Rexeitamento ás agresións policiais a informadores

A FeSP e a ReMC denuncian o incremento das agresións policiais a xornalistas e comunicadores de medios comunitarios. Os axentes non poden esixir un «carné oficial» porque non existe, xa que o Congreso non quixo regular por lei a profesión periodística.

Numerosos profesionais dos medios de comunicación, na súa maioría fotoxornalistas, “freelances” e colaboradores de publicacións e emisoras sen ánimo de lucro, atopan cada vez máis dificultades para desempeñar o seu traballo en manifestacións e concentracións públicas debido á actuación dalgúns membros dos Cuerpos y Fuerzas de la Seguridad del Estado e de policías autonómicas.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, e a Red de Medios Comunitarios (ReMC) expresan a súa preocupación por esta escalada de violacións de dereitos dos xornalistas e de outros comunicadores sociais. A estas actitudes compre engadir a pasividade que demostran algúns axentes en casos illados, como ocorreu recentemente en varias cidades, que non fixeron nada mentres presenciaban cómo algúns cidadáns agredían a xornalistas que estaban cumprindo coa súa obriga de obter información.

A Xunta Executiva Federal da FeSP, na que está representado o SXG,  e os medios comunitarios asociados á ReMC lembra ao Ministerio del Interior e ás administracións responsables de outras forzas de Seguridade o seguinte:

- Que, malia que en ocasións non sexa fácil garantir a orde pública e a seguridade en grandes aglomeracións ás que, presuntamente, puideran acudir pequenos grupos de persoas violentas, como afirman algúns axentes, esa seguridade non a van conseguir perseguindo, acosando e, nalgúns casos, agredindo fisicamente a aqueles que teñen a responsabilidade constitucional de informar á cidadanía.

- Que en España non existe ningún documento “oficial” que acredite si unha persoa é xornalista, polo que a práctica policial de esixir un carné inexistente para poder cubrir un acto na vía pública é unha clara vulneración do dereito á información garantido pola Constitución a todos os cidadáns. Eses profesionais da información se identifican co seu documento de identidade e o carné do medio para o que traballan ou colaboran, ou a credencial do sindicato ou organización profesional de xornalistas á que pertezan.

- Que calquera policía ou administración que se atribúa a capacidade de decidir quén é xornalista, e así pretenda autorizar a labor de informar, actúa contra dereitos fundamentais da cidadanía.

- Que os chaleques ou outras prendas de identificación -de uso optativo, non obrigatorio- que entregan algunhas asociacións e sindicatos aos seus afiliados, para traballar nas manifestacións, non poden servir de escusa para apartar aos xornalistas e comunicadores comunitarios dos lugares onde se produce a noticia e illalos nunha pretendida “zona de seguridade”.

- Que a seguridade dos xornalistas tamén é responsabilidade dos axentes policiais, polo que no cumpren coas súas obrigas os axentes que non interveñen senón que toleran a agresión a xornalistas por parte dalgúns cidadáns.

- Que a reiterada detención de xornalistas e outros comunicadores, incluso acudindo aos seus domicilios para trasladalos a comisaría -como recentemente ocorreu en Madrid con dous fotoxornalistas- supón, en determinados casos, un exceso de celo que pode estar ocultando a intención dalgúns axentes de amedrentar aos informadores. As posteriores resolucións xudiciais demostraron a desproporción desas actuacións policiais.

A FeSP e a ReMC tamén lembran que o Congreso dos Deputados rexeitou nos últimos anos varias propostas para regular por lei o dereito á información da cidadanía. O Poder Lexislativo non ten ningunha escusa para seguir mantendo esta situación, totalmente anómala na Unión Europea e en moitos países de todo o mundo.

Junta Ejecutiva Federal de la Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP).
Red de Medios Comunitarios (ReMC)
Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG)

Comments are closed.