El Progreso de Lugo bota aos seus traballadores á rúa dun xeito inxustificadamente cruel

Escudado nas perdas económicas do último exercicio, o grupo editorial El Progreso despedía onte a 10 traballadoras e traballadores da súa plantilla, algúns deles con 30 anos na empresa ou a piques de poder acollerse á xubilación anticipada. O Sindicato de Xornalistas de Galicia non só lamenta os novos despedimentos, senón as formas da empresa para levalos a cabo.

Sen aviso e sen negociación previa, os 10 empregadas e empregados foron convocados a unha reunión na sede do diario na que recibiron a carta de despedimento xunto coa notificación de que xa tiñan ingresado en conta o importe da multa por non telos avisados con 15 días de antelación, como recolle a lei. O SXG considera este xeito de facer as reestruturacións de plantilla inxustificadamente cruel e innecesario.

Entre os despedidos atópanse a redactora Ángeles Maira, que levaba preto de tres décadas vencellada a El Progreso, ou o fotógrafo Pepe Álvez, traballador da empresa dende 1975 que o próximo ano cumpriría 61 e podería acollerse á xubilación anticipada. O SXG considera que El Progreso está a cometer un erro estratéxico ao prescindir de traballadoras e traballadores de recoñecida experiencia, algo que repercute de xeito directo na calidade do produto final que chega aos lectores.

O Sindicato de Xornalistas reitera unha vez máis a necesidade de que os medios de comunicación busquen estratexias alternativas coas que paliar a crise de vendas e publicidade e deixen de recortar sempre nunhas plantillas xa de por si precarias e mermadas.

Comments are closed.