O reparto de 84 novas licencias de FM, lonxe de favorecer a diversificación da oferta informativa

Último paso na concesión de 84 novas licencias de FM en Galicia. O DOG vén de publicar a resolución do concurso para a prestación de servizos de comunicación audiovisual radiofónica de titularidade privada na comunidade galega, aprobada no Consello da Xunta a principios do mes de agosto.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia alédase de que se poña fin a un longo proceso iniciado no 2011, aínda que considera que este reparto favorece a concentración de medios e a emisión en cadea, esquecéndose das emisións locais e da “diversificación da oferta informativa” tan reclamada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ás 94 licencias existentes ata o de agora haberá que sumar as novas, a maioría outorgadas a grandes grupos de comunicación, o que deixa patente un desequilibrio entre os pequenos emprendedores aos que en teoría o Goberno autonómico pretende axudar e as grandes empresas, claramente favorecidas no reparto.

Reparto

Máis de 400 ofertas de 53 empresas concorreron ao concurso, que ao final resolveuse repartindo estas licencias por un prazo de 15 anos véndose claramente beneficiado un pequeno conxunto de grandes empresas entre as que está o Grupo Prisa e emisoras asociadas, a cadena COPE, Antena 3, Radio María e o galego Grupo Voz.

Deste xeito ponse punto e final a un longo proceso que comezou en 2011, cando se convocou por primeira vez o concurso público de emisoras, que tivo que declararse deserto por incompatibilidades co decreto que desenvolve o funcionamento do servizo de comunicación audiovisual radiofónica de Galicia.

Creación de emprego mínima

O Sindicato de Xornalistas de Galicia lamenta que estas novas adquisicións por parte dos grandes grupos de comunicación non traerán consigo un incremento do emprego no sector, xa que estas licencias funcionarán como simples repetidores de emisións en cadea que non promoverán a información local nin a creación de novos estudos de emisión.

O SXG considera que, neste senso, o Goberno da Xunta de Galicia volve a desperdiciar unha oportunidade de ouro para a que debería ser unha prioridade en momentos de crise como os actuais: a creación de emprego, sobre todo nun sector tan castigado como o xornalístico, con máis de 10.000 despedimentos nos últimos catro anos a nivel nacional.

Para velar polo porvir da profesión, o Sindicato de Xornalistas vixiará os proxectos técnicos de obrigado cumprimento nestas concesións e os postos de traballo que se poidan crear, así como as condicións laborais. Ademais, levará a cabo unha consulta entre os seus afiliados e afiliadas sobre se esta resolución lles causa algún prexuízo, caso no que se lle tomarán as medidas oportunas.

Comments are closed.