Xustiza atende a editores e xornalistas e modificará a LECrim

O ministro Ricardo Catalá, nunha reunión con FAPE, FOP (á que pertence a FeSP e, polo tanto, o Sindicato de Xornalistas de Galicia) e a patronal AEDE, comprométese a cambiar a polémica enmenda sobre a publicación de imaxes dos detidos para non prexudicar o dereito á información

O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, reuniuse con representantes da FAPE, o Foro de Organizaciones de Periodistas (do que forma parte a FeSP) e a patronal AEDE, que lle trasladaron o malestar e a inquietude que provocou entre os profesionais da información e os editores a polémica enmenda sobre as detencións que introduciron o PP e CiU no proxecto de modificación da Ley de Enjuiciamiento Criminal.

Os representantes desas organizacións consideran que, se a lei é aprobada con esa enmenda, porase en perigo o dereito á información da cidadanía porque os axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade poderán impedir aos xornalistas que fotografíen ou filmen a unha persoa cando é detida ou trasladada, aínda que se trata dun asunto de interese xeral, para preservar o dereito á honra, intimidade e imaxe.

Nesa reunión, o ministro asegurou que non é iso o que se pretende coa polémica enmenda, senón que vai dirixida ás autoridades xudiciais, fiscais, da policía xudicial e penitenciarias e non aos medios de comunicación nin para entorpecer o seu traballo. Por iso estudiarán unha nova redacción que garanta o equilibrio entre os dereitos do detido e o dereito á información.

Tas o encontro co ministro, a FAPE, o FOP e AEDE difundiron o seguinte comunicado:

«O Ministerio de Xustiza atende as demandas de editores e xornalistas e buscará un texto alternativo ao artigo 520.1 da LECrim
O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, atendendo ás demandas de editores e xornalistas, comprometeuse a buscar un texto alternativo que reforce o equilibrio entre o dereito á información e os dereitos constitucionais do investigado no artigo 520.1 da Ley Orgánica de Modificación da Ley de Enjuiciamiento Criminal (LECrim).
Nunha reunión de traballo co ministro, representantes da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), da asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE) e do Foro de Organizaciones de Periodistas (FOP), amosaron a súa inquietude porque este artigo, introducido nunha enmenda no Congreso dos Deputados, pon en perigo o dereito constitucional á información.
Concretamente, co voto favorable dos Grupos Popular e catalán de Convergencia y Unió, engadiuse ao artigo 520.1. referido á detencións que na detención dunha persoa “deberanse adoptar as medidas necesarias para asegurar o respecto aos seus dereitos constitucionais á honra, intimidade e imaxe no momento de practicarse, así como nos traslados ulteriores”.
Na reunión, ademais de precisar que, en asuntos de interese público e con veracidade informativa, prevalece o dereito colectivo á información fronte ao dereito individual á honra, á intimidade e á propia imaxe, segundo sentenzas do Tribunal Constitucional, se puxo sobre a mesa que as palabras «adoptar as medidas necesarias» crearon un gran desconcerto e total inseguridade xurídica en profesionais e medios, por non existir definición en canto á forma de poñer en práctica a medida de protección proposta por parte da autoridade xudicial ou policial.
Os representantes dos editores, organizacións profesionais e sindicatos valoraron a vontade de diálogo do ministro e a súa disposición a buscar fórmulas para que a reforma lexislativa non supoña unha traba á liberdade de información aínda que os destinatarios da norma sexan órganos xudiciais, fiscalía, policía xudicial e institucións penitenciarias.
Por outra parte, noutro encontro con representantes das organizacións de xornalistas e editores, o portavoz do Grupo Socialista do Senado –onde se tramita na actualidade o proxecto de lei–, Óscar López, mostrou a disposición do seu grupo a rexeitar o texto do artigo 520.1, tal e como tense remitido dende o Congreso, pedindo a retirada do polémico párrafo.
Na reunión co ministro participaron a presidenta e o vicepresidente da FAPE, Elsa González e Aurelio Martín, respectivamente; o director xeral e a directora xeral adxunta de AEDE, José Gabriel González e Irene Lanzaco, e, en representación do FOP, o coordinador estatal da Agrupación de Periodistas de UGT, Mariano Rivero, e o secretario xeral da Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), Agustín Yanel.»

O documento contra o texto do artigo 520.1 da LECrim foi suscrito polas seguintes organizacións:
• Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE)
• Asociación de Editores de Diarios Españoles (AEDE)
• Foro de Organizaciones de Periodistas (FOP)
[O FOP está integrado pola Agrupación de Periodistas de UGT, Agrupación de Periodistas de CC OO, Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), Sindicat de la Imatge UPIFC, Col·legi de Periodistes de Catalunya, Colexio de Xornalistas de Galicia e Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV)]
• Colexios Profesionais de Xornalistas de Andalucía, Asturias, Castela e León, Murcia e País Vasco.

Justicia atiende a editores y periodistas y modificará la LECrim.


Comments are closed.