Traballadores dunha ducia de medios piden o fin da precariedade para mellorar a calidade informativa

Varias ducias de xornalistas galegos están reunidos hoxe en Santiago de Compostela para debater os dereitos dos traballadores da información. Profesionais de medios– entre outros Televisión de Galicia, Radio Galega, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión da Coruña, Axencia Galega de Noticias, Europapress, Diario de Ferrol, Que, A Nosa Terra, La Región de Ourense, Diario de Ferrol e Onda Cero- e gabinetes de comunicación participan na xornada formativa organizada polo Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG). A primeira conclusión do encontro é que para mellorar a calidade da información que receben os cidadáns resulta imprescindible acabar coa precariedade que sofren moitos informadores.

Problemas do xornalismo galego
Os asistentes están a expor as condicións laborais en cada unha das súas compañías co fin de atopar solucións comúns. Traballadores sen contrato, falsos autónomos, xornadas de 50 horas semanais con só un día libre e perda do poder adquisitivo son algunhas dos problemas habituais na profesión.

Expertos cataláns
Os expertos en relacións laborais do Sindicat de Periodistes de Cataluña (SPC), Fabián Nevado e Roberto Rodríguez, están asesorar aos participantes sobre como negociar unha mellora das súas condicións laborais particulares, aproveitando a súa experiencia na negociación colectiva en medios tan importantes como RTVE e La Vanguardia. A situación nos medios públicos e os dereitos de autor son outros dos temas que están a centrar o curso, que continuará esta tarde no Hotel Bonaval da capital.

Sindicatos en sete autonomías
O Sindicato de Xornalistas de Galicia defende os dereitos de traballadores do sector comunicación, incluíndo aos xornalistas gráficos, e forma parte da Federación de Sindicatos de Periodistas (FesP), na que se integran organizacións de Madrid, Cataluña, Andalucía, Baleares, Canarias, A Rioxa e Baleares. As xornadas, baixo o título "Dereitos laborais básicos e estratexias de negociación”, contan co apoio da Consellería de Traballo do goberno autonómico.

O Parlamento debatirá que as subvencións aos medios se vinculen ao emprego estable

O Parlamento de Galicia debaterá proximamente unha proposta para que as axudas da Xunta aos medios estean vinculadas á loita contra a precariedade laboral e ao uso real do galego. O texto da proposta explica que a presentación da mesma é produto da mobilización que organizou recentemente o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) baixo o lema "A miña precariedade é a túa desinformación".

O SXG defende que, no caso de existir, as subvencións aos medios non poden servir para financiar a explotación laboral de moitos traballadores, como sucede na actualidade.

O DOG non se cumpre

A Proposición recolle a denuncia do Sindicato de que na actualidade os cuantiosos cartos públicos que conseguen as empresas serven para financiar "as xornadas laborais abusivas, os contratos en precario, o abuso de persoal en prácticas e o aumento da porcentaxe de falsos autónomos".

O Sindicato alerta que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; mais cando é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua.

Gracias aos que participaron na protesta

O SXG quere felicitar aos centos de profesionais que participaron na protesta do 5 de novembro. Mesmo pequenos actos como levar unha camiseta co lema "a miña precariedade é a túa desinformación" poden dar algún resultado, o que demostra que a organización sindical e a mobilización é a única vía para reducir a lacra da precariedade.

Dúas propostas

Por último, a organización agradece á deputada nacionalista Modesta Riobó a presentación da "Proposición non de Lei sobre as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión" . A raíz da súa inciativa os grupos parlamentarios deberán votar sobre estes dous puntos, indica o Boletín Oficial do Parlamento no seu número 460:

"1º) Que se vinculen as axudas económicas do Goberno Galego destinadas aos medios de comunicación á loita contra a precariedade laboral dos seus profesionais, introducindo na convocatoria de axudas cláusulas que penalicen ás empresas con altos índices de precariedade ou concedendo máis puntuación ás empresas demostren ter creado emprego estable no último exercicio.

2º) Que estas axudas económicas estean condicionadas ao uso real da lingua galega nos medios de comunicación, tendo os medios que xustificar un aumento do uso do galego en todas as seccións".

Éxito da protesta contra a precariedade no sector da comunicación

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), e os sindicatos que a integran cumpriron con éxito a xornada de protesta pola precariedade da profesión, que consideran un "perigo para a democracia".

