A Mesa pola Normalización pide a recuperación de Radio 4 en galego

En Catalunya segue funcionando esta emisora

Os dirixentes da Mesa recordaron que esta emisora, denominada Radio 4, existiu xa durante unha década, mais que foi suprimida en 1992. Porén, continúa mesmo na actualidade en Cataluña coa función de ser a sintonía de RNE que debe emitir na lingua propia dese país. Na Mesa consideran que, aínda con máis razón, é necesario tamén que esta emisora se recupere para Galiza, debido á delicada situación que vive o noso idioma nos medios de comunicación.

A Mesa leva reivindicando esta cuestión desde a tomada de posesión do novo Goberno central hai xa máis dun ano. Esta nova acción consistirá no envío masivo de cartóns postais á Directora Xeral de RTVE, Carmen Cafarell, para lle solicitar que sexa dilixente neste tema. No texto deses cartóns recórdaselle que xa o ano pasado se aprobou no Congreso dos Deputados unha iniciativa para estudar a cuestión. Ademais, pedirase unha entrevista coa propia Directora Xeral de RTVE e co director de RNE, Pedro Piqueras.

Na conferencia de imprensa, Callón e Jamardo denunciaron que na Mesa pola Normalización Lingüística non teñen constancia de que tal estudo se realizase tan sequera, polo que temen que sexa simplemente unha mostra de “talante baleiro, sen consecuencias prácticas”. Por outra banda, felicitáronse porque a restauración de Radio 4 se encontre entre os puntos polos cales vai pular o novo goberno bipartito da Xunta de Galiza. Con esta acción de envío de cartóns postais, agardan que a cidadanía demostre que existe unha demanda social para lograr este obxectivo. Ademais, A Mesa estará atenta para que este punto programático se verifique por parte do goberno entrante.

Comments are closed.