O SXG pide o fin da precariedade no cento de postos de xornalistas da Xunta

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita a Xunta que, aproveitando a recente reforma da Lei da Función Pública, cree unha categoría profesional para o cento de postos de traballo de xornalistas nos departamentos do Goberno Galego e así transformalos en postos de traballo estábeis.

Na actualidade, a contratación ou despido destes traballadores depende exclusivamente da decisión do dirixente político de turno. Isto provoca certa dependencia dos xornalistas que traballan nos gabinetes da Xunta respecto ás formacións políticas, o que facilita aos partidos o control da información que dende a administración pública se facilita a medios e cidadáns.

Polo contrario, de crearse unha categoría para estabilizar estes postos -como propón o SXG- os xornalistas poderían ser contratados en función a súa experiencia, formación e, sobre todo, á marxe de supostas filiacións partidarias. En consecuencia, aumentaría a transparencia da información que dende a Xunta se verte aos medios.

Na estabilización destes postos de traballo, o Sindicato de Xornalistas non considera imprescindíbel que a Xunta cree unha categoría de funcionarios. Iso si, os contratos laborais deberían ter sempre unha duración maior aos catro anos, nos que usualmente hai eleccións autonómicas, para aumentar a independencia dos traballadores.

Fin das seleccións “a dedo”
O SXG recorda a PSdG e BNG que, cando estaban na oposición, protestaban no Parlamento de Galicia contra o Goberno do PP polo gran número de xornalistas contratados “a dedo”. Socialistas e nacionalistas argumentaban que, de ser necesarios tantos informadores, estes debían ser contratados de xeito transparente.

Agora que PSdG e BNG ocupan o poder en San Caetano tócalles aplicar as súas propostas. O Sindicato entende que a reforma da Lei da Función Pública constitúe a mellor oportunidade para elo.

A nova lei de autónomos pode servir para encubrir contratos ilegais

A Xunta Executiva Federal da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, manifesta a súa preocupación por que a nova Lei do Traballo Autónomo poida ser utilizada por algunhas empresas de medios de comunicación para reducir os contratos temporais dos seus persoais e transformalos en autónomos.

Existe o risco de que os empresarios aproveiten esta norma para manter a moitos xornalistas en situación de fraude de lei como falsos autónomos.

Transparencia nas subvencións
Igualmente, e tras as últimas eleccións, a FeSP esixe ás administracións públicas unha total transparencia na adxudicación de calquera tipo de axuda, subvención ou contrato aos medios de comunicación.

Estas colaboracións non deben concederse ás empresas que incumpran as súas obrigacións laborais e non teñen que ser utilizadas para comprar medios de comunicación, senón para contribuír a que os cidadáns reciban unha información veraz e plural.

Reforma dos medios públicos
A FeSP tamén reclama as reformas legais necesarias nos medios públicos autonómicos na liña da próxima Lei da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCCMA) e da nova Lei da Radiotelevisión Andaluza.

Esta reforma é especialmente urxente no caso da Radiotelevisión de Baleares, onde os partidos do novo Goberno autonómico han de cumprir os compromisos adquiridos e posibilitar que IB-3 sexa unha televisión realmente pública, incluíndo a xestión directa dos seus servizos informativos

Oposicións en RTVE
Para rematar, a Xunta Federal lamenta que na convocatoria de aspirantes á categoría de informadores de RTVE non se valore a titulación en Xornalismo ou Ciencias da Comunicación, ou se faga ao mesmo nivel que outras titulacións universitarias.

Os xornalistas de todo o Estado pide o fin da precariedade na CRTVG

DENUNCIA DOS CONTRATOS A TRAVÉS DAS PRODUTORAS

Resolucións específicas derivadas dos debates da Convención:

RTVG

A V Convención de Xornalistas de España apoia a reivindicación dos traballadores das delegacións de TVG e da Radio Galega de deixar de ser contratados por produtoras (vinculadas ós principais xornais galegos) e pasar a ser contratados directamente polos medios públicos galegos.

É unha necesidade urxente dar unha solución ó gran número de contratos precarios que existen nos medios públicos galegos.

O FOP solidarízase cos traballadores da Rexión

A Convención de Xornalistas solidarízase cos traballadores da Rexión,e en especial cos compañeiras e compañeiros da Unión Xeral de Traballadores polo acoso laboral exercido pola súa empresa . A Rexión,SA está a practicar todo tipo de presións e coaccións destinadas a impedir que as candidaturas deste sindicato poidan concorrer ás eleccións sindicais.