Impacto en Galicia
En Galicia, a distribución das camisetas co lema "A miña precariedade é a túa desinformación" foi un éxito. O SXG acabou case todas as existencias e os informadores amosaron o seu apoio á mobilización poñendo as camisetas en moitos actos informativos en Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago e Lugo. Ademais, numerosos medios -especialmente emisoras de radio- fixéronse eco da protesta organizada polo Sindicato.

En coincidencia coa convocatoria da Federación Europea de Preiodistas os sindicatos da FeSP realizaron diversos actos en distintas comunidades autónomas o pasado luns. En todos eles demandouse unha norma estatal que regule os dereitos laborais dos xornalistas, e a aprobación do Estatuto do Xornalista Profesional que leva case catro anos "bloqueada" no seu trámite parlamentario no Congreso dos Deputados.

O proxecto, presentado polo Grupo EU-ICV que asumiu o proxecto do Foro de Organizacións de Xornalistas, e que viña apoiada polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, cando o partido socialista estaba na oposición. Os sindicatos da FeSP centraranse en que Zapatero cumpra o seu compromiso e comprométase a impulsar o estatuto prometido na próxima lexislatura.

A Federación realizou actos en Galicia, Canarias, A Rioxa, Madrid, Andalucía e Cataluña, chamando a atención sobre os problemas da profesión en España, que considera aínda máis graves que no resto de Europa. Unha situación que "pon en risco o dereito á información da cidadanía", xa que os profesionais "sofren cada vez máis presións políticas, ven como aumenta a concentración de medios, e como se reduce o pluralismo informativo", denuncian.

En todo o Estado
Entre os actos convocados, representantes do Sindicato de Xornalistas de Madrid (SPM) concentráronse fronte ao Congreso dos Deputados onde cinco homes e mulleres do sindicato, vestidos con monos de traballo brancos e gorras, exhibían grandes carteis coas palabras "Precariodismo" e "Estatuto xa".

O secretario xeral do sindicato, Agustín Yanel, dixo a Europa Press que as súas demandas perseguen unha regulación do xornalismo "en beneficio do dereito da cidadanía a recibir información veraz", polo que demandarán do Goberno que "cumpra o seu compromiso". Xunto a ese proxecto, demandan "unha Lei de Dereitos Laborais dos xornalistas".

Entre as accións, a FeSP convocou paros de 5 minutos que se cumpriron en distintas redaccións e remitiu cartas ao Presidente do Goberno, aos portavoces dos grupos parlamentarios estatais e autonómicos, aos deputados encargados do trámite parlamentario do Estatuto, e outras accións como conferencias sobre a precariedade en dúas universidades, e a distribución de adhesivos e camisetas que os xornalistas levaron postas ás roldas de prensa.

Catalunya e Andalucía
En Catalunya portavoces de distintos grupos parlamentarios manifestaron a súa solidariedade e o respaldo ás demandas dos xornalistas que lles presentou o Sindicat de Periodistes de Catalunya.

Mentres que en Andalucía o grupo parlamentario de IULV-CA anunciou a presentación no parlamento andaluz dunha Proposición Non de Lei contra a precariedade laboral dos xornalistas e en defensa da calidade da información.

Esta iniciativa, segundo a portavoz parlamentaria de IULV-CA, asumirá as reclamacións e preocupación expostas pola FeSP e polo Sindicato de Xornalistas de Andalucía, facendo fincapé na precariedade na que desenvolven a súa actividade unha alta porcentaxe de profesionais da comunicación.

Galicia participa na protesta dos xornalistas europeos contra a precariedade

A Federación Europea de Xornalistas (FEP), sección da Federación Internacional de Xornalistas no continente, fixo un chamamento para que o próximo 5 de novembro sexa un día de acción de defensa dos dereitos dos xornalistas baixo o lema Xornalismo enfermo: perigo para a democracia . O Sindicato de Xornalistas de Galicia únese a esta protesta mediante a distribución de forma gratuíta de centos de camisetas co lema "A miña precariedade é a túa desinformación". O obxectivo é que os informadores leven posta esta peza nas roldas de prensa convocadas para o día da mobilización.

A convocatoria realízase como protesta contra a «crise dramática que sofren os xornalistas debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobreciendo as condicións de traballo en toda Europa». A acción tamén pretende recordar o papel crucial dos sindicatos europeos de xornalistas na promoción da calidade da información. A xornada consistirá en accións de protesta, manifestacións, accións sociais, paros nos postos de traballo e accións lúdicas en favor da liberdade de expresión.

