O Sindicato de Xornalistas emprende medidas legais contra "A Nosa Terra" por tres despedimentos que a empresa nega

O DESPEDIMENTOS PRODÚCIRONSE O DÍA DESPOIS DUNHA ASEMBLEA DE TRABALLADORES

Segundo informa un comunicado do SXG, o despedimento produciuse o día logo dunha asemblea de traballadores, celebrada o 13 de marzo, na que 21 dos 29 empregados da compañía lle pediron explicacións á dirección sobre as causas do traslado das tres xornalistas de Santiago a Vigo, sede central de "A Nosa Terra".

A asemblea pediu por escrito que a dirección informase da liña editorial e das razóns para o traslado "forzoso" de tres redactoras e do coordinador do dixital, Xurxo Salgado, algo sobre o que "aínda non se deu explicación algunha", sinala a nota.

O SXG considera que eses despedimentos son, "ademais de ilegais, moralmente execrables, especialmente nunha publicación centenaria do significado de "A Nosa Terra"".

Así mesmo, entende que a resposta da dirección (o despedimento desas tres persoas) á petición de diálogo da asemblea é "un intento de intimidar o cadro de persoal" que "cuestiona a viabilidade da nova etapa da publicación".

Por iso, o Sindicato de Xornalistas solicita a "inmediata readmisión" desas tres profesionais e unha "negociación aberta e clara" sobre o futuro da empresa.

"De non sentar a negociar, a dirección terá que facerlle fronte a un conflito de imprevisibles consecuencias" , advirte a Executiva da central sindical.

Ademais, engade que os traballadores do dixital só pretendían "sacar adiante o que era un prometedor proxecto xornalístico que, catro meses logo do seu nacemento, está en crise por falta de diálogo sobre a liña editorial e o soporte técnico adecuado".

Pola súa banda, o conselleiro delegado da compañía, Afonso Eiré, negou que haxa despedimentos, porque as traballadoras "tiñan un contrato por obra", realizado con motivo da posta en marcha do dixital, e a directiva determinou rescindilo en lugar de contratalas de forma indefinida.

"Ese período acabou e decidiuse non renovarlles o contrato", puntualizou Eiré, quen engadiu que esa determinación responde á intención de "darlle un novo xiro ó dixital", que, ó seu xuízo, "non cumpría coas expectativas depositadas, ó non ter a calidade esperada".

Sobre o traslado a Vigo da redacción do diario dixital, o representante de "A Nosa Terra" aseverou que "a redacción e a directiva da publicación xa estaba alí".

Concluíu Eiré afirmando que o abandono de Salgado do posto de coordinador da publicación dixital é froito dun "acordo".

Axencia EFE. 26.03.2008

Comments are closed.