A FeSP consegue que a Defensora del Pueblo rectifique a súa postura da obrigatoriedade do uso de chaleco identificador

A Institución do Defensor del Pueblo, que dirixe Soledad Becerril, recoñeceu por escrito á Federación de Sindicatos de Periodistas da que é parte o SXG que os chalecos de identificación que a Dirección General da Policía Nacional recomenda utilizar aos fotoxornalistas nas manifestacións e protestas na rúa non son obrigatorios e, ademais, so están a disposición dunha asociación profesional e non de todas as representativas do sector.
En decembro pasado, o secretario xeral da FeSP, Agustín Yanel, solicitou á Defensora del Pueblo que rectificara a resposta que dera ao Movemento polos Dereitos Civis, na que afirmaba que os xornalistas que van a manifestacións sen vestir un peto de cor branca coa inscrición «prensa» póñense «nunha situación de risco». Tamén pediulle que continuara tramitando esa queixa, ante o que a Institución ven de comunicarlle que segue adiante con ela.
Ese colectivo galego queixouse á Defensora del Pueblo pola actuación dalgúns axentes de policía durante a protesta convocada o 29 de marzo de 2014 en Madrid, que non foi comunicada previamente á Delegación do Goberno, na que se produciron diversos incidentes e houbo un detido.
A Defensora del Pueblo fundamentou a súa resposta a esa queixa na información que recibira da Dirección General de la Policía, que citaba un convenio de colaboración subscrito en marzo de 2011 entre o Ministerio do Interior e a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE). Nese texto indícase, en realidade, que nas manifestacións, os xornalistas e fotoxornalistas «poderán, de forma voluntaria, portar un distintivo tipo chaleco».
Como nas gravacións da protesta do 29 de marzo víanse a persoas que non levaban o devandito chaleco de identificación, a Defensora del Pueblo concluíu: «Non cabe entender que existira unha actuación policial incorrecta», o que permitía deducir que o uso desa prenda é obrigatorio.
A FeSP pediu a Soledad Becerril que rectificara a súa resposta ao Movemento polos Dereitos Civís, porque o seu contido supuña asumir que os xornalistas poden ser reprimidos no seu traballo en manifestacións malia non ter cometido falta ou delito, unicamente por non vestir un peto branco que non é obrigatorio legalmente.
En resposta a esa petición da FeSP, a adxunta segunda á Institución do Defensor del Pueblo, Concepció Ferrer, indica no seu escrito que esas «recomendacións» non son normas obrigatorias e só afectan aos afiliados de FAPE: «Certamente, compártese o que se indica de que o convenio de colaboración subscrito antes aludido non abarca a todas as organizacións representativas do sector, nin as recomendacións contidas nel poden entenderse como normas de obrigado cumprimento, senón tan só recomendacións que enténdese poden ser beneficiosas para aqueles profesionais que opten voluntariamente por asumilas».
«Esta Institución
-engade- lamenta que o texto do noso escrito ao Movemento polos Dereitos Civís non dese lugar a unha interpretación correcta, e comunícolle que proseguen as actuacións no presente caso».


Comments are closed.