A FeSP e o SXG reclaman a reforma das radios e televisións autonómicas no sentido da lei de RTVE

Como era previsible, a polarización da clase política española nos últimos tempos penetrou a fondo nos medios públicos de comunicación, e sobre todo nos utilizados de ariete contra o Goberno central. Hai anos que a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), denuncia o modelo oficialista de medios públicos, que a pesar da oposición dos profesionais e aos avances en RTVE e na próxima lei da CCRTV en Cataluña, mantense e agudiza en diversas comunidades autónomas onde os seus Gobernos non se dan por aludidos respecto da esixencia de democratizar e liberar de partidismo as súas radios e televisións, que deberían estar ao servizo de toda a sociedade.

Esa necesidade obxectiva de reforma ponse de manifesto unha vez máis ante casos escandalosos como o de Telemadrid, controlada e dirixida por un Goberno do PP que se permitiu desmantelar a tímida realidade dun Consello Audiovisual co argumento tramposo de que podía significar unha inxerencia sobre os medios: desde logo, os populares parecen preferir o control directo.

Os medios públicos deben ser de todos

A loita dos traballadores e traballadoras de Telemadrid é neste sentido paradigmática, e non debe permanecer illada, porque defende os valores profesionais da información e do servizo público auténtico, ambos na picota polo descarado intervencionismo político do Goberno autonómico.

Por iso, a FeSP chama á solidariedade cos compañeiros de Telemadrid, non só en forma de apoio público, senón asumindo as súas reivindicacións nos medios públicos de comunicación, especialmente aqueles de ámbito autonómico dirixidos por Gobernos que non pensan ceder na súa vontade de control duns medios que por definición deben ser de todos.

A CRTVG promete de novo lanzar a segunda canle

FÓRA ANUNCIADA INICIALMENTE PARA 2006

A publicación La Voz de Galicia publica que o director xeral Benigno Sánchez defende que o ente público galego de televisión "está traballando a reo" para que a segunda canle "sexa unha realidade para todos os galegos no 2007".

O xornal baseado na Coruña indica que Sánchez admitiu que existen problemas técnicos, de financiamento e de contidos que fan que o proxecto sufra demoras, tal e como sucedera o ano pasado. A CRTVG anunciara a segunda cadea da galega para 2006, pero non cumpriu esta promesa.

A CIG arremete contra a Vicepresidencia pola volta de Superpiñeiro á CRTVG

DURA CARTA ABERTA CONTRA ANTÓN LOSADA

"Nós o único que lembramos del é o contido chocalleiro dos seus anteriores programas nos que o papel asignado ás mulleres era denigrante e de mero obxecto. Ou é que a vostede só lle preocupan os maiores e non o resto da sociedade?"asegura o sindicato nacionalista nesta misiva.

Sobre o apoio de Losada á volta de Piñeiro, a CIG pregunta a Losada se "aplaude vostede porque ese programa se faga por unha produtora allea á TVG, o que contribuirá, sen dúbida, ao enriquecemento dalgúns ao tempo que precariza as condicións laborais de moitos?".

A CRTVG afronta 17 xuízos máis esta semana

Dezasete novos xuízos contra a Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) comezan esta semana en Lugo e Ferrol. Os demandantes, que traballan nas delegacións do ente, reclaman que se lles recoñeza a súa vinculación laboral directa coa CRTVG. O Sindicato de Xornalistas de Galicia apoia aos informadores, ata agora contratados a través de produtoras privadas. En total, son máis de corenta os asalariados –das delegacións de Lugo, Madrid, Burela, Pontevedra, Vigo e Ferrol- que demandaron á Compañía de xeito coordinado.

As sentencias ditadas ata hoxe obrigan á CRTVG a contratar aos informadores. O último xuízo fallouse nos últimos días en Lugo a favor de dous demandantes. O Xulgado do Social número 2 de Lugo admitiu o dereito de Félix Aragunde e Carmen Adrio a ser persoal laboral indefinido por existir cesión ilegal de traballadores por parte da empresa produtora El Progreso S.L á CRTVG. Os outros dous xuízos anteriores concluíron con sentencias case idénticas en contra da CRTVG e da Produtora Faro en Vigo.

