Os sindicatos de xornalistas denuncian o afán dalgúns partidos por controlar a información electoral

A Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, denuncia que deen cada proceso electoral aumenta o intento dos partidos de limitar o libre exercicio profesional do xornalismo na cobertura informativa das campañas. Como consecuencia desa actitude se conculca o dereito á información da cidadanía.

O triste episodio da negociación entre PSOE e PP para preparar os debates en televisión entre os seus máximos líderes é unha mostra máis de que eses partidos aínda cren que son eles os donos da información e que non teñen prexuízos en desprezar aos medios públicos de todos os cidadáns.

A fixación arbitraria dos bloques electorais nos medios de titularidade pública pola Xunta Electoral Central (XEC), que carece de competencias para facelo, é un insulto e un menosprezo á capacidade e honestidade dos profesionais da información deses medios. Esta actuación foi denunciada por varios colectivos profesionais, denuncia á que se suma a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP).

Esixencias nos debates

Doutra banda, os principais líderes políticos ou os seus asesores esixen aos medios entrevistas ou debates pactados, nos que pretenden impor ata ata os ángulos que deben captar as cámaras, o que converte aos xornalistas en meros espectadores deses “mitins particulares”.

Eses mesmos asesores, no seu afán por controlar as imaxes dos seus líderes; pñen trabas ao traballo libre das cámaras dos medios e ofrecen ás televisións o seu sinal institucional dos mitins. En moitos casos, e sen vergoña algunha, as empresas xornalísticas aceptan emitir esas imaxes, co que se converten en meros correos de transmisión da información que lles facilitan os partidos. Isto supón traizoar a mesma liberdade de prensa que din defender, polo aforro económico que isto lles representa.

Mediadores necesarios

Ante este lamentable espectáculo, a Federación de Sindicatos de Xornalistas recorda a todos os partidos políticos que a información é un dereito da cidadanía, que é a súa dona; que os xornalistas son os mediadores necesarios entre a información e a sociedade, e que o respecto a ese dereito fundamental esixe que ninguén poña límites á independencia profesional dos informadores.

Cómpre que terminemos dunha vez por todas con este espectáculo.

Comments are closed.