O SXG pide a retirada do concurso de concesión de emisoras porque facilita a precariedade

A convocatoria da Xunta de Galicia para crear máis de 100 emisoras non apoia a creacción emprego estable

A Xunta estableceu unhas condicións para o concurso de concesión de emisoras dixitais de televisión que facilitan o aumento da precariedade laboral entre os profesionais da información. Así valora o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) o concursos público aprobadosesta semana polo Goberno Galego para a adxudicación de emisoras. O SXG pide a retirada e a reforma deste concurso para que o nacemento de máis de 100 compañías da comunicación repercuta na creación de postos de traballo dignos.

O “Decreto 81/2005 de regulamento do réxime xurídico da servizo público de televisión dixital” ( e as súas bases administrativas e técnicas) non ten vocación de loita contra as malas prácticas laborais habituais no xornalismo. Así, a creación de emprego é mencionada sen facer a imprescindible distinción entre a contratación estable de profesionais e outras formas de contratación precarias.

Ademais, o SXG cree inadecuada e insuficiente a puntuación que nos baremos de valoración de concesións se fai da creación de postos traballo. A este apartado deixase só unha puntuación de ata 15 puntos, sen especificar se os postos de traballo pertencen a plantilla estable da empresa.

Esta absoluta falla de apoio á estabilidade dos traballadores no intre da creación de máis de 130 futuras empresas de comunicación pode causar, en valoración do SXG, o aumento do inmenso banco de emprego en precario no audiovisual. A explotación laboral de estudantes das diversas escolas e facultades de xornalismo e comunicación audiovisual pode ser outra das consecuencias desta convocatoria.

O abuso do número de estudantes en prácticas, os contratos como autónomos e os contratos a tempo parcial para xornadas completas son actuacións frecuentes entre as empresas da comunicación en Galicia. O SXG lamenta que, a través desta convocatoria, a Xunta desperdiciase unha oportunidade única de promover no sector a estabilidade laboral e sentar as bases dun xornalismo independente e profesional. Ademais, o SXG entende que a precarización do traballo dos xornalistas está afectando negativamente ao dereito á información dos cidadáns, amparado pola Constitución. Por todo isto, o SXG solicita á Xunta a inmediata retirada do concurso e a reforma das súas condicións para que o peso da contratación laboral estable sexa determinante á hora de realizar as adxudicacións.

O SXG solidarízase cos compañeiros agredidos nun enterro da familia Charlín

O SXG pide as autoridades que expliquen porque, tendo en conta os antecedentes de agresións en situacións similares, non había policía

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) mostra publicamente o seu apoio ós reporteiros gráficos agredidos onte en Vilanova de Arousa (Pontevedra) durante o enterro de José Benito Charlín. O SXG esixe ás autoridades, en primeiro lugar á Delegación do Goberno en Galicia, que expliquen porque non había Policía no lugar dos feitos que impedise as agresións.

O Sindicato lembra que o lamentable incidente de Vilanova non é o primeiro caso no que profesionais de medios da comunicación son agredidos mentres elaboran noticias sobre persoas relacionadas con condenados por narcotráfico nesta zona. Tendo en conta estos antecedentes, o SXG considera especialmente grave a ausencia de axentes da orde neste enterro, no que varios profesionais resultaron mallados, concretamente, catro fotógrafos de Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Diario de Arousa e La Voz de Galicia e un cámara da Productora Faro. Ademais, o material de traballo dalgúns dos profesionais que se viron envoltos neste incidente, tal e como recolleron os medios de comunicación, foi destrozado.

O SXG ponse a disposición dos agredidos para axudalos en todo o posible. Por outra banda, o Sindicato lembra ás empresas a importancia de que os xornalistas e reporteiros gráficos formen parte da plantilla das súas compañías, e non como autónomos. Deste xeito, aumentaría o grado de protección laboral dos traballadores da información ante posibles accidentes ou agresións.

