Condenan ó alcalde de Toques e a cinco veciños por agredir a xornalistas

O alcalde de Toques, Jesús Ares, deberá indemnizar a un reporteiro con máis de 380 euros por romperlle a cámara durante o polémico pleno celebrado o 27 de xaneiro de 2004. Ademais, a Xustiza multa con 120 euros ó mandatario e a catro veciños por unha falta de ‘maltrato de obra’ durante a expulsión ‘agresiva’ dos informadores do salón municipal. Un quinto veciño foi condenado por unha falta de lesións contra unha fotoxornalista.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), que representa a 13 dos 22 traballadores que denunciaron os feitos, valora positivamente a sentencia do Xulgado de Arzúa, aínda que está valorando pedir un aumento das condenas. O xuíz considera probado que Jesús Ares empurrou varias veces a un reporteiro causándolle a ruptura da súa cámara. Ademais, o veciño M. B. lanzou a unha informadora contra un pasamáns, provocándolle lesións que a mantiveron catro días de baixa, polo que deberá indemniza-la con 180 euros.

Os feitos sucederon cando un numeroso grupo de xornalistas acudiu a Toques para informar da posible dimisión do alcalde, quen fóra condenado por abuso sexual a unha menor. Na sentencia publicada agora, a Xustiza considera probado que Jesús Ares comezou a empurrar ós informadores nada máis entrar no salón municipal, actitude que foi imitada por un grupo de veciños ata que lograron ‘de forma agresiva a súa expulsión’. O xuíz condena ó rexedor municipal e a C. P., A.V., P. F. e J. P. como ‘responsables en concepto de autores cada un deles dunha falta de maltrato de obra’. Outro veciño, R. C., foi absolto de tódolos cargos.

O SXG pide ás administracións que protexan
ós informadores en situacións potencialmente perigosas

O Sindicato de Xornalistas de Galicia louva a valentía dos 23 xornalistas que denunciaron os feitos e que, no caso dos xornalistas gráficos, aportaron fotos e vídeos como proba; imaxes que foron emitidas en tódalas televisións e que o xuíz considerou unha proba ‘especialmente esclarecedora’. O SXG entende que a unión entre tódolos profesionais da información é necesaria para facer valer os seus dereitos, entre os que figura o dereito a informar libremente do traballo das administracións.

Ademais, o SXG quere lémbralle ós poderes públicos a súa obriga de protexer este dereito constitucional a informar. Por iso, pide que a administracións tomen máis medidas de seguridade para protexer ós informadores que acoden a cubrir eventos que, como aquel pleno extraordinario, son potencialmente conflitivos. Incidentes como os de Toques ou as agresións a xornalistas gráficos durante a folga do sector do metal en Vigo son exemplos de situacións nas que a labor dos informadores debe estar especialmente protexida polas autoridades.

Comments are closed.