O SXG pide a inclusión da publicidade da Xunta na Comisión creada para a centralización das contratacións autonómicas

«Garantir a eficiencia do gasto público«. Ese é o motivo principal esgrimido pola Xunta de Galicia, no Consello clebrado o xoves 20 de febreiro, para celebrar a creación dunha Comisión interdepartamental para o estudo das necesidades de contratación centralizada nesta Administración de servizos como limpeza, seguridade, combustibles ou mensaxería. O Sindicato de Xornalistas de Galicia cre imprescindible que no futuro catálogo de prestacións e servizos susceptibles deste control se inclúan as campañas de publicidade e de difusión en medios de comunicación, xa que permitiría un maior control e aproveitamento dos cartos investidos en publicidade institucional ademais de facilitar a utilización de criterios claros e positivos e engadir transparencia ao fluxo de cartos entre a Xunta e os medios de comunicación.


O SXG considera que a creación desta Comisión pode ser unha boa oportunidade para dar resposta a unha demanda que este sindicato leva moito tempo poñendo enriba da mesa: a centralización de todos os procesos de contratación de publicidade institucional de todos os organismos e consellerías e o establecemento de criterios de eficiencia na comunicación para un maior control do gasto e unha correcta divulgación das distintas campañas para asegurar que estas chegan a diversos sectores da poboación.

Só no ano 2010 a Xunta destinou máis de 15 millóns de euros a distintos medios de comunicación, o 90% fóra de convocatoria pública e a través de procesos menos transparentes para a cidadanía, como «suscripcións, suministro de exemplares e insercións publicitarias», «subvencións de capital» ou «derivados de convenios de colaboración coas distintas consellerías». No ano 2013 poden contabilizarse gastos mínimos de cerca de tres millóns de euros en publicidade institucional contratada «a dedo» e moi concentrados nuns poucos medios. Son cifras de cartos públicos o suficientemente importantes como para somentelas a criterios de eficiencia como os que se buscan nesta comisión.

Para o SXG o control do investimento en publicidade por parte desta Comisión permitiría un reparto máis transparente e equitativo que garantiría unha distribución proporcional e con criterio entre os distintos medios de comunicación, o que axudaría a moitos medios locais ou de menor envergadura empresarial que tamén están a crear emprego no sector. Ademais, serviría para achegar a publicidade da Xunta de Galicia a un público maior e máis diverso, no que se incluirían aqueles sectores da poboación que optan por informarse a través dos poucos medios que usan integramente o galego como vehículo de comunicación, xa sexa a través do papel, da radio ou de internet.

Segundo a nota de prensa difundida polo goberno galego con motivo da creación desta comisión no Consello da Xunta o executivo de Núñez Feijoo gabábase de que «A contratación centralizada permitirá, por tanto, ter unha maior capacidade de negociación e reducir o prezo final dos servizos. Deste xeito garántese a estabilidade orzamentaria, o control de gasto e o fomento da participación da pequena e mediana empresa, para unha maior eficiencia do uso dos fondos públicos». No caso de non querer incluir os servizos de publicidade institucional no catalogo destes servizos centralizados tal e como solicita o SXG, o presidente deberá explicar porque este gasto público non pode ser susceptible de acadar estes beneficios tan equilibradores das contas públicas.

Comments are closed.