O SXG apoia a folga na CRTVG e especialmente ós traballadores temporais

Contratos de fin de semana e despidos en vacacións, exemplos da precariedade que sufren os contratados por ETTS e productoras

24 de maio O SXG respalda as movilizacións laborais na Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), protestas que comezan o 25 de maio cunha folga. O SXG pide á dirección do ente e a Xunta de Galicia que garantan o dereito a folga de tódolos traballadores, especialmente dos profesionais contratados a través de Empresas de Traballo Temporal (ETT´S) e produtoras externas.

Contratos dun fin de semana e vacacións sen pagar na CRTVG

O Sindicato lembra que son precisamente o numeroso grupo de traballadores que non forman parte da plantilla fixa da CRTVG os que máis sufren a precariedade laboral. Contratos por un fin de semana, despidos durante as vacacións ou encadenamento de bolsas no lugar de firmar contratos son algunhas das inadmisibles prácticas laborais aplicadas a diario por esta compañía pública.

O SXG denuncia que, co suposto fin de reduccir a débeda do ente, a CRTVG leva anos recortando as condicións laborais a través de ETT´S e productoras privadas. Por iso, o Sindicato anima a tódolos xornalistas e técnicos a participar na folga. E é que, aínda que non participou na convocatoria da movilización ( pois aínda está completando a súa posta en marcha), o SXG apoia os motivos esenciais da convocatoria.

Ademais, a organización fai un chamamento a tódolos actores sociais (administracións, partidos políticos, empresas e universidades) para pactar xa medidas para dignificar as condicións laborais dos traballadores da comunicación; pois é evidente que a precarización do traballo dos xornalistas perxudica a calidade da información que recibe e cidadanía.

O SXG foi constituído o pasado 27 de febreiro en Santiago por iniciativa de máis de 150 traballadores da comunicación. Apoiar á compañeira de COPE Pontevedra que gañou recentemente un xuízo para ver recoñecida a súa relación laboral coa emisora ou esixir a presencia policial en situacións potencialmente conflictivas (como o enterro dun membro da familia Charlín en Vilanova no que foron golpeados varios reporteiros gráficos) son dous exemplos do traballo xa realizado polo SXG, que lanzou recentemente a súa primeira campaña de afiliación.

Comments are closed.