O Foro sobre Comunicación e Xénero trata o papel da muller nos medios

Está organizado polo Colexio de Xornalistas

O Foro sobre Comunicación e Xénero pretende aprofundar en cuestións como o sexismo da linguaxe e o tratamento que desde os medios se dá ás mulleres, loitando contra uns medios de comunicación que se erixen en transmisores de ideoloxía ao servizo do patriarcado e camiñando na busca dun mellor tratamento das novas, máis comprometido coas cuestións de xénero, e dunha maior visibilidade das mulleres nos medios de comunicación. Para conseguilo, ten o obxectivo de analizar, estabelecer e fortalecer as ligazóns entre os profesionais da comunicación, o tecido organizativo dos colectivos de mulleres e a comunidade académica.

A xornada presencial ven pór o punto final a un foro desenvolvido na rede, através da páxina do Observatorio dos Medios (www.observatoriodosmedios.org). Nos foros virtuais desta páxina, desde o 9 de outubro, foron debatidas e comentadas por todos e todas as participantes unhas corenta comunicacións e opinións arredor da temáticas de Comunicación e Xénero. Esta experiencia novidosa busca acadar unha maior implicación da cidadanía para estimular o diálogo multidisciplinar e estabelecer unha vixilancia constante sobre os medios.

O foro virtual xerou máis de seis mil lecturas das distintas comunicacións, realizadas por autoras e autores procedentes non só de diferentes partes do Estado Español senón tamén de países como Portugal, Bélxica, Inglaterra, Brasil, México, Guatemala ou Australia. Para alén das comunicacións académicas é preciso destacar a participación dunha ducia de asociacións de mulleres de toda Galiza, que remitiron textos dando a súa visión, de primeira man, sobre o tratamento das temáticas de xénero nos medios; así como de xornalistas profesionais que ofreceron a súa propia experiencia desde o ámbito da comunicación. O resultado foi un amplo debate entre os sectores implicados que vai continuar aberto na rede.

Este Foro forma parte do Seminario Permanente sobre Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social, unha iniciativa do Observatorio Galego dos Medios, estabelecido no marco do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que procura profundizar na análise, formación e debate das ligazóns existentes entre o tecido organizativo da sociedade civil, as e os profesionais da comunicación e a comunidade universitaria. O traballo do Seminario continúa co Foro Internacional sobre Comunicación e Discapacidades, que xa está en andamento na rede e terá a súa xornada presencial o 16 de decembro na Coruña, así como con outros foros que a principios do vindeiro ano analizarán a relación que teñen os medios de comunicación coa mocidade e coas persoas maiores.

Comments are closed.