Dereitos de autor

A Lei de Propiedade Intelectual obriga a pagarlles ós xornalistas un canon por dereito de autoría. As empresas de press clipping –que se adican a realizar resumos de prensa- están dispostas a pagar ese diñeiro ós seus autores.

A Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE) pretende apropiarse deses dereitos, sabedor de que non lle corresponden.

A V Convención de Xornalistas de España expresa o recoñecemento ás empresas de press clipping e esixe á AEDE que non tente apropiarse duns dereitos que non son seus e o cesamento nas súas ameazas a esas empresas, coas que pon en perigo centos de postos de traballo.

RTVM

Como caso máis flagrante de vulneracón do dereito á información que asiste ós cidadáns, a V Convencón de Xornalistas de España destaca o de RTVM.

A convención mostra o seu apoio ós redactores e demais traballadores de Telemadrid e Onda Madrid na súa defensa do dereito dos madrileños a recibir unha información veraz, plural e independente, tal e como establece a lei de creación deste medio público de comunicación.

A convención puido constatar a manipulación, a tendenciosidade e a ocultación de información que o actual equipo directivo de Telemadrid (nomeado e sostido polo Goberno rexional de Esperanza Aguirre) leva a cabo diariamente e que converteu a esta radiotelevisión pública nun instrumento de propaganda dun sector dun partido político.

Denuncia da manipulación en RTVV (Canal 9 e Radio 9)

A V Convención de Xornalistas de España constata o alto grao de manipulación na información e de control político exercido polo Goberno territorial sobre Canle 9 e Ràdeu 9.

O plenario da convención esixe á dirección de Radiotelevisión Valenciana que abandone a política de manipulación e de utilización partidista dos medios públicos autonómicos valencianos.

A necesaria rectificación desta utilización por parte do Partido Popular ha de se producir de inmediato, para non continuar viciando o proceso político que conduce ás eleccións do 27 de maio.

Ó tempo, reclámase á dirección de RTVV que abandone a política de presión sobre os traballadores, de maneira que se permita a elección de novos comités de redacción, xa que fai máis de tres anos que os traballadores dos departamentos de informativos non poden escoller ós seus representantes.

Televisión de Canarias

A V Convención de Xornalistas de España apoia as reivindicacións laborais e profeionais dos traballadores da Sociedade Canaria de Televisión Rexional (SOCATER) O FOP cualifica o actual modelo de xestión da radio televisión pública canaria como un perigo para os dereitos da cidadanía e dos profesionais da comunicación. Ademais, instamos ó Goberno de Canarias a que aposte por un verdadeiro medio de comunicación público.

Reporteiros sen Fronteiras

A Convención de Foro de Organizacións de Xornalistas deplora que no último informe anual de Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) se inclúa, dentro do apartado de España, ó Consello Audiovisual de Catalunya (CAC) como unha ameaza á liberdade de expresión cando xustamente o feito de que non exista un equivalente para todo o territorio é un dos grandes problemas para a plena satisfacción do dereito á información da cidadanía.

O FOP considera que por parte de RSF é un desatino intolerable que se compare o CAC coas ameazas de ETA ós xornalistas, comparación á que ata agora só estabamos acostumados a oír a determinados sectores políticos e empresariais.

O FOP non só aplaude o modelo que representa o CAC, presente na regulación dos medios audiovisuais da maioría dos países da Unión Europea, senón que esixe que este se aplique tamén no conxunto de España, tanto a nivel estatal como do resto das comunidades autónomas.

Por último, o FOP apoia o traballo que RSF desenvolve en moitas partes do planeta e pídelle que, de acordo con esta traxectoria, rectifique e retire do seu informe sobre as ameazas á liberdade de expresión as alusións ó CAC.

Os sindicatos de xornalistas esixen aos partidos que rematen coa precariedade nos medios públicos

A Federación de Sindicatos de Xornalistas, da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, esixe aos partidos políticos que se comprometan a acabar coa precariedade laboral nos medios municipais e autonómicos onde gobernen tras o 27-M.

A celebración do 1 de maio, Día do Traballador, e a do 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, están estreitamente relacionadas para os traballadores da información: a defensa do dereito á información da cidadanía non é posible sen unhas condicións de traballo dignas.

