Éxito da protesta contra a precariedade no sector da comunicación

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), e os sindicatos que a integran cumpriron con éxito a xornada de protesta pola precariedade da profesión, que consideran un "perigo para a democracia".

Impacto en Galicia
En Galicia, a distribución das camisetas co lema "A miña precariedade é a túa desinformación" foi un éxito. O SXG acabou case todas as existencias e os informadores amosaron o seu apoio á mobilización poñendo as camisetas en moitos actos informativos en Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago e Lugo. Ademais, numerosos medios -especialmente emisoras de radio- fixéronse eco da protesta organizada polo Sindicato.

En coincidencia coa convocatoria da Federación Europea de Preiodistas os sindicatos da FeSP realizaron diversos actos en distintas comunidades autónomas o pasado luns. En todos eles demandouse unha norma estatal que regule os dereitos laborais dos xornalistas, e a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional que leva case catro anos "bloqueada" no seu trámite parlamentario no Congreso dos Deputados.

O proxecto, presentado polo Grupo EU-ICV que asumiu o proxecto do Foro de Organizacións de Xornalistas, e que viña apoiada polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, cando o partido socialista estaba na oposición. Os sindicatos da FeSP centraranse en que Zapatero cumpra o seu compromiso e comprométase a impulsar o estatuto prometido na próxima lexislatura.

A Federación realizou actos en Galicia, Canarias, A Rioxa, Madrid, Andalucía e Cataluña, chamando a atención sobre os problemas da profesión en España, que considera aínda máis graves que no resto de Europa. Unha situación que "pon en risco o dereito á información da cidadanía", xa que os profesionais "sofren cada vez máis presións políticas, ven como aumenta a concentración de medios, e como se reduce o pluralismo informativo", denuncian.

En todo o Estado
Entre os actos convocados, representantes do Sindicato de Xornalistas de Madrid (SPM) concentráronse fronte ao Congreso dos Deputados onde cinco homes e mulleres do sindicato, vestidos con monos de traballo brancos e gorras, exhibían grandes carteis coas palabras "Precariodismo" e "Estatuto xa".

O secretario xeral do sindicato, Agustín Yanel, dixo a Europa Press que as súas demandas perseguen unha regulación do xornalismo "en beneficio do dereito da cidadanía a recibir información veraz", polo que demandarán do Goberno que "cumpra o seu compromiso". Xunto a ese proxecto, demandan "unha Lei de Dereitos Laborais dos xornalistas".

Entre as accións, a FeSP convocou paros de 5 minutos que se cumpriron en distintas redaccións e remitiu cartas ao Presidente do Goberno, aos portavoces dos grupos parlamentarios estatais e autonómicos, aos deputados encargados do trámite parlamentario do Estatuto, e outras accións como conferencias sobre a precariedade en dúas universidades, e a distribución de adhesivos e camisetas que os xornalistas levaron postas ás roldas de prensa.

Catalunya e Andalucía
En Catalunya portavoces de distintos grupos parlamentarios manifestaron a súa solidariedade e o respaldo ás demandas dos xornalistas que lles presentou o Sindicat de Periodistes de Catalunya.

Mentres que en Andalucía o grupo parlamentario de IULV-CA anunciou a presentación no parlamento andaluz dunha Proposición Non de Lei contra a precariedade laboral dos xornalistas e en defensa da calidade da información.

Esta iniciativa, segundo a portavoz parlamentaria de IULV-CA, asumirá as reclamacións e preocupación expostas pola FeSP e polo Sindicato de Xornalistas de Andalucía, facendo fincapé na precariedade na que desenvolven a súa actividade unha alta porcentaxe de profesionais da comunicación.

Comments are closed.