Ademais, solicita a as autoridades que tomen as medidas necesarias para protexer ós xornalistas nos actos públicos, especialmente cando, como neste caso, se pode prever con antelación a posibilidade de situacións de tensión cara os informadores. De non estar garantida a súa integridade, o SXG lembra os traballadores que poden negarse a cubrir este tipo de actos.

O SXG, que celebrou a súa Asamblea Constituínte o pasado 27 de febreiro en Santiago de Compostela, recorda que o seu principal obxectivo é protexer e defender os dereitos de todos os traballadores da comunicación en Galicia, incluidos reporteiros gráficos, cámaras, infografistas e demais profesionais que exercen a súa actividade nesta comunidade autónoma.

Xornadas sobre os dereitos laborais dos xornalistas

Como solicitar categorías laborais e dereitos de autor, temas das charlas de Dardo Gomez

Como exisir categorías laborais ou cando poden os fotógrafos tomar imaxes. Estes son dous dos temas do ciclo de conferencias sobre os dereitos laborais dos traballadores da comunicación que organizou o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) a principios de maio.

O secretario xeral do Sindicat de Periodistes de Catalunya, Dardo Gómez, foi o protoganista destas charlas, que se celebrararon en Vigo, Santiago e A Coruña segundo a seguinte axenda:

  • VIGO: Venres 6 de maio ás 23.00 horas no café Uf (Rúa Placer)
  • A CORUÑA: Sábado 7 de maio ás 12.30 horas no café Copacabana (xunto ó Obelisco)
  • SANTIAGO: Sábado 7 de maio ás 21.30 horas no Dado-Dadá

Nas conferencias abordaronse temas coma as categorías laborais e cando exisilas; os dereitos adquiridos; a cláusula de conciencia; cando poden ou non os gráficos tomar imaxes; que facer cando os intereses da empresa vulneran os dereitos do traballador; os dereitos de autor, entre outros temas. O fin de cada conferencia, Dardo Gómez aclarou as dubidas dos presentes.

O recén constituído SXG comezou así as súas actividades de formación, centrandose nos dereitos laborais dos traballadores dos medios de comunicación, a cotío esquecidos.

O Sindicato aproveitou estas datas, nas que recentemente se celebraran o Día Mundial da Liberdade de Prensa e o Día do Traballo, para chamar atención na necesidade de loitar conta a precarización do traballo na profesión. O SXG asumiu a obriga de tentar mellora-las condicións dos traballadores dos medios galegos. Para conseguilo, o Sidicato cre necesario dar a coñecer ata onde chegan eses dereitos e por iso anima a tódolos interesados a asisitir.

Unha ex-traballadora de COPE Pontevedra relata ante o xuíz como foi acosada laboralmente

O SXG lembra, no Día da Libertade de Expresión, que a precarización do traballo dos xornalistas perxudica a información que recibe a cidadanía

A extraballadora da emisora COPE en Pontevedra, P. Castro, relatou hoxe no Xulgado do Social número 3 desta cidade como foi acosada laboralmente polos seus superiores. Segundo a versión da xornalista, a ansiedade provocada por esta presión obrigoulle a deixar de traballar por baixa médica. Unha vez recuperada, o director de COPE Pontevedra comunicoulle que a emisora xa non contaba cos seus servizos.

A profesional deu conta ante o xuíz de como o proceso de acoso laboral culminou nunha xornada cando, de volta na emisora tras cubrir unha información nunha lonxa de peixe durante varias horas, o director de COPE Pontevedra realizou comentarios despectivos sobre a súa hixiene persoal ó mesmo tempo que rociaba a habitación con ambientador.

Chamadas os actuais xefes da xornalista

Segundo informou a xornalista ó Sindicato de Xornalistas de Galicia, os seus superiores de COPE argallaron, tras despedila e ter noticia da demanda xudicial, unha campaña de despretixio profesional contra ela. Esta campaña incluiu chamadas os actuais superiores de P. Castro, segundo lle comunicou ó SXG.

