A Nosa Terra recoñece a improcedencia do despido de tres redactoras

A Nosa Terra (ANT) ven de enviar un burofax (ver fax anexo) a tres redactoras da edición dixital admitindo “a improcedencia do despido comunicado a vostede o pasado 14 de marzo”. A empresa botou a estas tres xornalistas un día despois de que 21 dos 29 dos traballadores da compañía -reunidos en asemblea- pedisen información sobre o traslado forzoso de Santiago a Vigo das tres asalariadas e sobre a liña editorial (ver acta anexa).

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) valora que a dirección recoñecese a improcedencia dos despidos o mesmo día, 26 de marzo, no que o Sindicato denunciara publicamente por vez primeira a existencia dun conflito . Con todo, o SXG continúa co proceso xudicial aberto a semana pasada na procura da readmisión das tres compañeiras, ás que ANT só ofrece indemnizar.

Diálogo para sacar adiante o medio
O único propósito dos traballadores é, ademais de defender os seus dereitos, sacar adiante un proxecto que hai só catro meses comezaba unha prometedora etapa. Por iso, o SXG anima á dirección a dar outro paso ao fronte e abrir un diálogo aberto -sen represión dos asalariados- sobre o futuro do medio e do cadro do persoal.

En todo caso, os burofaxes proban que as declaracións dun directivo de ANT a Efe e Europa Press o 26 de marzo, nas que negaba a existencia dos despidos, son falsas.

Mostras de apoio
O SXG agradece publicamente as mostras de solidariedade recibidas dende o ámbito académico, político, sindical, da administración e dos medios. Por último, o SXG insiste que a organización e mobilización son as únicas solucións efectivas para reducir a precariedade e os abusos, comúns en moitas empresas de comunicación de Galicia.

Pode consultarse en liña a acta da asemblea de traballadores coas firmas de 21 empregados e un dos tres burofax nos que a empresa recoñece a improcedencia dos despidos.

Comments are closed.