Mobilizacións no Estado
En resposta á convocatoria os sindicatos da Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), da que forma parte o SXG, organizaron para ese día unha serie de actos en distintas ciudadades o programa, que se irá ampliando nos próximos dias, inclúe:

Paros nas empresas
En distintas redaccións efectuarase un paro de cinco minutos con concentración do persoal das redaccións ás portas das empresas.

Madrid
Acto de protesta organizado polo SPM na escalinata do Congreso dos Deputados, demostración con pancartas e repartición do comunicado da FeSP aos cidadáns.

Sevilla
Mesa sobre a precariedade na Facultade de Comunicación coa intervención do Decano da Facultade, Francisco Sierra, a secretaria xeral do SPA, Lola Fernández; o seu Secretario de Organización, Guillermo Polo e o seu letrado, Marcos García. Concentración á porta da Facultade. Unha comisión dos concentrados fará entrega dunha carta á presidenta do Parlamento. Outra dirixida ao Presidente do Goberno entregarase ao Delegado do Goberno en Andalucía e outra ao Alcalde de Sevilla.

Málaga
Mesa sobre a precariedade na Facultade de Comunicación con intervención de membros do Decanato, o Secretario Provincial do SPA e o letrado do sindicato, Rafael Herrera. Concentración á porta da Facultade da que sairá unha delegación que fará entrega dunha carta ao Alcalde de Málaga e outra dirixida ao Presidente do Goberno que se entregará ao Subdelegado do Goberno.

Córdoba
Conferencia na Facultade de Ciencias do Traballo a cargo de o letrado do SPA, Carlos Crisóstomo e da Secretaria Provincial do SPA de Córdoba. Representación dunha peza teatral sobre a precariedade laboral dos xornalistas a cargo da Compañía de Teatro Chalana-Corp. na chaira da Torre Malmuerta de Córdoba.

Entrega a o Subdelegado do Goberno dunha carta dirixida ao Presidente do Goberno e entrega de carta á Alcaldesa de Córdoba.

Almería, Xaén, Huelva e Cádiz
Entrega ao Subdelegado do Goberno nestas cidades de sendas cartas dirixidas ao Presidente do Goberno. Outro documento entregarase aos respectivos alcaldes.

Barcelona
O SPC ha decido elaborar unha carta aberta dirixida ese día a todos os deputados do arco parlamentario catalán e aos presidentes das dúas asociacións municipalistas catalás denunciando a situación dos xornalistas e recordándolles a súa obrigación, como recolle o Estatut de Catalunya, de protexer o dereito á información dos cidadáns.

A Rioxa
Reparto aos cidadáns de adhesivos co lema do "xornalismo ferido", elaborada por un artista rioxano, e de panfletos explicativos da xornada reivindicativa.

Galicia únese á mobilización europea contra a precariedade no xornalismo

Organizacións de xornalistas de toda Europa están preparando mobilizacións contra precariedade laboral o próximo luns, 5 de novembro. A protesta está convocada pola Federación Europea de Periodistas (FEP) e tamén se realizará en Galicia. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) únese á iniciativa mediante a distribución gratuíta de centos de camisetas co lema “A miña precariedade é a túa desinformación”. O obxectivo é que os informadores leven posta esta prenda nas roldas de prensa convocadas para o día da mobilización.

“A miña precariedade é a túa desinformación
Con esta acción o SXG alerta do aumento da precariedade na profesión en Galicia. Horarios abusivos, contratos lixo, abuso de bolseiros e de falsos autónomos son prácticas frecuentes na maioría das empresas da comunicación da Comunidade. Este deterioro das condicións de traballo dos informadores prexudica a cidadanía, pois a calidade das noticias é unha das primeiras vítimas da precariedade no sector.

A FEP explica que convocatoria pretende ser unha protesta contra a «crise dramática que sofren os xornalistas debido á excesiva comercialización, a presión política que están facendo máis precarias e empobrecendo as condicións de traballo en toda Europa». A rama europea da Federación Internacional de Periodista coordina accións de protestas en Bélxica, Chipre, Finlandia, Croacia, Francia, Alemaña, Grecia, Islandia, Irlanda, Irlanda, Portugal, Romanía, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suecia e Reino Unido. Nalgúns estados, como en Francia, haberá manifestacións diante do parlamento.

Loxística do reparto
O Sindicato comezará a repartir as camisetas o próximo venres. Todos os profesionais da comunicación interesados en ter unha non teñen máis que contactar co SXG, a través desta conta de correo (sindicatoxornalistas@gmail.com) ou chamando aos móbiles da Executiva, que se poden consultar na web www.sindicatodexornalistas.org, sección “O SXG”.