Dimiten os representantes da CIG no comité da Compañía de Radio Televisión de Galicia

Primeiras dimisións tras o rexeitamento do convenio colectivo

Segundo informa Noticiasgalicia, os representantes do sindicato abandonaron o Comité de Empresa da Radio e da Televisión de Galicia.

Noticiasgalicia asegura que "está por saber se seguirán o mesmo camiño o resto de sindicatos: USO, UGT y CC.OO". Nos foros de El Correo Gallego e de Galiciaconfidencial, varios traballadores da CRTVG teñen pedido repetidamente a dimisión dos seus actuais representantes sindicais.

A participación nesta votación foi moi alta, pois votaron o 80,7 % das persoas incluídas no censo, segundo Noticias Galicia. 477 empregados pronunciáronse polo non ó convenio, fronte a 165 que apoiaron o texto negociado entre o Comité de Empresa e a patronal.

Traballadores da CRTVG en Lugo esixen ante a xustiza ter os mesmos dereitos que o plantel de San Marcos nas oposicións

Menor soldo, horarios partidos e recibir menos puntos nas oposicións son algunhas causas da denuncia

A continuación copiamos o comunicado feito público pola a Delegación da RTVG en Lugo:

"O que en principio ía ser unha listaxe obxectiva para optar a unhas oposicións limpas á CRTVG, acabou sendo unha discriminación absoluta para os traballadores que dende as provincias galegas levan anos facendo novas exclusivamente para a CRTVG.

A puntuación que reciben estos traballadores polos anos dedicados á compañía é a metade que a que recibe un traballador que realiza o seu traballo dende San Marcos.

Cremos que estamos a recibir un tratamento inxusto despois de levar anos sendo imaxe dunha empresa pública como é a Galega e traballando de feito esclusivo para os seus informativos.

Agora queren que aceptemos un tratamento discriminatorio que nos deixa fóra de calquera proceso de selección xusto dentro da compañía.

Trátase dunha situación anómala herdada do goberno anterior que decidiu no seu momento que as delegacións dependesen ilegalmente de productoras externas realizando en exclusiva o traballo para a CRTVG.

Esa situación levou á nova dirección da compañía a non recoñecer os nosos dereitos como traballadores da CRTVG e é o que reclamamos nestes momentos.

Din que non somos unha Delegación, pero o certo é que traballamos como tal. Din que non merecemos o mesmo tratamento que un traballador de San Marcos, pero o certo é que temos as mesmas obrigas, traballamos en xornada partida e temos uns salarios ridículos con respecto ós que teñen en San Marcos por facer o mesmo tipo de traballo.

Ante esta situación, os 18 traballadores que formamos a Delegación da CRTVG en Lugo decidimos acudir á xustiza e demandar legalmente unha situación que non comprendemos e que consideramos absolutamente inxusta.

Só pedimos que se nos respete como traballadores que levamos anos traballando para a CRTVG, representándoa na provincia de Lugo e facendo o mesmo traballo que as persoas que o realizan dende a central.

Queremos que quede claro que a nosa intención non é prexudicar ós nosos compañeiros e en moitos casos amigos de San Marcos, todo o contrario, só pedimos solidariedade xa que o noso traballo, idéntico ó seu, está a ser infravalorado nestes momentos.
Non queremos reivindicar dereitos que non nos corresponden.

Entre tódalas Delegacións da CRTVG facemos o 80% da información da Galega.

Agora queren que nos botemos atrás coas demandas, e ameazan con tomar outro tipo de medidas de presión, pero, a cambio, non queren solucionar a situación con nós.

Por iso pedimos o apoio dos medios de comunicación para que se coñeza esta situación insostible que levamos aguantando moitos anos, pero que estalou nestes momentos non polo cambio de goberno, senón pola discriminación laboral á que nos somete a CRTVG ó non considerarnos traballadores cos mesmos dereitos que o persoal de San Marcos.

Somos conscientes de que a nosa denuncia pode ser malinterpretada, pero queremos salientar que a nosa intención so é defender os nosos dereitos como traballadores en exclusiva para un medio público que agora se desentende de nós."

Os traballadores da CRTVG votan non ó convenio colectivo pactado coa dirección

Piden a demisión do Comité de Empresa

Segundo informa El Correo Gallego, 479 traballadores votaron en contra e 168 a favor. Este xornal indica que "en medios próximos ó plantel considérase inexcusable á demisión do comité de empresa, pois quedou desautorizado, e a convocatoria de elecións para que o novo comité retome as negociacións".

Pola súa banda, Galiciaconfidencial sinala a pretensión do Comité de manter "privilexios" como unha das posibles causas da victoria do non. Esta acusación contra os membros do actual Comité foi repetida varias veces de xeito anónimo nos foros desta publicación e de El Correo Gallego.

A elaboración do censo desta votación foi polémica debido a pretensión de deixar fóra a parte dos traballadores que figuran como contratados.

Segundo El Correo Gallego, Comisiones Obreras, UGT, CIG e USO pretendían aprobar o convenio se non se chegaba o 50% de participación na votación. Agora ben, xa que superou este límite, o rexeitamento do convenio é vinculante, segundo indica este xornal.

Os traballadores da CRTVG votan o convenio colectivo

A convocatoria é o día 29

"CENSO ELECTORAL DA CRTVG E AS SÚAS SOCIEDADES

Os traballadores e traballadoras incluídos no censo electoral poderán emitir o seu voto no referendo para a aprobación do Convenio Colectivo que se celebrará o día 29 de setembro de 2006 desde as 09:00h ata as 21:00h. O censo electoral pódese consultar na intranet da CRTVG ou nos taboeiros da sede da CRTVG en Bando San Marcos.

O prazo para presentar reclamacións iníciase o día 22 e remata o martes, día 26.

O prazo para emitir o voto por correo iníciase o día 21 e rematará o xoves, día 28 de setembro.

As papeletas de votación pódense solicitar á Mesa Electoral, Comité Interempresas e División de Organización e Recursos Humanos.

NOTA DA MESA ELECTORAL:

Os traballadores que realicen a súa xornada laboral na quenda da fin de semana poderán entregar as súas reclamacións ó censo electoral ou as que consideren oportunas ó persoal de seguridade na entrada do edificio. O luns serán trasladadas á División de Recursos Humanos co obxecto de darlle rexistro de entrada e facilitarlle copia do escrito presentado.

O Presidente – Asdo. Nicolas Camino Huertas."

A CRTVG nega as ascusacións do PP de censura nas información sobre os lumes

Acusa ós populares de querer aproveitarse da crise

Segundo recolle Xornal.com , a TVG argumenta que "por primeira vez en moitos anos, os medios públicos galegos están dando conta, dun xeito totalmente fidedigno da situación especial que está a vivir o noso país, polo que están a ser uns dos medios informativos de referencia para todos os galegos e galegas, en contra do que aconteceu en situacións anteriores (cómpre lembrar o Prestige, as vacas tolas, ou mesmo os incendios en veráns pasados), que provocou a perda de prestixio e de audiencia da Televisión de Galicia e da Radio Galega".

Aseguran que o PPdeG, "unha vez máis, non dí a verdade. Os medios de comunicación públicos de Galicia están a manter, desde o inicio desta preocupante situación, un estado de alerta continuo e de programación especial para informar puntualmente de todo o que acontece en todo o país galego. Tanto na Radio Galega coma na TVG se aumentaron os espazos informativos, con especial atención durante todo o día a esta situación. De feito, esta mesma noite, a TVG ten programado un programa especial no que se afondará sobre as causas e consecuencias desta oleada de incendios".