A FeSP CONSIDERA "ASUMIBLE CON CONDICIÓNS" O ACORDO ENTRE SINDICATOS E SEPI PARA RTVE

O inicial Proxecto da SEPI para RTVE quedou modificado substancialmente despois de 9 meses de conflito e de negociacións, incomprensibles e desatinadas en moitas ocasións. Nestes meses, a protesta dos traballadores de RTVE (concentracións, manifestos, recollida de sinaturas, manifestacións, escritos e folga de 24 horas) impediu que se puxese en funcionamento un proxecto para desmantelar a radiotelevisión pública estatal, inasumible desde a dignidade profesional e a responsabilidade social que sempre formulou a FeSP como eixes centrais da súa actuación. O documento-marco firmado este mércores 12 de xullo cos sindicatos maioritarios contén numerosos avances.

A FeSP esperou a que acabasen as xogadas de curto percorrido e as manobras dilatorias para expor a súa opinión, aínda que a nosa voz fíxose oír nas asembleas. Chega o momento de pronunciarse ó final desta etapa despois de que os traballadores fixemos case todo o que estaba na nosa man para rectificar o proxecto da SEPI que tanta incoherencia provocou no seo do Goberno, do PSOE e dos seus terminais profesionais, políticos e mediáticos. Chega tamén o momento de sinalar a actitude servil da maior parte dos equipos directivos, incluída a Dirección Xeral de RTVE, que non só non ofreceron a resistencia que cabía esperar das súas altas responsabilidades senón que colaboraron coa SEPI, activamente ou gardando un vergoñoso silencio, incluídos os momentos nos cales máis impresentable era o proxecto.

A SEPI tivo sempre como principal obxectivo deixar atada de pés e mans a RTVE ante un mercado privado en expansión. Tentouno pasando mesmo por encima do Parlamento e fracasou. Quixo telo todo firmado o 31 de decembro, cando as súas posicións eran tan escuras como impresentables, e fracasou. Agora, o documento firmado supón un fracaso para as contas da SEPI en número de traballadores da nova Corporación, na súa rede territorial (tense unha consideración especial con Canarias e Catalunya, onde se mantén Ràdio 4, aínda que con recortes, e aparece tamén o centro de produción de Valencia), na desvinculación do Coro e a Orquestra (definitivamente estarán na Corporación e xa non se menciona a creación dunha Fundación, rexeitada polos compañeiros), nas súas previsións de externalización e na súa ausencia de proxectos para as novas tecnoloxías da comunicación. Nin sequera logrou impor unha cota reducida de produción propia porque deixa en mans do Parlamento aumentala por medio do Mandato Marco e dos Contratos Programa. Uns mandatos que tamén poderán modificar o escaso tempo que concede ás desconexions territoriais.

Un cadro asumible con condicións

Finalmente, o cadro tipo será de 6400 traballadores, un 68% da actual, fronte ó 55% que propuña inicialmente. Consideramos que podería soster unha programación adecuada, especialmente porque as redaccións, o núcleo duro da produción de contidos, manterán un aceptable número de efectivos, sempre e cando na nova Corporación RTVE se implanten a profesionalidade, a liberdade, a independencia e a ética na información. Desde a FeSP sempre unimos melloras laborais, económicas e profesionais porque só todas xuntas permiten informar con responsabilidade, dignidade, liberdade e independencia. O Proxecto da SEPI aposta por todo o contrario para os profesionais da futura Corporación RTVE.

Un E.R.E. pendente de concretar

Dixemos que os afectados debían estar atentos pero non excesivamente preocupados porque o Goberno quere fomentar o abandono, non a permanencia. Haberá que estar atentos e mirar con lupa a letra pequena do expediente. Retírase a obrigatoriedade directa porque se confía en que a voluntaridade será suficiente para comunicar as baixas calculadas. Tamén se retirou, finalmente, a actualización anual do 2% para a igualar ó que se sentencie para o sector público e, en calquera caso, non será inferior á que se aplique na nova Corporación.

Un referendo en vacacións?

O referendo, aceptado por todos os sindicatos en RTVE e pola Asemblea Estatal de Delegados como expresión máxima de participación e democracia, non pode ser convocado na terceira semana do mes de xullo. Anúnciase o referendo cando dúas quendas de vacacións (comezos e mediados de xullo) están en marcha. Hai que adiar a consulta se se quere que cumpra o seu obxectivo: exercer a responsabilidade individual e colectiva ante un proxecto desta envergadura. Tamén debe ser adiado porque partes substanciais deste acordo marco quedan pendentes de negociación e non poden recibir un cheque en branco sen coñecer a súa concreción. Adiado ou reeditado para cando estas cuestións substanciais queden definidas. Se despois desta etapa todo ou a maior parte é positivo, os traballadores saberemos recoñecelo e darlle o visto e prace. Só quen oculten algo que poida resultar negativo deben temer a unha consulta amplía, con todas as cartas sobre a mesa e con todos presentes.

14 de xullo de 2006

Comments are closed.