O SINDICATO DE XORNALISTAS PIDE Á XUNTA QUE PRESIONE MÁIS Á SEPI PARA SALVAR OS POSTOS DE TRABALLO DE RTVE

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita o Goberno Galego que se involucre máis na defensa de Radio Televisión Española en Galicia. O SXG valora positivamente os esforzos feitos ata agora pola Xunta pero -despois de avaliar as explicacións dadas polo director xeral de Comunicación, Fernando Salgado, este luns no Parlamento- considera estas xestións insuficientes.

O SXG alerta sobre a posibilidade de que as emisións en galego desaparezan por completo da segunda canle de TVE e queden limitadas a Radio 1 no caso de RNE; tal e como transmitiu a directora do Ente, Carmen Cafarell, á Xunta.

O Sindicato rexeita a intención da SEPI de eliminar postos de traballo en Galicia na mesma medida que en Estremadura, Navarra, Aragón o Asturias. Compre lembrar que en Galicia, a diferenza destas autonomías, o Goberno Central ten a obriga de promover un idioma autonómico.

Resultados “raquíticos”

Por outra parte, a organización sindical non comparte as explicacións de Salgado no Parlamento, argumentando que os despedimentos non serán tan traumáticos, xa que afectarían sobre todo ós traballadores de máis idade. A posible pre-xubilación destes traballadores non pode ocultar de ningún xeito o gran paso atrás para a sociedade galega que significaría a desaparición destes postos de traballo.

Por todo isto, o SXG empraza á Xunta a que continúe negociando coa SEPI e coa dirección de RTVE ata conseguir progresos reais, e non os “avances raquíticos” que, en palabras de Salgado no Parlamento, foron logrados ata hoxe. Ademais, solicita ó Goberno Galego que informe directamente e en detalle ós traballadores dos avances da negociación.

Santiago de Compostela, 28 de xuño.

Comments are closed.