Chalecos para os xornalistas gráficos

Como parte dos servizos á afiliación o Sindicato de Xornalistas de Galicia comezara inmediatamente a repartir entre os afiliados e afiliadas que desempeñan labores de xornalismo gráfico chalecos identificadores co logotipo do sindicato e as palabras “PRENSA” colocadas en zonas visibles de tal xeito que poida ser de utilidade no traballo, sobre todo naquelas situacións nas que a integridade física dos/as xornalistas gráficos poida estar en risco, sobre todo cando traballen en escenarios conflitivos, tan frecuentes no momento social que vivimos actualmente.

O uso desta prenda identificadora depende en todo caso da decisión persoal de cada profesional xa que non é legalmente esixible en ningún contexto estatal por parte de ninguén o uso de identificacións deste tipo no espazo público. A ausencia da solicitada regulación da profesión xornalística ten como consecuencia, entre outras moitas, que non se poidan esixir ningún tipo de credenciais ou identificacións xa que ningunha delas ten carácter ou recoñecemento oficial.
No SXG sabemos que hai compañeiros gráficos para os que o uso destes distintivos parécelles contraproducente para o seu traballo pola alta visibilidade que lles dá e o condicionamento que iso poida provocar nos suxeitos do seu entorno. De aí que o SXG non aconsella nin desaconsella o seu uso efectivo, tan só pon ao dispor da súa afiliación esta vestimenta que usará segundo o seu criterio persoal e profesional como estimen conveniente.
O SXG comezará de inmediato a enviar esta prenda por correo postal a aquelas/es afiliados que xa constan como xornalistas gráficos na base de datos en base á información proporcionada na súa ficha de afiliación. Tamén poden recibila baixo solicitude previa aquela xente que leva a cabo traballos multimedia ou gráficos, pero que non figura como tal na nosa base de datos. As existencias son limitadas e a aprobación do envío está supeditada ao cumprimento de certas condicións.

As condicións a cumprir serán:

-Ser afiliad@ coas cuotas ao día.
-Xustificar a conveniencia de dispor do chaleco polo desenvolvemento do seu traballo.
-Enviar un correo co asunto «Solicitude chaleco» á conta de correo afiliacion@sindicatodexornalistas.com
-Manter actualizado o seu enderezo postal para os envíos.

As solicitudes que cumpran cos requisitos serán aprobadas por rigorosa orde de chegada e ata fin de existencias. O sindicato tomará nota do resto das solicitudes de cara a vindeiras producións de chalecos.


Comments are closed.