El Mundo vulnerou a liberdade de expresión dun xornalista segundo o Tribunal Constitucional

O Tribunal Constitucional deu a razón a un xornalista do Mundo e sinalou que a empresa vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión, ao non permitirlle que continuase participando nun faladoiro de televisión na que levaba catro anos. A prohibición foi acordada despois de que Frechoso dixese no faladoiro que ese diario non informara de que o 90% do persoal secundou a folga xeral do 20 de xuño de 2002, e lamentase que a policía tivese que trasladar nos seus furgóns exemplares do xornal desde a imprenta ata un local policial, onde foron recollidos para distribuílos aos puntos de venda.

Dous xuíces sentenciaron no seu día que fora vulnerado o dereito á liberdade de expresión de Frechoso. Pero a empresa recorreu e o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) deulle a razón, cunha sentenza redactada polo maxistrado Miguel Moreiras que foi moi criticada en medios xornalísticos e no mundo do Dereito polos argumentos que utilizaba.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, celebra que esa sentenza sexa agora anulada e que o Constitucional, unha vez máis, indique que as competencias que ten un empresario para organizar o traballo non poden lesionar dereitos fundamentais dos seus empregados, como ocorreu neste caso.

Como argumentos para dar a razón á empresa, o TSJ de Madrid citaba dous casos que non tiñan relación con este: o dun policía que criticou na radio a un superior e o dunha revista de Turquía que foi acusada de incitar ao terrorismo. Cunhas frases sacadas de contexto desas sentenzas, o tribunal madrileño indicaba que os xornalistas deben axustarse á liña editorial do medio para o que traballan e seguila.

O Constitucional indicou que asinar un contrato de traballo non pode vulnerar dereitos fundamentais do empregado. Por iso, a empresa editora do Mundo estaba obrigada a demostrar que a prohibición a Frechoso non era unha represalia polas súas críticas no faladoiro “A mirada crítica”, de Telecinco, senón que existían «motivos razoables» para adoptar esa medida, cousa que non fixo.

A FeSP felicita ao redactor xefe do Mundo Francisco Frechoso, e á profesión xornalística en xeral porque esta resolución anula o que fose un grave precedente contra a liberdade de expresión; e congratúlase de que o Tribunal Constitucional sentencie que os xornalistas non están obrigados a coincidir coa liña editorial do seu medio, no caso de que esta exista.

Comments are closed.