O SXG rexeita categoricamente a nova normativa de uso «dos sistemas de información» da CRTVG

SXG rexeita categoricamente a Resolución da Dirección Xeral da CRTVG do 10 de Xaneiro, pola que se establece a normativa de uso «dos sistemas de información da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades».

Aínda que entendemos a necesidade de regular o bo uso dos equipos, das ferramentas e da conectividade da CRTVG non podemos estar dacordo cunha norma anunciada sorpresivamente, decidida de xeito unilateral pola dirección e que non foi negociada nin presentada aos representantes dos traballadores.

A Sección Sindical do Sindicato de Xornalistas de Galicia da TVG considera que a empresa emitiu unha resolución carente de concreción nos seus obxectivos, ameazante e que criminaliza os métodos novos do traballo xornalístico e que mesmo vai máis alá do que dicta o sentido común. Pretender evitar que os traballadores non poidan entrar nas instalacións con usb, ipad, etc é cando menos absurdo e ignorante co que é a realidade dun medio de comunicación que, por certo, xa perdeu a carreira tecnolóxica en moitos aspectos.

Ter que xustificar o seu uso ou o das redes sociais é nin máis nin menos que ter que xustificarse polo traballo desenvolvido. Todo o contrario, entendemos que debería ser a empresa a que argumente e xustifique as súas sospeitas de mala praxe, se é que estas existen e se proban.

Por outra banda, a ameaza de controlar as conexións e mailos correos aleatoriamente parecénos sen máis, inaceptable. E no caso de haber un motivo xustificado para así facelo, requeriríanse as máximas garantías para acreditar que a medida non se vai empregar de xeito indiscriminado, p. ex. coa presencia dos membros da representación sindical e coa aclaración de a quen lle corresponde a responsabilidade de ordear e de executar tal decisión.

No referido ao comunicado sobre o vestiario dos traballadores, a única reflexión que nos merece é a de considerar a resolución ridícula, sen máis, tanto na súa forma como no contido.

O SXG bota en falla maior coherencia nas «preocupacións» da empresa, máxime cando é un medio de comunicación público. Agradeceriamos especialmente que todo ese «celo» da Dirección se envorcara coa responsabilidade social e coa calidade dos programas que se emiten, especialmente as dos espazos informativos, baixo a lupa constante polas sospeitas e denuncias de parcialidade, manipulación, frivolización e vulgarización.

Como Sindicato de Xornalistas volvemos propoñer a urxente e inaprazable necesidade de dotarnos na CRTVG dun Consello de Redacción que vele polo cumprimento dos fins para os que foron creadas a Radio e a Televisión públicas de Galicia e que sirva asimesmo de órgano de amparo dos traballadores e traballadoras. Precisamos tamén a redacción consensuada dun Código Deontolóxico e dun Manual de Estilo que sirva como marco de comportamento profesional para todo o persoal.

Comments are closed.