns gobernos autonómicos parece que non lles preocupa o dereito á información que ten a cidadanía senón controlar os medios públicos por intereses partidistas. Un bo exemplo diso é Ràdio i Televisió de Mallorca (RTVM), unha sociedade pública municipal que anunciou o seu peche para xaneiro e o despedimento de 115 traballadores cunha indemnización de 20 días por ano. Esta cadea traballou con total independencia respecto ao Concello de Palma (PP) e esa é a razón de que queiran pechala.

Tamén está ameazada de peche, por intereses políticos, a RTV de Asturias, a pesar de que é a máis barata de todas as autonómicas; o Goberno de Andalucía recortou o orzamento de Canle Sur; a Generalitat catalá reduciu o da radio e televisión pública, ameaza co peche de canles e quere reducir os organismos de control que garanten o dereito á información da cidadanía.

Chalecos nas manifestacións

Ademais, a Xunta Executiva Federal da FeSP, reunida este fin de semana en Madrid, reitera o seu rexeitamento ao acordo do Ministerio do Interior polo que concede a dúas asociacións privadas a facultade para repartir chalecos identificativos aos seus afiliados. Este distintivo ten que ser universal para todos os xornalistas e non só para os afiliados a unha entidade particular.

Comments are closed.