O SXG denuncia que moitos informadores non son libres de traballar en galego

O Sindicato de Xornalistas de Galicia denuncia, no Día das Letras Galegas, que o emprego do galego é aínda unha rareza na maioría dos medios de comunicación privados da Comunidade.

Hoxe día 17 de maio, as portadas dos principais xornais de Galicia saen á rúa maioritariamente en galego, como sucede tódolos anos por estas datas. O Sindicato valora positivamente este costume, pero entende que é unha práctica hipócrita.

A realidade do día a día é ben diferente, pois son moitos os afiliados do SXG que queren escribir máis noticias en galego pero que non poden facelo debido as políticas empresariais que favorecen o castelán en tódolas áreas temáticas que non sexan, sobre todo, cultura ou opinión.

Chamamento ás administracións

O Sindicato respeta a total liberdade das empresas para escoller o idioma no que publican. Sen embargo, o SXG pídelles ós medios un compromiso máis alá do puramente estético ou testimonial co galego, que tamén é a lingua de moitos dos seus empregados e da maioría da súa audiencia.

Asimesmo, esta organización lembra ós poderes públicos que unha das súas obrigas legais é fomentar o uso da lingua. Por iso, o SXG reclama ás administracións que o emprego regular deste idioma sexa, xunto coa erradicación da precariedade laboral, un criterio clave á hora de conceder as subvencións e as campañas de publicidade que, con cartos públicos, sirven para financiar ás empresas da comunicación.

Comments are closed.