O SXG condena o atentado contra El Correo

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), rexeita enerxicamente o atentado con explosivos contra as rotativas do xornal El Correo en Zamudio.

En particular, o SXG expresa o seu apoio á concentración que os compañeiros de Que! e de Punto Radio realizaron este mediodía en fronte a sede deste xornal en Vigo.

A recorrente obsesión desde diferentes instancias de poder contra o dereito á información, que adopta a forma metafórica de “matar ao mensaxeiro”, é compartida tamén polos partidarios da violencia política, que ás veces fixeron dramaticamente literal a metáfora.

Ás informacións e aos argumentos hai que responder, se é preciso, con argumentos, e non con intimidación aos traballadores mediante atentados que só buscan coaccionar o dereito fundamental á liberdade de opinión.

Desde o SXG e a FeSP expresamos o noso apoio aos afectados e reiteramos o noso rexeitamento a toda forma de limitación do dereito á información da cidadanía.

A TDT de "El Correo" emitirá nos próximos meses

TEN AUTORIZACIÓNS EN CATRO ZONAS

Segundo informa Patricia Ferro en "El Correo Gallego", Correo TV comezará as emisións en dixital antes do verán, ao mesmo tempo que se manterá en analóxico ata que se produza o apagado neste sistema de emisión, previsto na demarcación de Santiago para o primeiro semestre de 2009.

Recentemente,a canle do Grupo Correo Gallego obtivo do Ministerio de Industria a concesión do domimio público radioeléctrico para prestar o servizo de televisión dixital local nas demarcaciós de Santiago, Ribeira, Lalín e Vimienzo.

As emisiós de Correo TV en TDT comezarán nos vindeiros meses en Santiago e comarca, tralo acordo chegado con Retegal, operador encargado de distribuilo sinal dixital.

As asociacións da prensa denuncian a "inxerencia coercitiva" de Vicepresidencia da Xunta sobre El Correo Gallego

A raíz dunha crítica de Luís Perez sobre os anuncios do Teléfono do Voluntariado

A continuación reprodúcese o comunicado enivado pola Asociación da Prensa de Galicia en defensa de Luís Pérez:

"As asocacións da Prensa de Galicia vense na obriga de sair unha vez máis en defensa da liberdade de información e de opinión nos termos que contempla o Artigo 20 da Constitución española, polo que se “recoñecen e protexen os dereitos a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións, mediante a palabra, a escrita ou calquera outro medio de reproducción”.

E vémonos obrigados a recordar e defender estes dereitos e liberdades diante da nota oficial que a Secretaría de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia enviou o pasado día dez de setembro ó xornal El Correo Gallego, en protesta por un artigo de opinión, publicado no citado xornal e asinado polo xornalista Luis Pérez.

Na nota oficial o secretario de Relacións Institucionais da Xunta, Antón Losada, solicita de El Correo Gallego unha aclaración pública polo artigo de opinión que Luis Pérez, xornalista e comentarista habitual do xornal, publicou baixo o título “Igual de mal que la selección en Irlanda”. No devantito artigo de opinión, Luis Pérez critica a actuación da Xunta durante a vaga de incendios do mes de agosto e opina que os spots publicitarios encargado pola Xunta, que anunciaban o teléfono en defensa do monte galego, en palabras textuais “incitaban a los pirómanos (enfermos mentales) a actuar, en lugar de animar a la agente a colaborar” na extinción do lume."

Na nota oficial enviada a El Correo Gallego pola Secretaria de Relacións Intitucionais da Xunta, as Asociacións de Xornalistas de Galicia adscritas a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) observamos unha clara inxerencia coercitiva, inadmisible nun estado de liberdades, que atenta contra os dereitos recoñecidos no citado artigo 20 da nosa Constitución e, polo tanto, rexeitamos enérxicamente tal actuación do poder político que trae o recordo de épocas pasadas."

14 de setembro de 2006