Cumprir o que prometeron PSdG e BNG cando estaban na oposición
Ante a acumulación de pronunciamentos xudiciais nesta liña, o SXG esixe que o Ente deixe de desperdiciar o diñeiro público en custes xudiciais. O SXG reclama á dirección que cumpra dunha vez o seu compromiso público de regularizar o emprego, tanto nas delegacións como en San Marcos.

De non regularizar o cadro de persoal da CRTVG, que se atopa nunha gran parte en precario, o goberno bipartito, de quen depende a Compañía, estará a incumprir un dos compromisos que o levaron o poder. Cómpre lembra que tanto PSdG como BNG prometeron promover a independencia dos medios públicos; e é evidente que sen estabilidade laboral os informadores non poden traballar sen sentirse presionados polo poder político.

Información pública feita por produtoras privadas
Unha empresa pública como a CRTVG non pode recorrer a subcontratas para reducir os dereitos dos traballadores, algo que evidentemente prexudica a independencia coa que estes profesionais poden informar aos cidadáns galegos.

É inadmisible que as delegacións estean en mans de produtoras particulares, varias delas propiedade dos principais editoras de xornais de Galicia. Cómpre lembrar que as delegacións producen a maioría dos informativos que emite a cadea pública. Por exemplo, unicamente o 37% do tempo dos telexornais foron de "produción propia" en setembro de 2005, tal e como recoñeceu a dirección da Compañía ao Parlamento de Galicia.

Lista de xuízos nos próximos días

O próximo mércores 24, celebraranse tres xuízos en Ferrol. O día 25 serán vistos os casos de 11 traballadores da TVG en Lugo. O venres 26 revisaranse as demandas de tres redactores máis, tamén na capital lucense.

A primeira sentencia deste grupo de demandas deu a razón á redactora Anxos Padín, que levaba sete anos traballando na Delegación de Vigo contratada a través dunha produtora privada. A sentencia permite á xornalista figurar na nómina da "Galega" e gozar da antigüidade correspondente. A segunda sentencia tamén deu a razón a xornalista Iria Lagarón, nunhas circunstancias similares. As tres sentencias xa ditadas en Lugo conteñen unhas conclusións moi parecidas ás de Vigo. É de agardar pois que o resto das sentencias se pronuncien no mesmo sentido.

Máis comunicados do SXG sobre este caso:

O SXG publica unha das sentencias que obriga á CRTVG a contratar aos traballadores das delegacións

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) decidiu por a disposición de todos os traballdores da comunicación sentencian pola cal a Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG)debe contratar indefinidamente a unha informadora.

Esta sentencia é a segunda que condena a CRTVG a contratar a un traballador da súa delegación de Vigo, que anteriormente estaban subcontratados a través da Productora Faro.

Ámbolos dous traballadores forman parte do colectivo de informadores que decidiron denunciar á Compañía, para que se lle recoñecese a súa relación laboral directa co ente.

O SXG apoia as demandas dos traballadores. Nos próximos meses produciranse máis xuízos e, previsiblemente, máis sentencias serán contrarias á CRTVG.

O Sindicato quere recordar ao director do ente o seu compromiso público de acabar coa precariedade laboral, que sufre unha gran parte do cadro de persoal, tanto en Santiago como nas delegacións.

Ademais, lembra que os beneficiarios das subcontratacións das delegacións son compañías filiais dalgúns dos xornais máis importantes de Galicia.

O Sindicato entende que esta privatización do servizo público vai en contra da independencia destes medios de comunicación, que reciben cartos dende a Xunta por unha tarefa -a elaboración de contidos informativos – que debería ser xestionada directamente pola CRTVG.

Máis comunicados do SXG sobre este caso: