MAÑÁ COMEZA O XUÍZO POLAS AMEAZAS A UN GRUPO DE XORNALISTAS NO CONCELLO DE TOQUES

O Xulgado de Arzúa (A Coruña) acolle mañá a primeira vista do xuízo pola expulsión e as ameazas a un grupo de informadores durante un pleno no Concello de Toques. Os servizos xurídicos do Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) representan a parte dun grupo de 30 profesionais que denunciaron estes incidentes, que sucederon o 28 de xaneiro de 2004.

O motivo da presenza dos xornalistas en Toques era informar da posible dimisión do alcalde, Jesús Ares, que fóra condenado por abuso sexual a unha menor. O alcalde ordenou a expulsión dos informadores do pleno, acción que foi levada a cabo por un grupo de veciños, próximos a Ares, mediante empurróns e insultos. Previamente, Ares cualificara ós informadores de "mortos de fame" .

O mandatario logrou a expulsión dos xornalistas a pesar de que estes reclamaron que se respectase seu dereito a informar, recollido na Constitución Española. Finalmente, os xornalistas tiveron que abandonar o pleno, malia que o secretario do Concello advertiu da ilegalidade da expulsión.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia pide máis protección para os informadores que cobren eventos conflitivos

Ante esta situación, os informadores acudiron ó Cuartel da Guardia Civil de Arzúa para denunciar os incidentes. A primeira vista deste xuízo comeza mañá martes no Xulgado de Primeira Instancia de Arzúa a partir das 11:30.

Na véspera deste xuízo, o Sindicato de Xornalistas de Galicia quere lembrar ós poderes públicos a súa obriga de protexer o dereito constitucional a informar. Por iso, pide que a administracións tomen máis medidas de seguridade para protexer ós informadores que acudan a cubrir eventos potencialmente conflitivos. Incidentes como os de Toques ou as recentes agresións a cámaras durante a pasada folga do sector do metal en Vigo son exemplos de situacións nas que a labor dos informadores debe estar especialmente protexida.

O SXG REÚNESE CO OBSERVATORIO PARA A DEFENSA DOS DIREITOS E LIBERDADES

Acordan colaborar en futuras actuacións relacionadas co libre exercicio profesional do xornalismo ou os dereitos dos cidadáns a recibir información

Esculca é unha asociación independente dos poderes públicos e políticos que naceu fai tres anos co propósito de contribuir a reactivar á sociedade galega, promovendo a recuperación do interese polos asuntos públicos e o sentido da responsabilidade colectiva.
Nesta primera xuntanza, Esculca informou ó SXG de que está a traballar na organización das súas xornadas anuais adicadas nesta ocasión á defensa do dereito a recibir información cumprida e veraz dos poderes públicos.
Estes encontros, nos que o ano pasado participou o Premio Nobel arxentino Adolfo Pérez Esquivel, pretenden darlle impulso á demanda dunha Lei de Acceso á Información en Poder do Estado, que tanto Esculca como outras organizacións consideran imprescindible para Galicia e demandan desde fai tempo.
O SXG, pola súa banda, ofreceulle a Esculca a súa colaboración e apoio para promocionar estas xornadas que, previsiblemente, se celebrarán na segunda metade de novembro.

O SXG denuncia quePSdG e PP dificultan o traballo dos cámaras de televisión nos mitins

O PP impide o acceso dos cámaras ós mítins e o PSdG deixa grabar só a aclamación dos candidatos

7 de xuño de 2005.- O Partido Popular (PP) e o Partido Socialista de Galicia (PSdG-PSOE) dificultan o traballo dos cámaras de televisión na actual campaña electoral galega, limitando o acceso destes profesionais ós mítins no caso do PSOE e impedíndoo totalmente no caso do PP. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) rexeita publicamente a conducta destes partidos en contra da labor dos cámaras xa que vulnera o dereito dos cidadáns a recibir unha información veraz e completa.

Segundo lle comunicaron ó SXG cámaras de televisión presentes nas caravanas electorais, o caso máis extremo é o do PP. O Partido Popular non deixa ós cámaras acceder ós recintos dos actos electorais, segundo estes profesionais. Este partido facilita as televisións o sinal de televisión producida por eles mesmos; sinal na que, loxicamente, realizanse as imaxes para favorecer ós candidatos.

Tamén PSdG e BNG fornecen oó medios cunha sinal de televisión previamente realizada segundo os seus intereses. Os socialistas limitan tamén ó traballo dos cámaras, os que só deixan grabar os dous primeiros minutos do mitin, cando o público aclama a entrada do candidato. No caso do BNG, permítese a grabación íntegra dos actos.

O SXG considera inaceptables as limitacións impostas por PP e PSdG, pois buscan claramente manipular o seu favor a información que elaboran as televisións sobre as campañas electorais. Por iso solicita a ámbolos partidos que abandonen esta estratexia e permitan ó libre acceso dos cámaras, do mesmo xeito que calquera outro cidadán.

Na opinión do SXG, estas imposicións perxudican a cidadanía, que non pode recibir unha imaxe obxectiva do que sucede e se conta nos mitins. Cómpre reflexionar sobre que, no caso de suceder durante un mitin algún feito non previsto polo partido organizador, ou no caso de que algún candidato pronunciase algunha declaración que o partido estimase inadecuada, os cidadáns posiblemente non disporían de imaxes de televisión destes feitos noticiables.

Ademais, este tipo de prácticas marxina ó traballo dos profesionais da comunicación, que xa sufren unhas condicións laborais extremadamente precarias.

O SXG celebrou a súa Asamblea Constituínte o 27 de febreiro en Santiago de Compostela. A organización recorda que o seu principal obxectivo é defender os dereitos de tódolos os traballadores da comunicación en Galicia, incluidos reporteiros gráficos, cámaras, infografistas e outros profesionais.

O Sindicato de Xornalistas de Galicia solidarízase cos xornalistas da Coruña ante a actitude do alcalde

Francisco Vázquez expulsou de malos modos ós reporteiros gráficos dun acto público, ante o que os xornalistas realizaron un plante

O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia a resposta dos xornalistas que cubren a información do Concello da Coruña, que o pasado día 30 de marzo fixeron un plante na Praza de Maria Pita ante a inaceptable actitude do Alcalde da Coruña. Previamente a este acto de protesta, Francisco Vázquez expulsara con malas formas ós reporteiros gráficos que cubrían a inauguración dunha exposición da ONCE no Palacio María Pita.

A Xunta Executiva en funcións do SXG lamenta e condena expresamente este comportamento de Francisco Vázquez, que en ocasións anteriores xa ten dado mostras dun trato abusivo e irrespetuoso cara ós profesionais da prensa. O SXG lembra que a labor dos xornalistas e reporteiros gráficos fai realidade o dereito constitucional da cidadanía a recibir información.

Paco Vázquez debe pedir desculpas

Por isto, SXG pídelle ó alcalde da Coruña que se desculpe publicamente diante dos traballadores ós que impediu, sen causas xustificadas, o exercicio da súa profesión dificultando, asemade, o dereito dos coruñeses a estar ó tanto e ter imaxes dos actos públicos nos que participa o seu alcalde. Ademais, o SXG recorda a tódolos cargos públicos a súa obriga de respetar e facilitar, na medida das súas posibilidades, o traballo dos profesionais da comunicación, que actualmente en Galicia teñen que desenvolver a cotío o seu labor nunhas condicións laborais de gran precariedade laboral e de medios, que se ven agravadas por feitos como estes.