Ante esta situación, a traballadora promoveu o xuízo celebrado hoxe para que se lle recoñeza unha relación de tipo laboral coa Cadena COPE dende 2001 de decembro de 2004. Durante ese periodo, a informadora argumenta que estivo sometida a condicións propias dunha relación laboral estable (horario fixo na sede da emisora, uso dos medios da empresa, grabacion de programas en autocontrol, realización de tarefas xornalísticas segundo as ordes directas dunha coordinadora de informativos, etc.) malia que o contrato a obrigaba a darse de alta no réxime de traballadores autónomos.

O SXG felicita os testigos

Varios xornalistas que acudiron como testigos ratificaron que coincidían coa informadora en numerosos actos informativos baixo órdenes dos seus superiores na COPE. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) quere felicitar expresamente ós traballadores e compañeiros de Radio Nacional de España, Faro de Vigo, Colexio de Enfermería, Cadena Ser e Onda Cero que tiveron a valentía de declarar hoxe para que se esclareza toda a verdade sobre este caso. Pola súa banda, os directivos da emisora negara estas e outros feitos declarados pola xornalista.

No día da Liberdade de Prensa, o SXG sinala que non é necesario referirse ós compañeiros mortos en conflictos bélicos para atopar ataques á liberdade de prensa, pois eses ataques son cotiás en Galicia. O SXG cree que cada vez que un xornalista galego é acosado laboralmente, ou ve como as súas condicións de traballo son cada vez máis precarias, menoscábase a calidade da información e polo tanto, a propia liberdade de prensa.

O xuízo dunha xornalista de Pontevedra contra a Cadena Cope celébrase mañá

O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia á xornalista, que demanda o recoñecemento dunha relación de tipo laboral con esta empresa

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) respalda publicamente a P. Castro, traballadora que promove un xuízo para que se lle recoñeza unha relación de tipo laboral coa Cadena COPE. A vista celébrase mañá, día 3 de maio, no Xulgado do Social número 3 de Pontevedra a partir das 11 horas.

Segundo informou a xornalista ó SXG, o seu traballo na emisora da COPE en Pontevedra comezou en 2001 e prolongouse ata o mes de decembro de 2004. Durante ese periodo, P. Castro argumenta que estivo sometida a condicións propias dunha relación laboral estable (horario fixo na sede da emisora, uso dos medios da empresa, grabacion de programas en autocontrol, realización de tarefas xornalísticas segundo as ordes directas dunha coordinadora de informativos, etc.) malia que o contrato a obrigaba a darse de alta no réxime de traballadores autónomos.

O SXG anima a tódolos testigos convocados, especialmente aqueles que son xornalistas, a presentarse na vista co fin de que se esclareza toda a verdade sobre este asunto.

A perda de dereitos dos xornalistas perxudica os cidadáns

Segundo entende o Sindicato, o caso de P. Castro podería ser mostra da práctica cada vez máis extendida entre as empresas de comunicación de Galicia de empregar a figura do autónomo para reducir os custes de incorporar xornalistas ás súas plantillas laborais. O resultado deste tipo de prácticas é a perda de dereitos que leva sufrindo nos últimos anos a profesión do xornalismo en Galicia.

Ademais, o SXG fai un chamamento a tódolos actores sociais (administracións, partidos políticos, empresas e universidades) para pactar medidas para dignificar as condicións laborais dos traballadores da comunicación; pois é evidente que a precarización do traballo de xornalista repercute negativamente na calidade da información que recibe e cidadanía. O SXG foi constituído o pasado 27 de febreiro en Santiago por iniciativa de máis de 150 traballadores da comunicación.

Previsión Informativa.- O SXG difundirá mañá, día 3 de maio, unha nova nota de prensa sobre este asunto en base as declaracións recollidas no xulgados.