Por esta razón existen os sindicatos de xornalistas e por elas chamamos aos profesionais da información a conmemorar ambas as datas con idéntico espírito.

Tampouco se pode asegurar o dereito á información sen unha lexislación que garanta á cidadanía que vai recibir unha información veraz, contrastada e de calidade. O Congreso dos Deputados resístese a sacar adiante o proxecto de de Estatuto do Xornalista Profesional (EPP), que debe regular os dereitos e deberes dos xornalistas e que é un dos compromisos do presidente do Goberno e do seu partido.

Xa rexeitou esa mesma cámara o proxecto de lei que regulaba os dereitos laborais dos xornalistas, ferramenta imprescindible para dignificar as nosas condicións laborais, especialmente as dos xornalistas á peza.

Doutra banda, ante as próximas eleccións municipais e autonómicas convén recordar aos partidos que aspiran a gobernar en pobos e cidades que alí tamén teñen a obrigación velar polo dereito á información. Reclamámoslles que inclúan nos seus programas o compromiso de terminar coa precariedade laboral existente en moitos medios de titularidade municipal e autonómica, e que democraticen os seus organismos de xestión para terminar co sectarismo e a manipulación da información que existe en moitos deles.

Estes días 1 e 3 de maio hai que denunciar, unha vez máis, os abusos que a maioría das empresas de comunicación fan dos estudantes en prácticas, quen cobren postos de traballo de xeito gratuíto ou con compensacións ridículas, agravando así a precariedade do sector e a calidade da información. Reclamamos das empresas, as universidades e a administración que acaben con esta explotación laboral e que acorden cos sindicatos e os comités de empresa condiciones dignas para a formación práctica deses estudantes.

Nestas datas tamén expresamos a nosa solidariedade aos profesionais da comunicación que son perseguidos ou mortos por exercer o dereito a informar en zonas de conflito ou baixo réximes ditatoriais, e ás súas familias.

Recordamos, entre outros, os nomes de Ana Politóvskaia, de José Couso ou de Julio Anguita Parrado, que perderon a vida só por ser xornalistas.

Por un Estatuto do Xornalista Profesional que asegure o dereito á información da cidadanía.

Por unha regulación laboral que garanta a nosa dignidade profesional.

Xunta Executiva da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP)

O SXG denuncia a precarización do traballo pola imposición do modelo de "xornalista multimedia"

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) alerta sobre a precarización do mercado laboral pola imposición de novas tarefas aos informadores. En particular, o Sindicato rexeita que se obrigue aos redactores a facer o traballo dos informadores gráficos –fotógrafos e cámaras- sen ser remunerados por elo e sen, en moitos casos, recibir a formación imprescindible para facelo correctamente.

O SXG non se opón a incorporación de avances tecnolóxicos ao proceso informativo. Ao contrario, valóraos positivamente pois, usados correctamente, facilitan a labor dos informadores. Agora ben, o Sindicato considera inaceptable que as institucións e medios exploten estes avances para sobrecargar de traballo aos seus asalariados.

Máis responsabilidades sen cobrar por elas

Trátase dunha sobrecarga de traballo que -na práctica totalidade dos casos- non é remunerada. Por exemplo, xa é habitual que os redactores teñan que –ademais de elaborar textos- sacar, seleccionar e editar fotografías. Un traballo para o que na maioría dos casos non están suficientemente formados.

Ademais, obrigar aos redactores a facerse cargo da información gráfica implica a desaparición de postos de traballo dos verdadeiros coñecedores desta labor, os fotoxornalistas e cámaras de televisión. Noutros moitos casos implica a redución dos ingresos dos fotógrafos, pois a maioría deles cobran por peza.

Chamamento aos poderes públicos
En definitiva, converter aos redactores en ""traballadores multimedia" só está causando perda de postos de traballo, caída dos ingresos dos fotoxornalistas, sobrecarga de traballo dos redactores e , nalgúns casos, diminución da calidade dos materiais publicados.

Por iso, o SXG solicita aos medios e, especialmente, ás institucións públicas con gabinetes de comunicación, que non continúen aproveitándose da dixitalización do proceso informativo.

Non poden usala como escusa para explotar aínda máis os traballadores da comunicación en Galicia, que xa teñen que soportar un mercado laboral con elevadísimos índices de precariedade.