A sección sindical do SXG na TVG esixe pluralidade, transparencia e un maior achegamento á sociedade

A sección sindical do SXG na TVG reunida na sede do sindicato debatiu sobre a situación laboral actual desta emprese e acordou facer públicas unha serie de reivindicacións dirixidas tanto ao Director Xeral da CRTVG, Alfonso Izquierdo, como ao conxunto dos representantres políticos no Parlamento de Galicia para poder garantir un servicio de información público e de calidade que, ao mesmo tempo, manteña unhas condicións laborais dignas.

Por unha banda, o conxunto de afiliados e afiliadas do Sindicato de Xornalistas de Galicia no ente público consideran imprescindible que a TVG empregue un modelo de servicio audiovisual público e aberto que dea voz a colectivos minoritarios, que traslade as inquedanzas problemáticas de colectivos sociais ou profesionais e que busque e proporcione informacións que a sociedade precise deseñando unha oferta de contenidos máis axeitada á realidade actual.

Ademais, queren alertar da brusca caída da produción propia da TVG e o actual abuso de subcontratas e contratación de persoal externo para asumir tarefas que poderían ser desenvolvidas polo actual cadro de persoal ou polos traballadores e traballadoras que están nas listas de contratación dispoñibles e normativamente conformadas, xurdidas dos procesos de selección da CRTVG.

Para evitar calquera sospeita de arbitrariedade ou favoritismo, dende a sección sindical do SXG na TVG esíxese a máxima transparencia á dirección da CRTVG nos procedementos que se están a seguir na xestión das listas de contratacións de persoal para as substitucións en caso de baixas, permisos ou por necesidades de produción. Só a través dun proceso claro e transparente poderase levar a cabo un correcto uso das listas de substitucións e eliminar o nepotismo do ente público.

A sección sindical do SXG tamén quere advertir aos partidos políticos galegos da indispensable necesidade de que o Consello de Administración do ente resultante das fusións previstas entre as empresas públicas que compoñen a CRTVG reflicta a actual pluralidade parlamentaria sen exclusións.

Comments are closed.