A CIG considera que todos os e as traballadoras das delegacións son persoal da CRTVG

Rexeita as represalias da Dirección aos e ás traballadoras que denuncian a súa situación na maxistratura

"A Dirección da CRTVG pretende utilizar a recente sentenza xudicial que recoñece a unha traballadora da RTG en Vigo ó seu carácter de indefinido, para modificar o catálogo á súa conveniencia. A dirección pretende agora reconverter unha praza de locutor/a en redactor/a e sacar esta última a concurso-oposicion buscando deste xeito non só prexudicar á traballadora que efectuou a denuncia, senón “chanchullear” coas prazas a súa conveniencia.

Ante esta situación, dende a sección sindical da CIG queremos deixar claro:

- Que todo o persoal que traballa para a Radio e a Televisión de Galicia nas diferentes delegacións é para nós persoal da CRTVG con independencia da empresa pola que aparezan contratados. A historia desta casa demostra, ademais, que os seus postos de traballo son estruturais e non conxunturais. E por tanto, apoia a decisión destes traballadores e traballadoras de reclamar os seus dereitos pola vía xudicial.

- Que as sentenzas xudiciais favorables a estes traballadores deben ser entendidas como tal, favorables aos traballadores, e non unha carta aberta para que a Dirección modifique o catálogo ao seu antollo.

- Dende a CIG cremos que este tipo de sentenzas deben redundar nunha ampliación do catálogo a fin de axeitalo ás necesidades reais –así recoñecidas polo xuíz- da empresa e non na cobertura das prazas vacantes xa existentes.

- A CIG tamén entende que a Dirección da CRTVG non poder ir dando respostas illadas a cada unha destas sentenzas senón que a responsabilidade empresarial obrígaa a analizar de xeito xeral as situacións xeradas pola contratación irregular e dar unha resposta coherente e global. En opinión da CIG sería necesario que, independentemente do convenio colectivo, se elaborara un novo catálogo de postos de traballo (RPT) acorde coas necesidades estruturais da CRTVG e as súas sociedades e se efectúe un proceso rigoroso de cobertura das mesmas."

26 de outubro de 2006

O SXG denuncia as ameazas aos traballadores e a privatización das delegacións da CRTVG

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) apoia ó persoal das delegacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que demandan ó Ente para que recoñeza a súa vinculación laboral. Segundo fontes dos traballadores, estes foron ameazados para que retiren as denuncias polas que reclaman formar parte da plantilla da CRTVG. O primeiro dunha serie de xuízos con este fin comeza mañá en Vigo.

Máis de 30 profesionais de Lugo, Burela, Vigo, Ferrol, A Coruña e Pontevedra piden ante a Xustiza ter os memos dereitos laborais que os seus compañeiros de Santiago. A raíz destas denuncias, producíronse as ameazas e ademais, a CRTVG eliminou sorprendentemente a figura do delegado en varias delegacións, un posto que até agora constituía o vínculo de relación laboral máis evidente coa CRTVG e que agora se elimina para avanzar na privatización.

As delegacións da TVG, fonte de cartos públicos para varios xornais a costa de recortar os dereitos dos traballadores

En opinión do SXG, é especialmente grave que unha empresa pública ampare represalias contra os traballadores, sobre todo cando estes profesionais, a través das súas denuncias, están a loitar contra privatización da CRTVG. Cómpre lembrar que o Goberno de PSdG e BNG accedeu ó poder coa promesa de promover a independencia dos medios públicos. Represalias como as relatadas son en realidade un paso máis na privatización do Ente, impulsada tanto por este como polo anterior goberno.

É máis, o SXG considera moi irregular que durante quince anos as delegacións fosen xestionadas polas mesmas empresas, filiais dos principais xornais galegos; algo que evidentemente resta independencia ós xornais respecto a Xunta de Galicia. Esta organización entende que, a costa de limitar os dereitos dos traballadores, varias editoras de xornais están a recibir un trato de favor por parte da Xunta. De seguir a discriminación ós empregados das delegacións, o SXG emprenderá as medidas legais oportunas.

O Sindicato apoia a demanda dos traballadores de que os postos de traballos das delegacións pasen a formar parte da estrutura da CRTVG. É inadmisible que as delegacións estean en mans de particulares, especialmente tendo en conta que estes centros xeran a maioría da información propia que emite a compañía pública.

O SXG cre que a súbita eliminación da figura do delegado de varias delegacións é un torpe intento do Ente para ocultar os evidentes vínculos laborais entre os traballadores e a CRTVG. A Executiva da organización, que está en contacto permanente con varios demandantes, lembra que os seus servizos xurídicos seguen a disposición dos traballadores. Ademais, o Sindicato seguirá coa máxima atención este conflito, como fixo dende un comezo, e denunciará calquera vulneración dos dereitos dos profesionais.

Tódolos partidos ocultan as denuncias dos traballadores nun debate sobre a CRTVG no parlamento

O PP criticou a manipulación na Radio Galega

Segundo informa Galiciaconfidencial, o presidente da Xunta deulle instrucións ó director do ente para que "reforzara o carácter público da televisión".

Touriño limitiuse a publicitar a suposta mellora da audiencia da TVG e o maior tempo adicado a espazos informativos e culturais.

O líder do PPdG, Alberto Nuñez Feijoo, replicou que na Radio Galega existen vetos, entre eles o do ex-lider do Bloque Xosé Manuel Beiras.

Touriño asegurou que o seu goberno está traballando na dirección de converter a CRTVG nunha verdadeira corporación de servizo público, tal e como prometeu durante a campaña electoral.

