MAÑÁ COMEZA O XUÍZO POLAS AMEAZAS A UN GRUPO DE XORNALISTAS NO CONCELLO DE TOQUES

O Xulgado de Arzúa (A Coruña) acolle mañá a primeira vista do xuízo pola expulsión e as ameazas a un grupo de informadores durante un pleno no Concello de Toques. Os servizos xurídicos do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) representan a parte dun grupo de 30 profesionais que denunciaron estes incidentes, que sucederon o 28 de xaneiro de 2004.

O motivo da presenza dos xornalistas en Toques era informar da posible dimisión do alcalde, Jesús Ares, que fóra condenado por abuso sexual a unha menor. O alcalde ordenou a expulsión dos informadores do pleno, acción que foi levada a cabo por un grupo de veciños, próximos a Ares, mediante empurróns e insultos. Previamente, Ares cualificara ós informadores de "mortos de fame" .

O mandatario logrou a expulsión dos xornalistas a pesar de que estes reclamaron que se respectase seu dereito a informar, recollido na Constitución Española. Finalmente, os xornalistas tiveron que abandonar o pleno, malia que o secretario do Concello advertiu da ilegalidade da expulsión.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia pide máis protección para os informadores que cobren eventos conflitivos

Ante esta situación, os informadores acudiron ó Cuartel da Guardia Civil de Arzúa para denunciar os incidentes. A primeira vista deste xuízo comeza mañá martes no Xulgado de Primeira Instancia de Arzúa a partir das 11:30.

Na véspera deste xuízo, o Sindicato de Xornalistas de Galicia quere lembrar ós poderes públicos a súa obriga de protexer o dereito constitucional a informar. Por iso, pide que a administracións tomen máis medidas de seguridade para protexer ós informadores que acudan a cubrir eventos potencialmente conflitivos. Incidentes como os de Toques ou as recentes agresións a cámaras durante a pasada folga do sector do metal en Vigo son exemplos de situacións nas que a labor dos informadores debe estar especialmente protexida.

Comments are closed.