A Xunta informáse sobre a crise de RTVE nunha xuntanza co presidente da SEPI

O Goberno Galego asegura que defenderá a estructura territorial do ente

Nun comunicado ofical, a Xunta asegura que analizará canda o Goberno central esta tarde en Madrid co presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, a situación na que quedará a compañía RTVE en Galicia, logo do seu Plan de Reestruturación. O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, o titular de Traballo, Ricardo Varela, e o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, interesáranse en Madrid polas repercusións para Galicia do Plan de Saneamento e Futuro do ente RTVE.

Neste sentido, defenderán a postura expresada polo presidente da Xunta o pasado 30 de marzo que pretende, por un lado, que as medidas que se adopten na dirección de dotar dunha mellor solidez económica e financeira a RTVE, non menoscaben o mantemento dunha estrutura territorial que responda ás necesidades autonómicas e locais.

Ademais, destacarán a necesidade de que non se esqueza a función de servizo público que, por mandato constitucional, desenvolve RTVE. Un compromiso que implica, nunha comunidade histórica como Galicia, que posúe lingua e cultura propias, a decidida promoción de coñecemento, uso e normalización do idioma galego. Asemade, RTVE debe ofrecer resposta ás necesidades informativas de ámbito local, autonómico e estatal cun cadro de persoal axeitado a este fin.

Por último, trasladarán ao presidente da SEPI, que a redución ou eliminación do número de horas de emisión diaria en lingua galega suporía un retroceso histórico nos medios de comunicación públicos é unha grave merma á pluralidade lingüística e cultural de España.

Santiago, 13 de xuño de 2006

Comments are closed.