Contra a condena aos caricaturistas de El Jueves

A Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), respecta a sentenza que condena a un guionista e a un debuxante da revista El Jueves por inxurias á Casa Real Española, pero considera que esta demostra que a xustiza estatal necesita dun axuste acorde aos tempos actuais.

A sátira é unha das formas históricas da crítica e está enraizada na tradición xornalística ; cremos que, unha vez máis, a aplicación da lei pura e dura sobre ela descoñece esa realidade e non axuda a conducir á sociedade polos camiños da liberdade democrática.

Meses atrás todas as organizacións xornalísticas, intelectuais e dirixentes políticos criticamos con dureza o ataque que recibían os autores dunhas viñetas noutras latitudes e acusamos aquelas reaccións fóra de toda razón de convivencia democrática. Non se nos ocorría pensar que pouco tardariamos en atoparnos nunha situación similar dentro das nosas fronteiras.

Propia doutro século

Con todo, non é menos certo que a autoridade xudicial non fixo senón aplicar o seu criterio, sen dúbida subxectivo, recorrendo á legalidade vixente. Polo tanto, cómpre que os lexisladores corrixan os criterios legais que permiten sancións deste tipo que dende o SXG e a FeSP consideramos propias doutro estado e doutro século.

SAÚDOS DO SINDICATO DE XORNALISTAS DE GALICIA

Comments are closed.