A plantilla da CRTVG en Lugo denuncia represarias e ameazas por denunciar a privatización das delegacións

Presión para que os traballadores retiren as súas demandas xudiciais

De seguido reprodúcese o comunicado feito público polos traballadores da CRTVG de Lugo:

"Os traballadores das Delegacións da CRTVG en Galicia denuncian as modificacións que está a levar a cabo a compañía, logo das denuncias contra ela. Tratan de aparentar unha legalidade, polo visto, inexistente ata o de agora.

O primeiro paso tralo coñecemento oficial das denuncias foi eliminar a figura do Delegado, que era un traballador contratado pola propia compañía, que traballaba en cada Delegación e que era vínculo directo entre a Televisión de Galicia e os traballadores das Delegacións.

Decidiron ordenar ás productoras que puxeran en funcionamento a figura do Coordinador coas mesmas funcións que o que ata este momento era delegado/a, pero que estará contratado directamente pola productora o que elimina a figura dun traballador da Galega no que eles consideran que non é a súa Delegación.

Así pretenden acabar cun baleiro legal mantido ata o de agora e dar a imaxe de que entre Delegacións e Compañía non existe ningún tipo de vínculo laboral. O que é rotundamente FALSO.

Se ata o de agora as ordes chegaban ós traballadores das Delegacións a través dos responsables da TVG, agora será a través dun traballador contratado pola productora.

Pensan que así rompen calquera vínculo real entre os traballadores de San Marcos e os das diferentes provincias.

Dáranse situacións tan esperpénticas como a da Delegación de Vigo, onde os traballadores quedan nun piso e a Delegada marcha para o piso de arriba prohibíndoselle todo contacto directo cos traballadores.

Os delegados de Lugo e Ourense, por exemplo, foron desprazados dos seus postos.

A orde, aínda que saíu directamente de San Marcos, chegou ós traballadores da man das propias productoras.

Desta orde chegaron unidas ameazas veladas para que tódolos traballadores retirasen as súas demandas. Pero o certo é que agora está en xogo tamén a nosa dignidade como traballadores dunha empresa que de súpeto nos rexeita.

Os traballadores das Delegacións da CRTVG, cremos que é indigno o tratamento que estamos a recibir de San Marcos. De repente, tratan de dar unha imaxe de desvinculación total con nós cando é completamente FALSA.

Traballamos exclusivamente para eles, aínda que é posible que a partir de agora tamén provoquen un cambio nesa situación; recibimos ordes directament dos nosos xefes de informativos de Santiago; aínda que está claro que agora pretenden que a situación, polo menos aparentemente, cambie; somos a súa imaxe e facemos un producto exclusivo para os informativos da compañía e deso non hai NINGUNHA DÚBIDA.

Non entendemos esta actitude da Compañía que, despois de coñecer a existencia de denuncias dos seus traballadores que só reclaman os seus dereitos, deciden modificar substancialmente as súas condicións de traballo.

Algúns traballadores levan anos cumprindo coa Galega e agora só reclaman ese cambio tan prometido pola nova dirección do Ente.

Non queremos nada que non nos corresponda, pero non entendemos como poden tratarnos como a traballadores externos á casa cando SEMPRE traballamos ó seu servizo.

Agora o que máis nos chama a atención é que a súa actitude sexa disfrazar unha situación insostible dándolle a apariencia de normalidade.

Crear novas figuras de forma repentina e eliminar os lazos de unión entre Delegacións e Central en San Marcos, só nos da a razón e confirma a xustiza das nosas reivindicacións."

19 de outubro de 2006

O Colexio de Xornalistas critica a privatización da CRTVG

Apoia as demandas dos traballadores das delegacións

"O Colexio Profesional de Xornalistas rexeita de raíz o proceso de privatización das delegacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) porque é incompatible coa función de servizo público que uns medios pagados por todos deben prestar nunha sociedade democrática. Neste sentido, o CPXG solidarízase cos traballadores das delegacións da TVG na súa pretensión de teren os mesmos dereitos laborais que os traballadores da sede central de Santiago.

O CPXG lembra que a maioría destas delegacións son propiedade de empresas que editan xornais galegos. No entender do Colexio, o pago con fondos públicos a estes grupos xornalísticos pola xestión das delegacións da Televisión de Galicia compromete gravemente a independencia destes medios de comunicación respecto ó poder político. Sen esquecer que ese pago distorsiona as regras de xogo coas que debe rexerse o sector mediático privado galego.

Aínda que a privatización das delegacións da TVG comezou co anterior goberno do Partido Popular, a actual administración autonómica está acelerando ese proceso privatizador. Esta realidade é oposta ó compromiso electoral das dúas forzas que gobernan hoxe en Galicia. Comprometéranse a poñer os medios públicos galegos ó servizo da sociedade e a democratizalos. O CPXG xa ten denunciado no pasado a utilización da CRTVG como caixa de pago para mercar un trato favorable de determinadas empresas de comunicación. Por todo isto, o CPXG reclama publicamente que a dirección da CRTVG lle poña fin a ese proceso privatizador dos medios públicos galegos.

O CPXG ten que lamentar que, despois de mais dun ano de goberno bipartito, aínda non se deu ningún paso para democratiza-la CRTVG e acabar coa súa instrumentalización política, que se segue producindo tanto no nomeamento partidario dos seus dirixentes como no sometemento dos medios públicos a intereses gobernamentais contrarios á función de servizo público. Os dous partidos que hoxe gobernan Galicia presentáronse ás eleccións asumindo o compromiso de que o director xeral da CRTVG fose elixido por maioría cualificada do Parlamento. Iso a día de hoxe é só unha promesa electoral.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha corporación de dereito público, creada por lei do Parlamento, que ten por finalidade a defensa dos intereses profesionais dos xornalistas galegos e a defensa dos dereitos dos cidadáns a aceder a unha información veraz e plural."

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2006