Total respaldo do SXG á xornalista Leticia Vilar ante os ataques do grupo provincial do PP de Lugo á súa situación laboral

O Sindicato de Xornalistas de Galicia quere amosar o seu apoio a Leticia Vilar Pumares, xornalista e directora de comunicación e TICs da Deputación Provincial de Lugo, logo do ataque perpetrado a súa situación laboral por parte do grupo provincial do PP lucense, que cuestionou a lexitimidade do seu acceso ao posto nun comunicado enviado aos medios no que asegura que “se converte en funcionarios a persoal de confianza do presidente”, José Ramón Gómez Besteiro. No comunicado aluden directamente á xornalista e á súa praza dentro da institución.

A xornalista xa solicitou ao Partido Popular que se retracte das acusacións xa que, aínda que o PP sostén no seu comunicado que accedeu ao seu posto tras un concurso oposición, Vilar fíxoo nunha oposición libre fai xa tres anos e medio. Desminte tamén que as probas foran feitas a correr antes das eleccións de 2011, xa que a maioría dos exames celebráronse despois, e que se modificara a plantilla de traballadores da Deputación para facerlle un oco, posto que calquera modificación na Relación de Postos de Traballo ten que ser aprobada no pleno da Deputación, como ocorreu.

O Sindicato de Xornalistas entende este comunicado do PP de Lugo en clave electoralista, xa que dende que Vilar accedeu pasaron tres anos nos que puideron presentar alegacións ou impugnar o proceso se houberan detectado algunha irregularidade. Ademais o PP provincial soubo deste proceso de acceso desde o principio ao formar parte do Pleno da Deputación os seus deputados provinciais. A convocatoria desta praza tamén estivo supervisada polo Comité de Empresa da institución e non se presentou ningunha protesta nin alegación na súa contra. Presentar agora este comunicado sen validez legal a poucos meses das eleccións municipais só demostra como intención unha clara labor de intoxicación, empregado estratexias de desgaste contra os seus adversarios políticos sen importarlles o máis mínimo socavar sen probas a honorabilidade e lexitimidade dunha traballadora cuxo proceso de acceso ao seu posto laboral está fóra de toda dúbida legal.

Procesos regulados
Dende o SXG lévanse anos defendendo que os técnicos de comunicación das administracións públicas deben acceder ás súas prazas mediante procesos regulados, como o que se seguiu con Leticia Vilar, en lugar de empregar un método de designación directa como o sinalado polo PP, que no comunicado defende a función de xornalista é de carácter eventual porque “o seu traballo baséase na confianza”, distinción co resto de técnicos públicos que non se sosten baixo ningún criterio que non sexa a insana crenza de que a comunicación institucional está ao servizo dos políticos e non como parte da actividade normal das administracións públicas de cara a sociedade para garantir o dereito á información.

O Sindicato de Xornalistas defende esa forma clara de concorrencia aos postos nas Administracións públicas precisamente para facilitar a transparencia cara a sociedade das institucións, independentemente de quen ostente o poder político. Calquera designación a dedo feita por un dirixente é unha mala práctica democrática e laboral que fará que o profesional da comunicación traballe para os ocupantes conxunturais do poder de feito persoalista e propagandístico pagado con cartos públicos, como está a ocorrer actualmente en moitas administracións, incluídas a Xunta de Galicia gobernada polo PP.

Nese sentido, os procesos regulados, públicos, abertos e sometidos ao control de comités de empresa e órganos de representación, como foi o caso de Leticia Vilar na Deputación Provincial de Lugo, son a mellores excepcións de transparencia e garantía que se lle pode ofrecer á cidadanía. O SXG súmase á afectada ao esixir do grupo provincial do PP unha retractación pública ao seu incoherente comunicado.


Comments are closed.