O Consorcio Audiovisual de Galicia organiza dous cursos de voz para actores, xornalistas e presentadores

IMPARTIDOS POR UNHA LOGOPEDA

Son dous cursos diferentes. Un destinado exclusivamente a actores e outro para profesionais do sector audiovisual que traballan coa voz: xornalistas, locutores, presentadores. Ambos os dous contarán cunha parte teórica e outra práctica. A titora dos obradoiros será a logopeda especialista en problemas de voz Marta Pinillos Manrique de Lara, que conta cunha ampla experiencia de actividades de formación en medios de comunicación, hospitais e empresas.

As dúas edicións utilizarán unha metodoloxía participativa na que os asistentes se implicarán activamente mediante a realización dos diferentes exercicios que se indicarán no desenvolvemento das clases para o perfeccionamento da utilización da voz.

O curso para actores terá un caracter eminentemente práctico e ten como obxectivo incrementar o seu potencial adquirindo e perfeccionando o contorno da mesma sen producir dano ás cordas vocais. Os obradoiros celebraranse na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia (Rúa do Hórreo, 61) entre os días 19 e 30 de Marzo, de luns a venres entre as 16, 00 e as 20,00 horas. O prezo da matrícula é de 50 euros, con caracter xeral e de 25 euros para os membros das entidades colaboradoras (AISGE, AADTEG e APRADOGA).

O curso para xornalistas, locutores, presentadores e para todos aqueles profesionais do sector audiovisual de Galicia que traballen coa voz celebrarase tamén na Sala Audiovisual do Centro Multimedia de Galicia entre os días 19 e 29 de marzo en horario de 20 a 22 horas, sumando un total de 16 horas lectivas. O prezo de matrícula para a realización deste curso é de 30 euros.

Condicións e prazos de inscrición
Para a inscricións nestes dous cursos haberá que cubrir unha solicitude que se pode conseguir na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia ou na súa páxina web (http://www.consorcioaudiovisualdegalicia.org) e presentala xunto ao currículo do alumno. A presentación da documentación tamén poderá realizarse tanto na sede da do Consorcio, a través do correo electrónico (formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org) ou mediante Fax ao número 981 54 58 47).

Os dous cursos contarán cun máximo de 15 participantes e a selección dos aspirantes se realizará atendendo á orde de inscrición e ao perfil do currículo do solicitante, dando preferencia ás persoas que non participaran no curso nas anteriores edicións.

O prazo de inscrición para o curso de actores estará aberto ata o día 8 deste mes, e o de xornalistas ata o día 9.

Máis actividades formativas
As vindeiras semanas publicaranse outras convocatorias para actividades enmarcadas dentro do Plan de Formación 2007 do Consorcio Audiovisual de Galicia. Na actualidade, o Consorcio tamén está a preparar a segunda edición dun curso monográfico de inglés audiovisual, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; un obradoiro de curtametraxes, en colaboración co KIMUAK -programa de promoción da curtametraxe da Filmoteca Vasca, titorizado por Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga-, e un curso de edición de audio para técnicos de son.

Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org) ou no teléfono 981 54 50 63.

Comments are closed.